Segunda novela de Unai Elorriaga, gañador do Premio Nacional de Literatura o ano pasado con “Un tranvía cara a sp” (Galaxia, 2002). Esta nova narración introdúcenos nun universo orixinal, que achega o lector a un xeito novo de contar, cunha capacidade de fascinación que sobrepasa os propios límites do xénero novelesco. Segundo afirma María Liñeira. Unai Elorriaga escribe “como se aínda non estivese todo inventado, como se a literatura aínda fose nova e non tivese que renderlle contas a ninguén. (...) Sen falsas reverencias, con pouco pudor, xogando”. Unha novela, segundo ela, para lectores “google”, lectores activos do século XXI.
29 / 3 / 2004
Santiago.María Liñeira
Acaba de chegar ás nosas librarías unha das novidades editoriais máis esperadas, a tradución da segunda novela de Unai Elorriaga, “O pelo de Van’t Hoff” (Van’t Hoff ilea), o mozo vasco ao que no ano 2002 se lle concedeu, no medio dunha forte polémica, o Premio Nacional de Narrativa. O xurado seleccionou “Un tranvía cara a SP” (SPrako tranbia), a súa primeira novela, só por un feixe de páxinas, e o propio autor traduciu o resto da obra ao castelán para que o xurado a puidese ler integramente. A concesión dun Nacional de Narrativa a un escritor novo, primeirizo e aínda por riba en lingua vasca pareceulle a moitos precipitada e manipulada. O éxito de vendas e de crítica foi o suficientemente elocuente. Unai Elorriaga escribe como se aínda non estivese todo inventado, como se a literatura aínda fose nova e non tivese que renderlle contas a ninguén. Escribe así, sen falsas reverencias, con pouco pudor, xogando. E xogar é unha palabra que se repite incansábel nas súas novelas e nas súas entrevistas. Porque no fondo, non lembro quen o dixo, somos máis homo ludens do que homo sapiens.
A Editorial Galaxia ofrécenos, ao igual que xa fixera con “Un tranvía cara a SP”, a tradución da novela vasca ao tempo que esta sae en castelán. Unha aposta clara por un sistema de traducións competitivo co castelán porque as últimas teorías literarias xa demostraron abondosamente que este é un elemento chave na normalización dun sistema literario. Na miña teima por ler a letra pequena (mea culpa) vexo que os responsábeis pola traducción de “O pelo de Van’t Hoff” son Xesús Carballo Soliño e o propio Unai Elorriaga, tradutor de profesión. As linguas coas que este traballa son o vasco, o castelán, o portugués e o galego. Foi el quen verteu ao éuscaro a Marilar Aleixandre ou a Agustín Fernández Paz. No entanto saber que Elorriaga é deses autores ao que lles gusta modificar o texto mentres traducen prodúceme unha sensación moi agre porque as súas novelas, “Un tranvía cara a SP” e “O pelo de Van’t Hoff”, son moito máis grandes do que o seu argumento, son libros nos que cada palabra é realmente importante. Podería dicir que “O pelo de Van’t Hoff” conta a historia de Matías Malanda, un funcionario que viaxa a Idus co encargo de recoller “vidas especiais da xente”. Podería dicir que se aloxa na Pensión Malanda e que esta me lembra á Pousada Almayer do “Oceano mare” de Alessandro Baricco, un dos poucos autores contemporáneos, xunto con Antonio Tabucchi e Manuel Rivas aos que o autor confesa seguirlles a pista. Tamén podería dicir que Matías Malanda ten unha pelota de goma cunha serpe dentro, dúas saquetas con soldadiños de chumbo, un dicionario de portugués e un dicionario enciclopédico. Le a Faulker e a novela “Vredaman” de Erhard Horel Beregor. Non lle gusta a verdura e adora o momento da ducha. Pero tamén debería dicir algo sobre a enciclopedia Tabucchi e os papeis agochados nela. E tamén debería dicir algo sobre o Museo de Idus e o cadro de Alfred Tauman “Unha visita inesperada” (1922) e as abellas. E aínda así seguiría sen ter dito nada.
“O pelo de Van’t Hoff” é escrita lúdica, xogo coa lingua, coas personaxes e sobre todo coa realidade. É unha novela para lectores google, lectores activos do século XXI aos que lles pique a curiosidade por saber se as ducias de nomes que poboan as súas páxinas teñen ou non un referente real. Historias engarzadas coma bonecas rusas nas que se xoga á realidade e á fición todo o tempo. E non deixa de lembrarme ao autor portugués de banda deseñada Jose Carlos Fernandes ou ao propio Álvaro Cunqueiro. “O pelo de Van’t Hoff” foi definida polo propio Elorriaga como “unha novela gamberra”, porque cómpre ter moita personalidade para levar o pelo coma Van’t Hoff. Unha obra irónica e ao mesmo tempo tenra, delirantemente divertida. Un libro que pide a gritos un lector cómplice, igual de gamberro, un lector google.