Puntuación: 2.4/5 (40 votos)
Unai Elorriaga publica “O pelo de Van't Hoff”, a súa segunda novela. Editorial Galaxia, que xa editara en galego “Un tranvía cara a sp”, coa que o autor vasco obtivo o Premio Nacional de Literatura o ano pasado, tira agora do prelo esta segunda entrega narrativa. A novela introdúcenos nun universo absolutamente orixinal, que achega o lector a un xeito novo de contar, cunha capacidade de fascinación que sobrepasa os propios límites do xénero novelesco.
A novela comeza coa chegada dun funcionario á vila de Idus. Matías Malanda ten a misión de realizar unha enquisa co obxectivo de reunir biografías de xente cunha vida inusual. Coma a do arquitecto que construíu con forma de tesoira o único museo existente en Idus, a do vendedor italiano que consegue que a maioría dos habitantes da vila merque unha enciclopedia Tabucchi, a do vello dunha pensión que inventara unha fórmula matemática complicada e só saía do cuarto cando se cumpría esa fórmula, a do restaurador de arte que non é quen de explicar as razóns polas que un cadro está permanentemente cuberto de insectos ou a dos irmáns que venden todo canto teñen para ir xogar a Lituania o campionato dun xogo con normas que varían en función da hora e do día. Para rematar, a biografía de Van't Hoff, personaxe real pero que semella tirado dun conto.
En “O pelo de Van 't Hoff”; Unai Elorriaga crea un universo narrativo propio e fascinante. Se o punto de partida da novela pode lembrar a escena coa que Franz Kafka inicia a súa novela O castelo, a historia que conta Elorriaga axiña chega a adquirir un ton de orixinalidade no que os múltiples personaxes que van poboando a novela sorprenden con historias cada vez máis inesperadas. O lector queda cativado pola maxia dunha prosa que consegue superar as barrei- ras da narrativa convencional. Cunha imaxinación abraiante, “O pelo de Van 't Hoff” aproxímanos ao xogo, e con el á nenez, para facernos contemplar o mundo con ollos novos.
[presentación editorial]