Este libro afonda no estudo das etapas máis temperás do teatro galego, desde finais do século XIX até o comezo da Guerra Civil. Unha revisión histórica desde unha perspectiva de análise até o de agora inexplorada. O autor tira da Teoría Xeral de Sistemas para achegarse ao ocorrido co teatro no período de configuración do pensamento galeguista. Desde a súa crítica Inma López Silva considera lúcida esta nova achega á historia do teatro en Galicia que atende á evolución dun teatro que pasa de ser ruralista e costumista a amosar un interesante diálogo coas vangardas europeas.
15 / 3 / 2004
Santiago.Inma López Silva“A configuración do sistema teatral galego (1882-1936”) é a última obra publicada por Manuel F. Vieites, nesta ocasión na editorial Laiovento. Mediante este libro, o autor afonda en conceptos e termos xa empregados por el anteriormente, mais que nesta ocasión atopan espazo para unha teorización e unha discusión ampla. Baixo a tese de que a definición do sistema teatral galego non pode ser entendida sen ter en conta unha esfera pública marcada pola procura da autonomía etnoestética, Vieites avanza nunha análise do teatro que supera a lectura e vai descubrindo veos de hermeneuse sociocultural.
Aplicando con lucidez e detemento as teorías de campos de Pierre Bourdieu e os polisistemas de Itamar Even-Zohar, Vieites trata os distintos elementos do protosistema teatral galego, centrándose na configuración dunha dramaturxia autóctona baseada, esencialmente, en factores de produción: textos e autores.
Mais un dos intereses primordiais deste libro radica na atención dedicada aos procesos de canonización a través da creación de repertorios e definición dos públicos, de xeito que aplica ás etapas máis temperás do teatro galego unha tendencia última nos estudos teatrais. Conséguese, así, unha nova achega e explicación do teatro, alén, por suposto, dunha renovación (necesaria) das olladas vertidas arredor da historia do teatro en Galicia.
A sección temporal estudada por Manuel F. Vieites non é, tampouco, casual. 1882-1936 non é só a fase de constitución e asentamento (para logo desaparecer) do sistema teatral galego, senón que é tamén a etapa de configuración dun pensamento diferencial que, en Galicia, atopaba ámbitos de expansión ideal nos discursos culturais. Vieites demostra, polo tanto, que o proxecto teatral dos primeiros galeguistas ía máis alá do interese estético, mesmo literario ou xenérico (a vontade de constitución dun xénero fundamental para o que hoxe denominamos “normalización literaria”). Os primeiros balbúceos do teatro galego amosan que había xa daquela a consciencia dunha necesaria concepción pública e visíbel do teatro coma produto literario e coma produto escénico.
Deste xeito, A configuración do sistema teatral galego atende á evolución dun teatro que pasa de ser ruralista e costumista a amosar un interesante diálogo coas vangardas europeas. Así, Vieites demostra que, contra o que pode parecer nunha tradicional historiografía literaria galega empeñada en ver no teatro de entreséculos un xénero menor, a produción dramática de fins do XIX e comezos do XX contribuíu de modo decisivo á configuración de modelos de referencia desde onde asentar a definición actual do sistema teatral galego.
Por isto, nesta última entrega de Vieites, fronte aos títulos das obras e mesmo fronte aos nomes dos autores (tamén presentes), cobran importancia outros factores que contribuíron de modo relevante á creación de tecido teatral: o interese pola crítica teatral na prensa (cos espazos en revistas coma Nós, A Nosa Terra, Revista Gallega ou El Pueblo Gallego), o interese pola formación teatral a través da Escola Rexional de Declamación, ou o emprego do teatro como acto público que podía servir coma dinamizador dunha sociedade na que se xestaban os primeiros pasos dunha conciencia identitaria.
Efectivamente, Vieites demostra que non é imposíbel en Galicia unha “lectura sistémica do feito teatral”, ao tempo que presenta tódolos interrogantes e retos que aínda están por superar nunha historiografía teatral galega na que a evolución do teatro sexa amosada máis alá do exercicio erudito.