A Guía do autostopista galáctico e un sorprendente libro, protagonista á súa vez deste, que recolle o saber intergaláctico e que advirte na súa cuberta QUE NON CUNDA O PÁNICO. Seguindo a Arthur Dent, un dos dous únicos seres humanos superviventes á demolición do planeta para a construción dunha vía rápida hiperespacial, descubrimos que a galaxia pode ser un sitio moi, moi divertido.
24 / 5 / 2010
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra
Se un amigo se achegase a nós cando pelexamos porque non derruben a nosa casa, nos levase case a rastro a un bar para beber un par de cervexas e nos dixese que o planeta será destruído nuns minutos e que se temos a man unha toalla, como o tomaríamos? Pois iso é o que lle pasa a Arthur Dent, un dos dous únicos seres humanos superviventes á demolición do planeta para a construción dunha vía rápida hiperespacial. O que Arthur non sabe é que iso é só o comezo dunha inquedante aventura polo espazo que vai cambiar radicalmente a súa visión da vida, do universo e de todo o demais.
A
Guía do autostopista galáctico constitúe a aposta de lanzamento en papel da editora 2.0, unha aposta editorial que combina a publicación en formato tradicional e nos novos soportes dixitais. A oferta non podería ser máis tentadora unha vez que esta obra do ano 1979 non contaba aínda con tradución ao galego, mentres que os seguidores de Douglas Adams se contan por millóns. O 25 de maio, Día da toalla, é data oficial de homenaxe ao seu autor, pero quen queira saber por que a toalla é o símbolo desa lexión de fans terá que ler a
Guía, unha lectura extremadamente recomendable.
A demolición da terra para a construción dunha vía rápida hiperespacial é só o primeiro dos moitos paralelismos que o libro nos ofrece coas nosas vidas. Situacións cotiás relatadas como fenómenos inimaxinables acontecidos nos confíns do universo son a receita desta comedia hilarante sobre a especie humana que é, segundo os protagonistas da saga, tan só a terceira especie máis intelixente do planeta. Pero ese dato só é unha dose ínfima do relativismo contido nese espello que Adams coloca en fronte nosa para que nos vexamos con máis nitidez canto máis deforma a imaxe que nos ofrece.
A tradución, da man de Ruth Layús Quiroga, posúe unha calidade lingüística e unha variedade léxica que deberían marcar a pauta para calquera tradución ao galego hoxe en día. No entanto, bótase en falta unha advertencia do tipo "tradución e adaptación" na portada do libro. Ver transformada a toalla de Marks & Spencer nunha toalla de Valença do Minho ou o "You'll never walk alone" en "Adiós ríos, adiós fontes" constitúe unha dura proba para os amantes da saga. A vontade de evitar que o lectorado perda información acaba derivando nun choque cultural maior do que se procura mitigar. Menos comprensible aínda é que os reloxos dixitais se transformen en PDA, por exemplo, algo que non parece ter moito sentido dado que as traducións adaptadas non se caracterizan precisamente por ser as máis resistentes ao paso do tempo. En calquera caso, máis que valorar a pertinencia ou improcedencia destas adaptacións, paréceme que abonda con reivindicar a advertencia desas intervencións sobre o texto para evitar o impacto que supoñen nas e nos fans de Adams.
Velaquí unha novela na que os fillos de papá que non teñen nada que facer se dedican a buscar planetas que aínda non fixeron contacto interestelar para aterrar onda algún infeliz e pasear diante del con antenas de pega facendo "bip bip", na que pode haber castiñeiros cargados de percebes, monos adaptando o guión de Hamlet, testos de petunias asasinados... e todo na compañía de dous humanos, Arthur Dent e Trillian, un presidente da Galaxia moi desvergoñado, Sappo Bebecé, un investigador da
Guía do autostopista galáctico, Ford Prefect, e un robot maníaco-depresivo, Marvin. "Podes vir comigo e pasalo ben. A Galaxia é un sitio divertido" (55), esa é a oferta que Ford lle vai a Arthur logo de seren rescatados do planeta por unha nave vogona. E abofé que o é, divertido, orixinal e tremendamente emocionante. Unha lectura imprescindible para calquera que goce co sentido do humor máis intelixente e retorcido e para a que a única contraindicación posible é a probabilidade de engancharse coa primeira entrega desta triloxía en cinco libros.