Só se protexe o que se coñece e se quere. O enfoque asumido neste caderno recolle o mellor da tradición das catalogacións etnoarqueolóxicas desenvoltas polo Seminario de Estudos Galegos na preguerra, adaptándoo aos novos tempos e inferíndolle unha clara vocación de transformación da realidade na liña dunha Arqueoloxía crítica. Este libro engade a descrición exhaustiva dos xacementos unha diagnose orientada cara ao futuro.
9 / 11 / 2009
Xurxo M. Ayán. Santiago
A nova entrega da serie Cadernos de Estudios Oleirenses é un libriño redondo como o castro de Vixía Subiña debuxado polo patrucio Ángel del Castillo. Redondo porque satisfai a tódolos públicos, aos habitantes novos e vellos de Oleiros que procuran información sobre a realidade na que viven, aos investigadores e eruditos que traballan sobre o poboamento castrexo e a romanización, aos antropólogos que tentan analizar os cambios acontecidos polo impacto da Modernidade en áreas periurbanas (agora xa plenamente urbanas), aos encargados de administrar o Patrimonio arqueolóxico local. Redondo porque parte dunha metodoloxía de traballo rigorosa e supón todo un esforzo de actualización do catálogo de xacementos do concello, inserindo os datos no estado actual de coñecementos cunha bibliografía moi completa. E redondo porque se acada todo iso nun caderno de doada e áxil lectura que rezuma agarimo editorial.
Acadando obxectivos
”O noso obxectivo é pór de manifesto a perentoria necesidade de salvagardar este patrimonio cultural, non so a través de actuacións institucionais, senón a través da toma de conciencia da nosa sociedade” (páx. 12). Iniciativas coma esta son as que turran polo Patrimonio arqueolóxico do noso país. Só se protexe o que se coñece e se quere. A este respecto, o traballo desenvolto en Oleiros é un bo exemplo do peso do asociacionismo e das comunidades locais na recuperación da materialidade da memoria (iso é o Patrimonio). Velaí está o inxente labor da Asociación de Amigos dos castros de Cuntis (cerne da Fundación que xestiona Castrolandín) ou os primeiros pasos da Asociación Monte da Estrela nunha área xemelga de Oleiros como é Arteixo, coa súa presión urbanística, as súas industrias e o deterioro paseniño do medio natural. Con todo, este caderno amosa outra faciana que lle confire un valor engadido: a colaboración entre arqueólogos profesionais de empresas e unha arqueóloga da Universidade cun claro perfil orientado cara á Arqueoloxía social.
O rigor científico combínase cunha ollada aberta á realidade do presente, facéndose eco das dinámicas que vive o territorio, dando validez a novos soportes coma os blogs (obrigada consulta de www. pasadoreciclado.blogspot.com), as informacións divulgadas pola prensa, ou as propias referencias orais dos habitantes da zona. Sen dúbida, o enfoque asumido neste caderno recolle o mellor da tradición das catalogacións etnoarqueolóxicas desenvoltas polo Seminario de Estudos Galegos na preguerra, adaptándoo aos novos tempos e inferíndolle unha clara vocación de transformación da realidade na liña dunha Arqueoloxía crítica.
Valorando o Patrimonio
”Si de cotío falamos dos castros no pasado como asentamentos defendidos, neste traballo temos falado da indefensión dos castros na nosa era contemporánea. Esperamos que esta e outras iniciativas permitan falar dun porvir digno para os castros de Oleiros” (páx. 63).
Porque este libriño non se para unicamente nunha descrición exhaustiva dos xacementos, senón que supón o primeiro chanzo para revalorar ese Patrimonio Arqueolóxico. En realidade, constitúe unha diagnose orientada cara ao futuro (
o porvir, cap. VIII), unha síntese sagaz que se adentra nas transformacións brutais do territorio de Oleiros. A conformación desta nova realidade ponse de manifesto claramente ao abordar o Patrimonio inmaterial (cap. VI); as lendas recolleitas a penas recordan xa o imaxinario popular tradicional, mesturando distintas realidades, diferentes formas de narrar. Asemade, a paisaxe mudou por completo coa chegada masiva de nova poboación, cun urbanismo que destruíu o espazo e cunha urbanidade que fixo desaparecer a memoria vencellada ao territorio. Impresionante resulta ver este proceso na comparativa que os autores amosan entre a fotografía do voo americano dos anos 50 e a actualidade, especialmente no caso do Morro Canide ou Castrillón (páx. 30). Neste contexto,
Os Castros de Oleiros é todo un exercicio de Arqueoloxía de urxencia, un alegato a prol do ordenamento racional do territorio e un bo comezo para a recuperación desta memoria abeirada.
Con iniciativas coma esta acadouse noutros contextos virar dinámicas perniciosas para o Patrimonio Arqueolóxico. Coñecemos ben o caso de Százhalombatta (
as cen mámoas) unha vila ao sur de Budapest convertida en macrocidade a partir da instalación nos anos 60 de industria pesada. O paseniño traballo dende aquela do Museo local e de investigadores, homes e mulleres, especialistas en Arqueoloxía e Etnografía acadou que hoxendía o Patrimonio arqueolóxico sexa sinal de identidade local, contando co parque arqueolóxico máis importante de Centroeuropa. Maneiras de vivir.