A obra galardonada co Premio de Teatro Rafael Dieste 2007 da Deputación da Coruña é un exemplo case paradigmático do “teatro para ler” tocado polo encanto da literatura de Teresa Moure canto á selección do tema e do punto de vista, sempre novidoso e mesmo provocador. Unha confrontación coa tradicional lectura e interpretación da Idade Media e unha reivindicación da muller como individuo independente capaz do amor máis romántico.
27 / 10 / 2008
Inma López Silva.VigoSe cadra a mellor maneira de “ler”
Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, sexa optar por ver a montaxe teatral realizada por Xulio Lago á fronte de Teatro do Atlántico e unha troupe de excelentes actrices que dan vida ás personaxes da primeira peza dramática da novelista monfortina. Por regra xeral, esa é a mellor maneira, sen dúbida, de acceder aos textos teatrais, a través de alguén que os di sobre o escenario, a través desa alquimia estraña que é ver, oír e vivir as sensacións do aquí e agora teatral. Mais nunha obra coma esta de Teresa Moure ese desexo de experimentar o texto escenicamente medra á medida que se vai lendo pois parece unha peza teatralmente imposíbel, un exemplo case paradigmático do “teatro para ler”, e aínda así, tocado polo encanto da literatura de Teresa Moure canto á selección do tema e do punto de vista, sempre novidoso e mesmo provocador. Neste caso, a historia de amor entre a abadesa dun convento, Aldara, e un soldado que resulta ser unha muller converte o espazo intramuros nun ámbito de liberdade, buscando así, desde o presente, unha confrontación coa tradicional lectura e interpretación da Idade Media e unha reivindicación da muller (e da muller monxa) como individuo independente capaz do amor máis romántico (e por veces melindreiro) simbolizado a través da primavera que aparece no título e na que ten lugar o acontecemento central da trama.
No desenvolvemento da historia, malia ter optado polo xénero dramático, creo que non se pode perder de vista o oficio de novelista da escritora.
Unha primavera para Aldara é ante todo un texto que bebe fondamente do oficio narrativo e que responde a unha estrutura secuencial difícil de levar tal cal ao escenario. Por momentos, semella que a obra foi pensada para o cine, coas súas secuencias, os seus espazos en off e os seus longos parlamentos, e unhas acotacións por veces literarias e por veces máis semellantes a un ollo de cámara ca a un ollo de espectador, delatan a feitura só en parte teatral da obra. O que interesa, sen dúbida, é a historia, e precisamente a historia (e non o texto íntegro ou a estrutura como tal) é o que chega aos escenarios da man de Xulio Lago e Teatro do Atlántico con éxito.
Desde un punto de vista literario,
Unha primavera para Aldara supón unha dificultade escénica que non sempre é fácil de salvar: o travestismo como recurso que, hoxe por hoxe, é pouco verosímil (érao nos tempos do teatro isabelino, nos que a propia posta en escena supuña o travestismo do home para personaxes femininos, pois ás mulleres estáballes prohibido o oficio de actriz) e que transmite esa falla de verosimilitude á credibilidade da propia historia. Asemade, dáse unha translación ao espazo medieval de problemas propios da percepción actual e liberal-progresista do mundo como a acción colectiva contra o maltrato ás mulleres, a ruptura dos códigos de xénero e sexo socialmente estabelecidos, a reivindicación da independencia vital e intelectual das mulleres, cuestións que supoñen un exercicio literariamente suxestivo. Mais, pola mesma, tamén poñen o teatro nos límites da súa propia definición fondamente determinada polo
hic et nunc da posta en escena e condúcennos aplicarlle a
Unha primavera para Aldara a dúbida razoábel sobre a súa teatralidade.
Teresa Moure, como adoita facer na súa escritura, propón levar a historia, o pensamento, a literatura e o propio teatro deica os límites, obrigándonos a ler
Unha primavera para Aldara co punto de vista de quen le narrativa mais sabe que debe trasladar todo iso ás normas da lectura teatral. Suxire unha ruptura do xénero, se cadra máis desde o costume da novelista ca desde a vocación rupturista da dramaturga, pero, en todo caso, o reto queda aí exposto para que os artífices da posta en escena o recollan e llo trasladen ao público. Entre tanto, o que queda é a literatura. Pois quizais sexa preferíbel falar de
Unha primavera para Aldara coma un texto, ante todo, literario, malia que fose galardoado co Premio Rafael Dieste de teatro e malia que pasase dos papeis ás táboas moito máis rápido do que adoita acontecerlles á maior parte dos dramaturgos galegos. Claro que o teatro só nunhas poucas ocasións cada lustro consegue contar co nome dos novelistas exitosos que se prestan coma Teresa Moure a prestar a súa escritura con talento para a devandita alquimia máxica que é o teatro.