O volume de Alison Hodge consegue ampliar significativamente o corpus teórico sobre arte dramática que está dispoñible en galego. Tomando ao actor e a súa formación como centro do feito teatral, o libro de Hodges é, segundo Andrea Álvarez, unha atractiva contribución á reflexión sobre a necesidade desa formación cara a conseguer sacar adiante unha labor creativa nun espazo de liberdade propio.
12 / 1 / 2004
Andrea Álvarez. Santiago
Galaxia vén de editar, en colaboración co Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), o segundo título da colección Biblioteca de Teatro, unha tradución ao galego de Manuel F. Vieites.
Alison Hodge coordina un conxunto de ensaios breves escritos por diferentes profesionais do teatro que recapitulan o esforzo indagador no campo da formación do actor occidental moderno de catorce dos máis senlleiros creadores teatrais dos últimos cen anos.
"Teoría e Práctica da Interpretación" constitúe unha atractiva contribución analítica á reflexión sobre a necesidade da formación do actor, que ten que baleirarse para poder desenvolver a súa labor creativa nun espazo de liberdade propio, que lle pertence, polo que debe coñecer os mecanismos que lle permitan descubrir os seus límites persoais e transcendelos.
Produto dunha ansia de investigación constante estimulada polo auxe da ciencia positivista, o boom das metodoloxías inunda o mundo da escena da man de actores e actrices reconvertidos en directores, figuras que se ben antes non existían, agora, como autores da posta, introducen fondas modificacións no proceso creativo e na propia concepción do feito teatral.
Neste contexto, que asemade implica falar de paradoxos e contrastes, de pluralidade e de influxos interculturais, a práctica escénica do século XX en Europa e América do Norte supuxo a reconsideración non só do papel do actor como peza clave da engranaxe espectacular, senón, tamén, da mesma noción de 'actoralidade' e das aproximacións ao coñecemento da natureza íntima da interpretación.
A necesidade de reenfocar o proceso de formación sitúase no punto de mira dos grandes creadores. Iníciase unha intensa labor de investigación na procura de novas propostas de traballo que parten da inevitábel reacción contra o desgaste dunha estética naturalista empeñada en seguir considerando ao actor como simple instrumento de imitación.
Pese a que, só nun principio, a intención de Stanislavski foi a de artellar un sistema interpretativo único aplicábel na construción de calquera formato ou estética teatral, a formación do actor do século XX caracterizouse pola deslexitimación desa pretensión de universalidade e pola identificación dunha matriz de principios básicos que inmediatamente encontrarían plasmación práctica en técnicas específicas de formación e canalizarían opcións estéticas distintivas.
A coherencia estrutural do libro reflite estes niveis teórico, práctico e espectacular. Os capítulos organizan a información en tres bloques de maneira que, despois dunha interpretación máis ou menos obxectiva -nunca dogmática ou prescritiva como a miúdo adoita acontecer- dos principios teóricos capitais de cada director, expóñense, con abraiante precisión, os exercicios que estes propoñían nas súas compañías-laboratorio para a súa aplicación práctica. Por último, explícase a concreción das técnicas actorais na posta en escena.
Stanislavski, Meyerhold, Michel Chekhov, Copeau, Brecht, Littlewood, Strasberg, Adler, Meisner, Chaikin, Grotowski, Brook, Barba e Staniewski tentaron a renovación do teatro desde o teatro, desde o seu epicentro, e concluíron que a súa esencia fundamental está precisamente no actor, quen debe tomar conciencia de sí mesmo a través da educación do equilibrio entre a mente e o corpo, do adestramento físico e do xogo, da improvisación e da desautomatización do hábito e do coñecido na busca da maior autenticidade.
A pertinencia da publicación deste volume radica, por un lado, en que se ofrece como unha guía imprescindíbel para o profesional do teatro; por outro, na necesidade de subsanar a carencia de estudos en galego sobre aspectos especificamente teatrais, é decer, sobre o teatro como texto espectacular. Neste sentido, a posta en marcha da colección Biblioteca de Teatro semella un bo comezo.