Neste libro de creación conxunta os autores descontextualizan o significado das cousas, alteran por sorpresa o seu estado natural e propóñenlle ao lector un xogo para descubrir a vida oculta dos obxectos. A maxia fica garantida desde o comezo para logo aumentar ao contemplar a conxunción entre texto e imaxe, dúas realidades que dialogan moi habilmente ata fundirse nunha soa.
31 / 3 / 2008
Montse Pena Presas. Santiago
O mundo do álbum ilustrado galego segue a nos sorprender grazas á conxunción entre Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre. O primeiro, editor e grande adaptador de narracións populares (boa mostra diso son as súas versións d'O coelliño branco, “Poucapalla” ou “O frautista de Hamelín”), xogantín e agudo manipulador da linguaxe, sorpréndenos de novo cuns textos fermosos, precisos e case que máxicos en Imaxina animais. O segundo, artista plástico e visual, con parte da súa obra consagrada ás ideasobxecto (como se pode comprobar en “Con objeto de expresar”), é o mago que nos leva a coñecer unha manchea de seres que están vivos e nós non o percibiramos. Nas imaxes de Vidaurre os obxectos cotiás (un tirarrollas, un metro, unha bombilla, por exemplo) saen da súa rutina e cobran vida, adquirindo misteriosamente a forma e o xeito de aves, mamíferos ou peixes. Pola súa banda, os textos de Ballesteros parten das instantáneas do artista e dende o comezo convidan aos lectores e lectoras a enchouparse do universo que ambos os dous nos propoñen. Un universo en que o metrocol (mestura de caracol e metro), o tibulatas (híbrido de tabeirón e abrelatas) e demais familia habitan nos lugares máis recónditos agardando a ser descubertos.
Os autores principian animándonos a soñar , facéndonos crer que quen os fotografou tivo que viaxar a lugares afastados, recreados por todos en innumerables ocasións (coma o polo ou a selva amazónica) e que o que escribiu tivo que procuralos longo tempo en bibliotecas e arquivos varios. A maxia fica así garantida dende o comezo, para logo aumentar ao contemplar a conxunción entre texto e imaxe, dúas realidades que dialogan moi habilmente ata fundirse nunha soa. As composicións visuais, unha perfecta mestura entre o collage e a fotografía, teñen a forza da sinxeleza e o pulo do marabilloso que xorde do cotiá; se resultan tan impactantes seguramente é porque unicamente Vidaurre é quen de facernos ver un pingüín nun interruptor con tan só colocarlle dous pequenos ollos. Mais a laboura de Ballesteros non é menos significativa: con estrutura que imita aos clásicos glosarios de animais para a infancia (en que se indica o hábitat, as características físicas e os hábitos), a súa prosa vén marcada, como o fai habitualmente, por enxeñosos xogos de palabras, por un vocabulario preciosista e coidado, por unha poeticidade precisa, pola parodia dalgúns antropónimos e por un humor fino que parte da alusión a trazos verídicos de animais. Precisamente é aí onde volven cinguirse palabra e imaxe, pois os dous elementos móvense na estreita liña que separa a realidade da fantasía, o verdadeiro do ficcional e que tan bos réditos lle ten fornecido á literatura e, en xeral, a todas as artes. O ludismo entre o obxecto que se transfigura en animal e o animal propio (se se quere, real) fica absolutamente remarcado.
Este exercicio de alta imaxinación configurado a través do que nos arrodea non é só axeitado para as cativas e cativos, senón que resulta unha obra inusual, por interesante e bela, para os adultos que gocen coa fotografía e a literatura diferente e que aínda non perdesen a capacidade para sorprenderse.Por isto mesmo, “Imaxina animais” constitúe un deses álbums ilustrados (cada vez máis abundantes en galego) que van dirixidos conscientemente a un dobre receptor (como tamén ocorría con “Cobertor de estrelas” de Ricardo Lísias e Itziar Ezquieta).
A obra é un peculiar bestiario obxectual que convida a que cadaquén elixa o seu becho favorito. Particularmente, quedo co platafiño (pola súa misión fareira de caiucos) e co tourotenaz (porque aprende poemas e gusta dos versos). Ao final, eles, a frepolbo ou a serpelleira veñen para contarnos que, ademais de todos os animais que existen, aínda hai moitos máis que se poden coñecer con só deixar voar a imaxinación. Eis o grande engado deste álbum: desvelarnos e lembrarnos que aínda posuímos a chave da fantasía.