Puntuación: 2.5/5 (100 votos)
A miña avoa sempre me dicía: «Anda con coidado cando saias por aí!», e que razón tiña.
O abrenoites, o metrocol, o tibulatas, a bolbopecha... Por terra, mar e aire, estas singulares animais sorprenderán ao lector, animándoo a contemplar os trebellos do seu contorno con outro punto de vista, porque nada é o que parece.
Ideas que van e veñen, xogos de palabras, ferramentas que deixan de ser o que son para camuflarse nun espazo alleo... Neste libro de creación conxunta entre Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, os autores descontextualizan o significado das cousas, alteran por sorpresa o seu estado natural e propóñenlle ao lector un xogo próximo ao das greguerías de Gómez de la Serna para descubrir a vida oculta dos obxectos, cunha proposta estética chea de humor e paradoxos.
Neste catálogo de ideas-obxecto, Vidaurre constrúe metáforas visuais asociando insolitamente dous entes que proceden de espazos que, por separado, nada teñen que ver entre si, pero que comparten algunha cualidade física ou abstracta. O seu traballo inspírase na obra poético-visual de Joan Brossa e do fotógrafo Chema Madoz. E ao igual que os seus principais referentes artísticos, transforma os obxectos, dótaos de ollos, ás, antenas, bocas e patas. Como un equilibrista dos conceptos, consegue que o lector experimente curiosidade ante a mestura chocante destes elementos sobre fondos neutros.
Os textos de Xosé Ballesteros achegan o lector a un estraño medio natural, no que se confunde a realidade coa ficción; onde -xogando coas palabras- se evocan animais inexistentes a través das súas características e dos ambientes nos que habitan. Trátase dun exercicio de estilo, un elaborado traballo literario no que subxace o concepto surrealista de `palabra-maletín´ de Xulio Cortázar, o `nonsense´ ou disparate creado por Lewis Carrol -practicado tamén por Edward Lear- e no que se aprecia unha homenaxe a Gianni Rodari e á súa `fantástica´.
[Presentación editorial]