No abrente democrático da II República, Galiza ensaiou o seu primeiro intento de autonomía política. Este libro pretende ofrecer unha síntese dos traballos encamiñados a fornecer a Galicia dun Estatuto de autonomía salvando os problemas e paralizacións diversas polas que pasou, conseguindo un consenso entre partidos de moi variada sensibilidade política.
4 / 3 / 2008
Gustavo Hervella. Santiago
Nestes tempos de fonda discusión ao redor da tan traída e levada reforma do estatuto de autonomía de Galicia, Ediciós do Castro vén de editar un estudo sobre a mesma problemática —salvando as distancias temporais— acaecida durante a II República. O estatuto dos anos trinta, os seus problemas e paralizacións e a interese espertada entre os políticos de Galicia é o que nos presenta este ensaio, obra de Prudencio Viveiro Mogo, historiador reputado e documentado, tal como amosan as páxinas do libro ao que agora nos referiremos.
O traballo está baseado na bibliografía existente sobre o tema amais de fontes primarias: os xornais da época. Neste aspecto sobresae a escolla de cabeceiras, a prensa local e comarcal, un enfoque novo neste tipo de estudos e, ao tempo, interesante xa que na maioría dos casos eran estes rotativos os máis achegados aos cidadáns e os que, polo tanto, máis serven para palpar o pulso da realidade.
O libro presenta, deste xeito, dúas partes ben diferenciadas desde un punto de vista temático. Na primeira, analízanse os traballos levados a cabo polos autonomistas galegos desde 1930 co Pacto de Barrantes e de Lestrove, até que en 1933 é aprobado polo goberno da República a celebración dun plebiscito estatutario en Galicia. Na segunda parte, xa co triunfo da Fronte Popular, amósanse as coincidencias entre os diferentes grupos que formaban esta coalición para sacar adiante o texto que lle suporía a Galicia o primeiro autogoberno democrático da súa historia. A este respecto, como sinala Ramón Villares no limiar: “O trunfo do plebiscito de xuño de 1936 non pode ser atribuído a ningunha forza política en exclusiva. Foi obra dunha importante alianza entre o nacionalismo e o republicanismo, que superou así as retesías de 1933, pero tamén foi consecuencia da situación favorable que se deu na política española de altura”. Certamente, que Galicia puidese amosar á súa cidadanía un documento que consagraba o autogoberno, foi grazas a que as forzas de ámbito español tanto obreiras como republicanas aceptaron que dispuxese dunha lei que lle permitiría autogobernarse. Aínda que os máximos animadores do estatuto eran os nacionalistas do Partido Galeguista, a súa pouca influenza nos movementos sociais anteriores á guerra civil facía que a participación de PSOE, PCE, CNT e os republicanos fose a condición indispensable para que o texto saíse adiante. Certamente, o sentimento de autonomía en Galicia estaba pouco arraigado, e incluso había partidos progresistas que negaban a súa necesidade. Isto, xulgado con ollos actuais podería parecer pouco democrático, pero en realidade non era así. Os nacionalistas galegos, tanto os de esquerdas como os dereitistas de Pontevedra e Ourense, nunca chegaron a ter a influenza política e electoral do PSOE-UGT ou da CNT, verdadeiros líderes da República en Galicia. Por iso, o cambio de estratexia do PG en 1934 achegándose aos partidos que acabarían formando a Fronte Popular era o paso necesario para que Galicia se equiparara a Cataluña, espello no que todos se miraban.
Así, a gran maioría do espectro político galego á altura de 1931 non era moi partidario do autogoberno. Destacaban, iso si, personalidades en todas as agrupacións que tentaban influír en cada unha delas, aínda que na maioría dos casos tiñan estratexias persoais: José Reino Caamaño entre os conservadores, Xaime Quintanilla entre os socialistas, Basilio Álvarez entre os radicais, Leandro Carré Brandariz entre os anarquistas ou Osorio-Tafall entre os republicanos de esquerda. Pola contra, opuxéronse totalmente ao estatuto a extrema dereita de R.E, o Partido Radical-Socialista e a CEDA. Como ben sinala o autor, moita desta oposición non era antiautonomista, e si antinacionalista. O PSOE e a CNT crían que en Galicia pasaría o mesmo que no País Vasco, onde as demandas de autogoberno eran defendidas polos elementos máis reaccionarios da sociedade, nomeadamente o PNV. A este respecto, é significativo comparar o debate en Galicia co acontecido no Congreso dos Deputados entre Manuel Azaña e José Ortega y Gasset a propósito do estatuto catalán. Mentres o primeiro o defendía como bo para a República, o segundo temía que iso minara a soberanía do estado; ningún deles pode ser tachado de conservador ou reaccionario. Esta experiencia, con todas as diferenzas existentes, pode ser traspasada a Galicia, para entender as diferentes posicións dos grupos políticos que participaron no cambio de réxime. Tamén hai que ter en conta que, maioritariamente, os líderes nacionalistas eran en moitos casos os “señoritos dos pazos” e, en consecuencia, o movemento obreiro non se sentía para nada identificado con eles. Baste como exemplo o acontecido en Bueu, onde un dos galeguistas máis destacados era un membro da familia Massó, que chegou a rotular a fábrica de conservas en galego, mentres outro irmán se acabou convertendo nun dos máximos represores tras o golpe de estado de xullo de 1936. Sen embargo, si boa parte da poboación non sabía moi ben que era eso da nación galega en 1931, en 1936 debido á influenza dos republicanos, socialistas, anarquistas e comunistas si que xa ían entendendo ese “feito diferencial”; e, por seguir avanzando no tempo, estes movementos reflicten masivamente nos anos sesenta e setenta, cando todos os partidos políticos de ámbito galego e español, recoñecen a existencia, en diferentes grados, dunha Galicia nación ou rexión pero con lóxica vontade de autogoberno.
Os persoeiros no proceso
Entre as múltiples figuras que se citan no estudo destacamos a Casares Quiroga e Lois Tobío. O primeiro é presentado como o persoeiro que entorpeceu o desenvolvemento do autogoberno nos primeiros anos, o segundo preséntase como o exemplo de coherencia, e como o especialista en dereito e redactor do anteproxecto do Seminario de Estudos Galegos. A este respecto, Viveiro Mogo tamén carga as tintas sobre o político coruñés e líder da Organización Republicana Galega Autónoma. De feito, amósase por momentos partícipe das disputas ao redor das negociacións: “Ora ben, sen dúbida as principais acusacións que se lle facían ao Estatuto de Autonomía eran que era unha obra impulsada polos nacionalistas e, como consecuencia, atentaba contra a unidade de España. Ambas falacias foron tamén combatidas polo Comité Central de Autonomía a través de varios artigos de prensa”.
Ao carón dos persoeiros atopamos a importancia dos partidos. Viveiro Mogo resalta a importancia que en todo o proceso tivo o PG, dado que o seu máximo interese, ao proclamarse nacionalista galego, era equiparar en autogoberno a Galicia con Cataluña. Resulta evidente e innegable a importancia que os nacionalistas galegos tiveron na elaboración do estatuto, sen desmerecer a outros, como de feito sinala o autor: “En efecto, os comités provinciais da Fronte Popular foron os que impulsaron a celebración inmediata do plebiscito do Estatuto”; evidentemente, nestes comités, os membros do PG eran os menos.
Unha idea que está en todo o estudo, e que se nos recalca nas conclusión é a diferencia substancial que existe entre antiautonomismo e antiestatutisto. É, quizais, unha das conclusións máis axeitadas e importantes que, ao noso xuízo, podemos tirar do libro, e coa que non podemos estar máis de acordo. Así, os que se opuñan ao estatuto facíano porque rexeitaban a vinculación que podería existir cos nacionalistas, non porque non cresen na autonomía, algo que lle acontecía á extrema dereita, precisamente a que propugnou e xustificou o golpe de estado de 1936, a guerra civil e a posterior ditadura, en arelas de non romper España, ruptura esta que só vían eles.
O plebiscito de xuño de 1936
O último apartado do ensaio fai referencia ao plebiscito do 28 de xuño de 1936, reproducindo, ao tempo, o texto que os cidadáns de Galicia votaron nesa data. É algo sabido que neste referendo o pucheirazo a prol do si foi, nalgunhas mesas, escandaloso. Xa nos seus estudos Xavier Castro, Núñez Seixas, González Beramendi ou Grandío Seoane demostraron como se manipulou o proceso para sacar adiante o estatuto. Do mesmo xeito, protagonistas daqueles feitos como Pousa Antelo ou Fernández del Riego relatárono xa nas súas memorias. Sen embargo, isto non quita mérito ao feito de que o pobo galego por primeira vez na súa historia composto de cidadáns libres, optase por unha lei que lles permitiría autogobernarse. De feito, a existencia de Galicia como “pobo diferenciado” hai que buscala aquí porque foi neste tempo cando se exerceu de verdade a soberanía. Aqueles que pretenden buscar as “esencias” do galego nun suposto reino medieval ou en persoeiros como Pardo de Cela, están a facerlle un fraco favor á nación que din defender, xa que o mellor cimento para construír un país son os valores democráticos que son outorgados polo plebiscito libre que exercen cidadáns libres.
Viveiro Mogo amosa os datos da consulta electoral e detense na xustificación do procedemento, sinalando tres causas polas que se tivo que facer: A esixencia dunha cantidade moi alta de sufraxios, a pervivencia do clientelismo restauracionista na Galicia dos anos trinta e a importancia non exclusiva do PG no proceso. É evidente que a manipulación proviña da Fronte Popular, e que polo tanto é atribuída en maior medida aos grupos que tiñan máis peso nela, non só ao Partido Galeguista. En definitiva, todo o proceso estatutario dos anos trinta serviu para que en 1979-1981 Galicia fose unha nacionalidade histórica e así quedase recoñecido na Constitución española. E neste tempo, igual que acontecera na República, o peso dos partidos progresistas de ámbito español tornouse en decisivo para que iso así fose.