Para toda unha xeración de galegos e galegas, Ramón Lamote é alguén máis ca un personaxe literario. Saber máis da vida e andainas de Lamote é agora posible grazas á aparición deste libro co que Paco Martín volve a traer ao seu personaxe entre nós con capacidades e forza literaria renovadas. Todo un conxunto de ingredientes e unha galería de personaxes e anécdotas que converten cada unha das páxinas nunha deliciosa lectura.
11 / 2 / 2008
Isabel Soto. Santiago
Hai quen di que segundas partes nunca foron boas, mais “Das novas cousas de Ramón Lamote” rebate o dito. Tras vinte e tres anos de silencio, tempo abondo para que os seus primeiros lectores e lectoras deixásemos ben atrás a adolescencia, este famoso personaxe abandona o seu repousado decorrer cotián para, da man do seu creador, Paco Martín, agasallarnos con novas cousas que conservan idéntico espírito que aquelas coas que medramos, cando a LIX en galego botaba a camiñar. Pasou o tempo pero o señor Lamote mantén a mesma ollada retranqueira, tenra e crítica, pode que cun punto máis de nostalxia polo paso dos anos, pero co optimismo de quen cre firmemente nas súas conviccións e nunha maneira de vivir.
Ramón Lamote, xa xubilado, segue a vivir na súa tranquila cidade na que co tempo aconteceron mudanzas na maneira de entender a veciñanza e os bos costumes. Unha inesperada chamada telefónica interrompe os seus ritos diarios cunha sorprendente petición. Movido pola curiosidade, Lamote coñece os desexos do poderoso empresario Manuel Antonino, quen arela acadar prestixio e “transcendencia” coa publicación dun libro co seu nome na cuberta en letras ben grandes. A axuda dunha das azafatas do seu despacho, Sabela, aquela nena que anos atrás se achegou a Lamote tras a súa sonada conferencia sobre os entomodelfos –talvez un aceno cariñoso a eses lectores e lectoras hoxe xa grandes, algúns dos cales poden mesmo compartir a situación laboral da moza–, será fundamental para tirar algún proveito das baleiras pretensións do negociante. Mais as peticións coinciden no tempo e o señor Lamote –devoto practicante da amizade– tamén atende a solicitude da súa vella e enredante amiga Astrea para axudala na fundación dunha entidade que pretende aproveitar o gusto por figurar dalgúns membros da sociedade para outro fin igual de útil que o anterior, o cal leva a Lamote a ter que visitar o eterno e coñecido Rexedor da cidade, Alberto Airas. A última das aventuras do libro céntrase nun novo convite: Lamote vai participar nun singular Congreso, para o cal terá que viaxar a unha non menos insólita cidade na que está prohibida a comunicación de viva voz e a vida está controlada por aparellos de toda condición e intelixentes teléfonos móbiles. Aínda bo é que Lamote sabe ver a parte humorística do asunto e co seu bo facer e coa moita educación que lle é propia acaba poñendo unha nota de humanidade en tan desacougante lugar.
O libro conta cunha estrutura artellada en sete capítulos que recollen estas tres novas peripecias do singular e inmortal personaxe, con códigos e chiscadelas adaptados á sociedade actual que lle engaden máis atractivo, se cadra, a un texto que declara xa dende o seu título o seu carácter de continuación doutro xa ben (re)coñecido e analizado. Nesta liña encadraríanse tanto o paralelismo de certas escenas coas da primeira entrega –por exemplo o hilarante diálogo entre o funcionario e Lamote do capítulo IV que lembra o inesquecible episodio da señora sentada na escaleira–, como a utilización de idénticas estratexias: o humor, a retranca, a crítica dirixida aos personaxes con moitos cartos e poucas luces, aos gobernantes, á burocracia absurda, aos ruxerruxes sen fundamento, aos medios de comunicación e o seu poder, aos valores vixentes, a parodia de certos comportamentos, a irrupción da fantasía, desta vez centrada na creación dunha posible cidade e dunhas ríxidas leis que prohiben comportamentos, os constantes acenos e apelacións aos lectores, aos que por veces dun xeito irónico se convida a participar, a interrupción da narración con ata tres notas do autor, as chamadas á complidade, a inserción de diversos materiais textuais... En fin, todo un conxunto de ingredientes e unha galería de personaxes e anécdotas que converten cada unha das páxinas nunha deliciosa lectura.
Só pode cualificarse de acerto a anunciada iniciativa de Galaxia de recuperar, canda este novo título, a obra merecente do noso primeiro Premio Nacional de LIX na renovada colección “Árbore”, unha excelente oportunidade para que os mozos e mozas de agora poidan coñecer o carácter retranqueiro e a bonhomía de Ramón Lamote. E rematamos cun desexo: que Paco Martín non prive os lectores e lectoras de LIX –os de agora e os que medramos con don Ramón– do seu gran talento de contador de historias. Precisamos da voz dun dos nosos clásicos.