Para toda unha xeración de galegos e galegas, Ramón Lamote é alguén máis ca un personaxe literario. A forza e a tenrura do profesor de chairego e debuxante de soños por encarga creado por Paco Martín, e o significado crucial de Das cousas de Ramón Lamote na historia da literatura infantil e xuvenil galega, fixeron que Ramón Lamote xa conte cun espazo de seu no noso imaxinario colectivo. Foi quen de acadar algo tan difícil como trascender da obra e do autor dos que naceron. Ramón Lamote conta con vida propia.
Agora estamos de noraboa os que, des que o lemos e o aprendemos a querer, volvimos ás veces a reencontralo, e mesmo quixemos saber que sería da vida do señor Lamote alén das páxinas do libro de Paco Martín, tan reiteradamente premiado e editado dentro e fóra de Galicia. Estamos de noraboa porque saber máis da vida e andainas de Ramón Lamote vai ser posible grazas á aparición de Das novas cousas de Ramón Lamote, libro co que Paco Martín consegue o dificilísimo logro de acadar que o seu personaxe volva a estar entre nós con capacidades e forza literaria renovadas.
Non podemos falar de segundas partes neste caso. A nova entrega das cousas de Ramón Lamote ten tal entidade en por si que simplemente é preciso lelo para entender como o tempo e a vida trataron ao vello e entrañable señor Lamote de sempre. Para seguir gozando con el e coa súa peculiar forma de entender o mundo.
[Presentación editorial]