O catálogo editado polo Museo do Mar de Vigo dá idea da importancia da exposición "A mares. O espello do mar na arte galega dos séculos XIX e XX" e proporciona ferramentas conceptuais de análise que, según Jorge Guitián, suxiren liñas que os investigadores da arte deberán ter en conta para abordar os seus futuros estudos
1 / 12 / 2003
Jorge Guitián. Santiago
Non resulta doado, no actual panorama editorial galego, encontrar publicacións, sexa monografías, sexa ensaios ou obras de divulgación, que centren a súa atención na análise de calquera das facetas das artes plásticas. Algo semellante ocorre no terreo da arquitectura, como tamén no da arqueoloxía e en tantos outros nos que, nunha porcentaxe por desgracia moi elevada, os froitos da investigación, as achegas dos especialistas, rara vez conseguen escapar do marco das revistas especializadas.
No campo concreto das artes plásticas existe un matiz ao anteriormente exposto, xa que unha parte significativa do que arredor desta temática se publica en Galicia aparece recollido en catálogos de exposicións. A labor expositiva aparece, desde esta perspectiva, non só como unha necesaria relación entre a obra de arte e a sociedade senón que se constitúe en orixe do que en moitos casos acabarán sendo achegas editoriais decisivas para a divulgación, a promoción e a posta en valor da arte e a súa análise.
Desde este punto de vista, o catálogo "A mares. O espello do mar na arte galega dos séculos XIX e XX" aparece como unha das máis interesantes novidades editoriais recentes. Nos últimos meses asistimos á creación de novos museos en Galicia que parecen nacer coa vocación, entre moitas outras, de dinamizar e anovar a edición de catálogos de exposicións prestando, para isto, especial atención a todos os pormenores da edición, desde o deseño e o formato, até a autoría dos textos ou, como non, á calidade do aparato gráfico. Se o MARCO Vigo ven de publicar catálogos de enorme envergadura, como o da exposición dedicada ao grupo Atlántica, non exento de polémica no seu momento ou, máis recentemente o da mostra dedicada á obra de César Portela, o Museo do Mar de Galicia amosa unha intención semellante, magnificamente materializada no catálogo que nos ocupa.
José Manuel B. López Vázquez, profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago e comisario da exposición, abre a publicación cun texto no que recolle e expón a filosofía que guiou a mostra. Máis alá da mera ordenación cronolóxica, López Vázquez estabelece unha taxonomía de xéneros, subxéneros e variantes que, pola súa claridade e efectividade, ben poderá ser retomada por outros autores no futuro.
Na aportación de Lily Litvak destaca o fincapé feito na importancia do coñecemento da arte xaponesa, en especial a estampa e o debuxo, por parte dos artistas galegos a partires de finais do S.XIX. Esta influencia está nas orixes dos célebres piñeiros á beira do mar de Castelao mais tamén, como apunta López Vázquez, en parte dos elementos do paisaxismo de Lloréns, no coidado grafismo de Fernández Cersa, Cebreiro ou Prieto Nespereira.
Sen dúbida, os investigadores da historia da arte galega encontrarán nesta publicación liñas que prolongar no futuro: A análise do simbolismo das imaxes, a importancia da emblemática como fonte temática ou a investigación nas orixes de determinadas iconografías. O público en xeral, pola súa banda, encontrará neste catálogo unha síntese impecábel do que podemos denominar a pintura mariña contemporánea galega.
Á vista dos resultados obtidos na publicación do presente catálogo, soamente nos resta agardar que os vindeiros que o Museo do Mar produza manteñan o mesmo nivel de calidade global, de rigor conceptual e de claridade expositiva.