Puntuación: 2.0/5 (84 votos)
Dí no comezo do seu artigo José Manuel López Vázquez, profesor de Historia da Arte da Universidad de Santiago e comisario da exposición “O espello do Mar”, que “Desde o século XVI ata a segunda metade do século XIX, Galicia vivira de costas ao mar. É máis, desde as guerras con Portugal do século XVII ata a segunda metade do século XX Galicia foi unha illa da que se empezou a saír (a partir dos anos finais do século XIX) fundamentalmente por mar, camiños dunhas Américas que estaban máis próximas que Madrid. Tamén entón se empezaron a desenvolver as industrias pesqueiras que farían de Galicia, xa no século seguinte, unha potencia mundial neste sector; pero así mesmo, como sinala Ramón Villares neste mesmo catálogo, o mar foise convertendo paulatinamente no escenario ideal para un tempo de ocio cada vez máis socializado.
Precisamente o redescubrimento do mar polos galegos vai parello á creación da nosa pintura e ao rexurdimento da nosa arte, contribuíndo así decisivamente á autodefinición dos galegos como pobo posuidor dunha cultura, unha historia e un territorio singulares (que se converten noutro dos vectores esenciais do pensamento galaico do momento). Non é estraño, por tanto, que o mar sexa o tema de numerosas obras artísticas.
A presente exposición ten como obxecto amosar as ditas obras, o que nos permitirá desmentir a crenza xeneralizada de que o mar tematicamente só son mariñas e, como moito, algúns bodegóns compostos cos seus froitos. Quizais esta crenza, repito que xeneralizada, foi a culpable de que ata a data nunca se acometera un proxecto tan lóxico en Galicia, pero ao mesmo tempo tan ambicioso, como o presente de mostrar a variada iconografía do mar na nosa arte; proxecto que, por outra parte, non podía ter mellor marco que o Museo do Mar en Vigo.”
Ademais de López Vázquez asinan artigos no catálogo, Ramón Villares, da Universidade de Santiago, Lily Litvak, da Universidade de Texas, Juan M. Monterroso Montero, da Universidade de Santiago, Xosé Fuentes Alende, do Museo de Pontevedra e Antonio Garrido Moreno, da Universidade de Santiago de Compostela.