O canteiro José Cernadas percorre 30 grupos de diferentes gravados rupestres presentes nos montes de Carnota e explica, de forma sucinta e accesible, o mínimo imprescindible que se debe saber para visualizar e entender as figuras e a presenza dos petróglifos. Unha obra que supón un fito en canto a publicacións de temática arqueolóxica e que non debería pasar desapercibida.
16 / 4 / 2007
Jorge Guitán.Ames
Nestes tempos nos que as ciencias relacionadas co patrimonio tenden a interrelacionarse, a cooperar a e actuar como auxiliares unhas das outras vivimos, sorprendentemente e ó contrario do que cabería agardar, nun período de homoxeneización dos traballos no que é difícil atopar achegas de enfoque renovador.
Nese sentido, "Gravados Rupestres nos Montes de Carnota" supón cando menos unha novidade en varios aspectos é, xa que logo, un fito en canto a publicacións de temática arqueolóxica que non debería pasar desapercibido. A súa primeira orixinalidade, que marca dun xeito decisivo o ton, o enfoque e os resultados deste traballo de investigación, é a orixe profesional e intelectual do autor. José Cernadas non é arqueólogo ni prehistoriador, non cursou estudos de historia nin relativos ó Patrimonio Cultural. José Cernadas é un canteiro. Pero precisamente por iso é quén de aportar algo diferente. Por vez primeira na historia da investigación en Galicia estamos ante o texto dun auténtico coñecedor da pedra e do terreo, un coñecedor das rochas, das ferramentas e das técnicas do gravado desde a perspectiva de quen ten neses elementos o seu material de traballo diario. Non se trata do coñecemento dun xeólogo ou da perspectiva dun xeógrafo sobre a paisaxe senón dunha visión probablemente moito máis achegada á dos autores dos petróglifos galegos, unha perspectiva non tan baseada no coñecemento científico como na experiencia e no contacto diario.
Pero isto non supón –e a lectura do texto o pon de manifesto ben ás claras- que o autor careza da base precisa para abordar un traballo de catalogación e síntese como o que ofrece. Co empeño autodidacta de quen busca complementar a súa perspectiva profesional, José Cernadas é hoxe un bo coñecedor das investigacións académicas e das novidades editoriais neste terreo, é capaz de aplicalas á súa achega particular e, desde esta fusión, crear un texto orixinal e refrescante nun sector no que con demasiada frecuencia se reiteran esquemas e presupostos. Que sexa José Manuel Vázquez Varela, catedrático de prehistoria e un dos nomes fundamentais na historia recente da investigación da arte rupestre galega, quen asina o prólogo deste traballo non fai máis que poñer de manifesto que non se trata dunha publicación de carácter menor e que o sector académico recoñece o seu valor.
Unha pequena revolución
O libro recolle o froito de máis dun lustro de traballo de campo, materializado na publicación de ducias de estacións rupestres inéditas. Só por isto, polo número de conxuntos publicados, porque moitos deles son dunha entidade sorprendente, polo catálogo de imaxes que identifica, o traballo merecería atención. Pero é que, ademais, o achado destes conxuntos supón unha modificación substancial dos coñecementos que tiñamos ata a data en canto á distribución xeográfica da arte rupestre galega. O traballo que este canteiro elaborou supón, desde esta perspectiva, unha pequena revolución que ven confirmar o que traballos máis académicos viñan apuntando. Unha chamada de atención para investigadores moito máis dotados económica, material e academicamente.
Por outra banda, á marxe desta ampliación cara ó norte do territorio con arte rupestre, o catálogo que presenta Cernadas amosa unha excepcional riqueza iconográfica e pon de manifesto a diversidade da arte rupestre dos montes de Carnota. Non estamos só ante unha ampliación cuantitativa senón tamén cualitativa e, xa que logo, dobremente importante. Da riqueza arqueolóxica dos montes de Carnota e O Pindo tiñamos referencias illadas xa desde os escritos do Padre Sarmiento. Máis recentemente, na década dos oitenta do pasado século, os traballos de Fernando Alonso Romero viñeron constatar a potencialidade deste macizo, deixando claro o seu carácter excepcional. Pero non foi ata agora cando tivemos a constatación, plasmada neste caso nun traballo deseñado con intelixencia e que, á marxe das achegas arqueolóxicas que fai, á marxe do fondo coñecemento da pedra e da paisaxe que encerra, constitúese nunha guía de campo de primeira magnitude.
En tempos nos que as institucións elaboran –ou deberían elaborar- catálogos exhaustivos de bens patrimoniais, nos que equipos de investigación multidisciplinares abordan traballos de campo ambiciosos e de custos moi elevados, o feito de que un canteiro profesional ofreza un traballo como o presente non é só unha cura de humildade senón, probablemente, o aire fresco que o panorama investigador precisa, a labazada –cariñosa- que fai falta para ver que hai vida máis alá dos despachos, das aulas, das subvencións ministeriais e os plans de I+D e que segue a resultar imprescindible, tal vez agora máis que nunca, contar con quen coñece os montes, as pedras e a historia local.