Gañador do 2º Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2006. O relato narra a historia dun fermoso lobo, que, ao non saber ouvear como os da súa especie, produce un gran pesar aos seus pais e é continuo obxecto de burlas. Unha historia que propón a valoración positiva dos “diferentes”, dos “raros”, que son quen de transformar o mundo.
5 / 2 / 2007
Isabel Soto. Santiago
O ferrolán Antonio Yáñez Casal está de plena actualidade ao coincidir a publicación de Lóbez, relato merecente do IIº Premio Meiga Moira que convoca Baía Edicións, co Premio Raíña Lupa outorgado a “Viaxe a Libunca”, un galardón do que resultara finalista con “Don Cosme e o telegrama amarelo” (Casals, 2004) e con “Crisóstomo o alifáfaro” (Galaxia, 2006). A súa traxectoria no eido da LIX complétase, ata o de agora, con “Natasha e Dimitri” (Xerais, 2006), finalista en 2005 do Premio Merlín.
“Lóbez” é un conto de factura clásica no tocante aos aspectos narrativos, que mestura o universo dos contos populares, co arquetipo do lobo como protagonista absoluto dos medos dentro do mundo rural, co dos contos marabillosos que se desenvolven nun contexto onde os animais falan e representan comportamentos propios dos humanos co fin de transmitir mensaxes que transcenden a ficción.
O autor incorpora a súa achega a esta modalidade, moi do gusto dos lectores aos que vai dirixido (a partir dos 8 anos), tanto pola presentación –bastante recorrente– dunha transgresión relacionada cun personaxe de características ben coñecidas como pola súa extensión, axustada ao formato do conto.
A forza fronte á astucia
Lóbez é un lobo particular e ben diferente dos demais dende o seu nacemento. O feito de ser fillo único dá lugar a moitos comentarios entre os da súa especie, ademais de provocar que medre rodeado de exclusivos mecos e algo “sobrealimentado” –problemas ben coñecidos da sociedade actual. A súa fortaleza convérteo axiña nun firme candidato para dirixir, no futuro, os destinos da manda. Mais nada é perfecto e cando chega o momento de se enfrontar á idade adulta, descóbrese a súa eiva: por máis que o intenta non consegue ouvear. O feito, sen explicación lóxica, causa, amais do desconcerto dos pais, burlas, cantares, envexas e cotifadas varias por parte dos outros lobos. Tras dunha estrita dieta, por se é cousa da alimentación excesiva, sen resultado ningún, a solución é acudir ao Gran Consello, un tribunal de lobos sabios que saberá dar coa solución para un problema que, co tempo, pode estenderse a toda a especie. A viaxe dá pé a sucesivos encontros de Lóbez, que poñen de relevo a súa sona e provocan novas humillacións. Desgraciadamente, de pouco servirá o esforzo, pois o Consello de anciáns acorda rebaixar a categoría de Lóbez dentro da manda e mesmo prohibirlle que forme a súa propia familia. Será o propio Lóbez quen logre tirar partido da súa eiva, convertendo a intelixencia nun trazo definitorio máis para os da súa especie, a carón da bravura e a temeridade.
O relato baséase no coñecido enfrontamento entre fortes e febles, con vitoria inesperada destes últimos por mor da súa astucia ou, coma neste caso, da intelixencia, e propón a valoración positiva dos “diferentes”, dos “raros”, que son quen de transformar o mundo, de seren útiles, de cambiar as regras, fronte aos “normais” e os considerados “sabios”, representantes da inalterable tradición, que teiman en transmitir unha única maneira de ser e de comportarse.
O resultado é unha historia correcta na que o autor amosa o dominio das fórmulas contísticas clásicas e a súa capacidade para introducir unha voz narrativa retranqueira e humorística, aínda que en conxunto resulta bastante previsible e mesmo se percibe certa precipitación no desenlace. Pouco axuda tamén o escaso atractivo visual do corpo do libro, no que as ilustracións a lapis de Ánxeles Ferrer resultan algo monótonas e chegan a pasar desapercibidas.