En 2006 conmemorouse o 70 aniversario do fin dunha época de esperanza e o comezo da Longa noite de Pedra. Foron moitos os estudos, máis ou menos científicos, que afondaron nas causas e consecuencias da experiencia republicana dos anos trinta. A crise económica, as disputas entre os diferentes sectores da sociedade, o empurre do obreirismo, as influenzas políticas foráneas —comunismo stalinista e fascismos europeos— foron temas analizados á hora de pescudar sobre o devir histórico da II República Española.
22 / 1 / 2007
Gustavo Hervella. Santiago
Ao longo dos meses precedentes, os asiduos a culturagalega.org puideron consultar diferentes publicacións que xiraban ao redor destas temáticas, ben sexa desde un punto de vista local ou xeral, ensaístico ou literario. O libro do que nos imos ocupar nas seguintes liñas, República e republicanos en Galicia, reflexiona sobre o esencial do tema, a república e os seus correlexionarios, os republicanos. Para iso, os autores analizan o fenómeno ao longo dos séculos XIX e XX, equiparando o termo “República” a “Democracia”, xa desde o reinado isabelino, como afirma Prudencio Viveiro á hora de describir a xuntanza de republicanos na carballeira de Conxo: “O banquete de Conxo celebrouse o 2 de marzo de 1856 preto de Santiago. O acto estivo cheo de simbolismo democrático, xa que na mesa colocábase un obreiro a carón dun estudante, sendo a comida servida por universitarios en librea”, e leron poemas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, naquel momento figuras insignes do republicanismo galego. Tras a convulsa situación política do reinado de Fernando VII e Isabel II, analízase o republicanismo do Sexenio Democrático (1868-1874) onde se desenvolve a I República (1873). Tras a restauración monárquica na figura de Alfonso XII, o profesor Veiga Alonso mostra polo miúdo como foron saíndo do anonimato os republicanos, e como constituíron un pouso que recollerán as xeracións de intelectuais de 1898 e 1914. Co reinado de Alfonso XIII, establécense as bases do republicanismo dos anos trinta, analizado por Emilio Grandío atendendo á evolución política dos dous partidos republicanos galegos maioritarios: a ORGA de Santiago Casares Quiroga e o Partido Radical de Alejandro Lerroux, que tiña como persoeiros visibles en Galicia a Emiliano Iglesias e, sobre todo, a Gerardo Abad Conde. Este mesmo autor lévanos aos escuros e sanguiñolentos anos da guerra civil, onde a liberdade e o progreso foron anulados pola barbarie. Completan o libro apartados dedicados ao análise do movemento obreiro, a muller, a educación, a prensa e o exilio.
O libro é merecente de varias lecturas. Por unha banda, a distribución diacrónica lévanos a pescudar nesta ideoloxía ao longo de case dous séculos e, polo tanto, observala na súa totalidade, evolucionando segundo a realidade do país ía cambiando. A historia da democracia é a historia do republicanismo; os librepensadores, demócratas, intelectuais humanistas e políticos máis achegados á modernidade viron sempre no réxime republicano a mellor fórmula de goberno. O federalismo, do que se ocupan os artigos de Jorge Cagiao e Veiga Alonso, foi sempre o sinónimo de liberdade máis absoluta con persoeiros da talla de Pi i Margall, Telesforo Ojea, Modesto Moyrón Eduardo Chao ou o primeiro Ricardo Mella. A II República foi o momento no que se tentaron levar a cabo estas propostas políticas; de 1931 a 1936 a experiencia de goberno demostrou que, baixo o amparo da democracia, a modernidade da sociedade galega e española era posible. O golpe de estado de 1936 veu a rachar con toda esperanza.
Sen embargo, dentro das ringleiras republicanas existía unha mestura ideolóxica moi interesante: desde os federais aos unitarios, dos máis burgueses aos máis proletarios, desde os nacionalistas españois aos periféricos. Todos unidos polo ideario da liberdade e do progreso. Esta é outra lectura, a que nos leva a mirar a práctica da ideoloxía republicana. Así, un bo exemplo é o que reflexa Grandío Seoane no seu artigo: a comparación e diferentes camiños que toman os republicanos “casaristas” e os “lerrouxistas”. De saíren xuntos na carreira pola república en 1931 a enfrontárense en 1933-34 coa deriva dereitista dos segundos e o achegamento cara Izquierda Republicana dos primeiros: “Son dúas estruturas de partido decisivas no contexto galego. Elas son as que representan nunha maior medida as perspectivas de cambio dende os sectores republicanos, unha de centro-esquerda, e outra inicialmente de centro-dereita que vai virando cara a procura de espazos políticos netamente conservadores”. Do mesmo xeito, Eliseo Fernández analiza as colaboracións entre o movemento obreiro e o republicanismo ao longo da contemporaneidade galega; como se aproveita, cada un deles, das vantaxes do outro. Así, os avogados defensores de moitos anarquistas e socialistas eran republicanos, e estes necesitaron o apoio explícito do mundo sindical para poder acadar o poder en diferentes ocasións.
As relacións entre republicanismo, muller e escola laica dannos pautas para analizar as ideas avanzadas ao redor destes temas, moitas das veces adiantándose no tempo. Toda esta experiencia liberal, que comezara a comezos do século XIX, trónzase coa guerra civil, a “limpeza ideolóxica” á que se refire Emilio Grandío: “Durante estes meses vaise construíndo unha nova identidade na sociedade galega, precisamente co propósito de destruír o inicio daquela sociedade civil que comezaba a frutificar durante o período republicano”. O laicismo, a democracia, as conquistas sociais ou a división de poderes, auténticos cabalos de batalla republicanos, esmorecen ante os paseos, as purgas e os asasinatos que os sublevados acometen desde xullo de 1936. A profesora Pazos reflexiona sobre o exilio en México: Alfonso Pazos, Ramón Esturao, Demetrio Bilbatua ou Carlos Velo son uns poucos das decenas de republicanos que refixeron a súa vida neste país centroamericano. O outros moitos quedaron nas cunetas: Vega Barrera, o contraalmirante Azarola, Adrio Barreiro, Telmo Bernández ou Manuel Suárez, exemplos todos eles da intransixencia; non mataron só a persoas, mataron ideas.