Unha ollada sobre a interacción entre o campesiñado galego e a ditadura de Franco, un tema que apenas ten sido exposto desde o ámbito da Historia, baleiro que ven a encher en parte este traballo.
27 / 11 / 2006
Gustavo Hervella García
Galicia é un país rural. Incluso desde as vilas e as cidades máis afastadas do agro se mantén un espírito e consciencia agraria que é patente en todos os cidadáns. Ata o de agora, os estudos referentes á agricultura e á sociedade que dela emana centráronse fundamentalmente nos acontecementos socioeconómicos anteriores a 1936. Semellaba unha fronteira infranqueable, que toda a mobilización existente no territorio, evidente xa desde mediados do século XIX, desaparecera de súpeto por causa do golpe de estado propiciado polo xeneral Franco no verán dese ano. Esta obra de Anxo Collarte demostra que non é así. Non é única, son varios os camiños iniciados na historia social galega que pretenden rachar con esta visión, como as recentes investigacións do catedrático da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto e as teses defendidas nos últimos tempos por Ana Cabana ou Daniel Lanero, tamén na universidade compostelá, que pretenden desmitificar a suposta aceptación e submisión dos labregos galegos co novo poder católico-falanxista. No traballo que nos ocupa incídese no estudo das Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos, HSLG de Ourense, pero perfectamente extrapolables a calquera parte do territorio español, xa que o seu funcionamento era idéntico en todo o Estado.
Preséntase ao lector unha estrutura argumental idónea, xa que se parte do máis xeral ao máis concreto, con exemplos elocuentes de diferentes bisbarras ourensáns, nomeadamente da do Ribeiro, orixinaria do autor. Comézase estudando os antecedentes sindicais no agro anteriores ao estalido da Guerra Civil, e como as xentes se foron adaptando aos novos tempos, aínda sen aceptalos plenamente. Cunha actitude comprensiva, Collarte vai analizando as pegadas da Sindical na sociedade e como esta se separa do que noutro tempo foi o seu principal medio de vida, o campo. Certamente, o agrarismo de anteguerra, exemplificado nas asociacións campesiñas lideradas, entre outros, por Basilio Álvarez ou polos sindicalistas da FNTT-UGT deixaron unha pegada importante na consciencia do traballador agrícola, que ás caladas lle serviu para resistir os empuxes da nomenclatura franquista. Do mesmo xeito, o carácter falanxista e católico do réxime propiciaron o asentamento de redes clientelares que, “vendendo” determinados favores se apropiaron da vontade popular, feito que se rastrexa ata os nos días, como indica Collarte Pérez: “Esta dinámica ensaiada no franquismo fundamenta tramas de control social que parten da prestación de servizos considerados como parte do sistema de benestar público e como dereitos cidadáns constitucionalmente recoñecidos mais que rematan para constituír a chave para o mantemento dos cacicados de comezos do século XXI, con exemplos como o da empresa Fundación San Rosendo, que naceu en 1975 da man de Demetrio Macía e Manuel Caldal” (p. 147). A liña continuadora dos elementos caciquís desde os colaboracionistas no derrocamento do réxime democrático republicano, ata a transición e restauración borbónica dos anos setenta é patente. Demetrio Macía fóra o protexido de José Calvo Sotelo en Valdeorras nos anos trinta e o máximo responsable da represión nesta comarca tras xullo de 1936. Manuel Candal foi elixido alcalde a primeiros de 1970 de Vilamartín, cargo que aínda hoxe ostenta. Con eles, poderiamos nomear ao ex presidente da Xunta preautonómica José Quiroga Suárez, recentemente falecido, ou ao ex senador e alcalde do Barco Julio Gurriarán.
Afastamento do sistema
Outro dos aspectos salientables do traballo de Collarte é poder establecer o grado de inmersión que sufriu a poboación galega coa perda dos dereitos civís, e como se trasladou isto a un completo afastamento da realidade territorial na que habitaban. Algo semellante ocorreu no agro andaluz ou estremeño, protagonista da mobilización anarcosindicalista dos anos trinta e que, tras a dura represión que padeceu, realizou outro tipo de enfrontamento coas novas autoridades, máis calado; estámonos a referir á negativa de pagar as cotas da seguridade social, as multas ou mercar os produtos fóra do monopolio das HSLG. Todo isto o amosa Anxo Collarte para Galicia, con datos, documentos e entrevistas a protagonistas, tanto a responsables das irmandades como a labregos ribeiráns.
No afán que tivo o franquismo da autarquía de xuntar “cristiamente” a patróns e labregos seguindo as liñas marcadas polo sindicalismo católico de comezos de século, a presenza da igrexa foi fundamental en todo este entramado paternalista moi do gusto dos xerarcas do réxime. Así, é moi significativo que as sociedades agraristas de anteguerra respondesen a nomes como “El Porvenir” e as cooperativas nacidas ao abeiro da lexislación franquista recibisen nomes como “Virgen de las Viñas” ou “Jesús Nazareno”, como ten reflectido García Yáñez para Valdeorras.
A historia non sempre é unha ciencia que estuda o pasado. Moitas das veces, o presente está reflectido dun xeito especial nas obras que se supoñen tratan sobre acontecementos afastados no tempo. É o que sucede coa reflexión que o autor realiza ao redor da figura de Euloxio Gómez Franqueira, a empresa COREN e a constitución da Caja Rural Provincial; a súa pegada é aínda evidente na realidade do país.
Tras diversas achegas á historia agraria de Galicia que tiña como límite o comezo da Guerra Civil, agora é tempo de pescudar a situación dos labregos trala contenda, anos que, como afirma Collarte parafraseando a Celso Emilio, se impuxo sobre a terra unha Longa Noite de Pedra. Este traballo, xunto a outros que están a resultar de diferentes teses universitarias veñen a encher o baleiro historiográfico que sobre este tema existía. Benvidos sexan.