"Labregos no franquismo" supón unha ollada sobre a interacción entre o campesiñado galego e a ditadura de Franco, un tema que apenas ten sido exposto desde o ámbito da Historia. Partindo das fontes documentais proporcionadas por institucións locais do réxime e as testemuñas de vida recollidas entre as xentes do agro ourensán da época, nomeadamente da zona do Ribeiro, o libro constrúe unha análise que transcende a descrición de fenómenos particulares.
Esta obra integra as conclusións do traballo investigador referido coas grandes cuestións do devir do agro galego durante a ditadura: a fin da agricultura tradicional, desde a fame de posguerra até a industrialización a base de encoros, cooperativas, caixas de aforro e emigración; a represión e o control sociopolítico do campesiñado; as relacións entre os burócratas e os falanxistas locais (os titulares das sindicais) e a paisanaxe, que discorren entre a adaptación e a resistencia da comunidade campesiña a uns procesos impostos que, como acontece decote, non se consideraban desde a perspectiva do labrego. [Presentación editorial]