Gustavo Hervella analiza as claves deste traballo de investigación sobre emigración que recentemente protagonizou un incidente ao ser considerado o mesmo co que a autora gañou o XI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociales e incumprir así unha das bases do certame, séndolle retirado o devandito galardón. Nas numerosas achegas ao tema migratorio, Brasil como destino de galegos non fóra reflectido ata agora coa intensidade adecuada á importancia que presenta no cómputo de desprazamentos á outra beira do Atlántico.
2 / 10 / 2006
Gustavo Hervella García. Santiago
Érica Sarmiento, investigadora especialista na emigración galega ao Brasil, achéganos con este traballo unha reflexión máis sobre o proceso migratorio dos galegos cara América ao longo do século XX. A novidade desta publicación radica en que se centra nos que atoparon en Brasil o seu destino, que se ben non son tan destacados en número como os que foron a Arxentina ou Cuba, si que constitúen unha porcentaxe moi interesante á hora de investigar, desde o punto de vista dos movementos sociais, o devir histórico do pobo galego. Nas numerosas achegas ao tema migratorio, Brasil como destino de galegos non fóra reflectido coa intensidade adecuada á importancia que presenta no cómputo numérico xeral de desprazamentos á outra beira do Atlántico; mediante esta breve pero intensa análise o camiño da investigación amósase, así, máis claro.
Río de Xaneiro: “A cidade marabillosa”
A autora céntrase fundamentalmente na cidade de Río de Xaneiro, capital brasileira ata mediados do século XX, e que aglutinou un número destacado de compatriotas, xunto a outras como Santos ou Salvador de Bahía. Analiza de xeito ameno un breve esbozo da presenza de galegos no Brasil decimonónico a través de historias anónimas, grazas ás pescudas que Sarmiento da Silva realizou en arquivos públicos e privados galegos e americanos, como afirma a autora, “coa utilización de diferentes fontes, demóstrase que antes do inicio da emigración masiva a Brasil (1890), xa había galegos con negocios e que daban traballo a compatriotas da mesma aldea ou municipio”. A procedencia da súa familia do concello lugués de Quiroga, axudou, sen dúbida, a planificar mellor todo o proceso investigador plasmado no presente libro.
Seguidamente, ofrécesenos unha visión da sociedade carioca no tempo da chegada de galegos. Para estas persoas, saídas de aldeas afastadas das urbes non só xeograficamente senón tamén simbólica e mentalmente, arribar a Río, Santos ou Salvador, supuxo un impacto na súa concepción do “mundo” que non debiamos, como científicos sociais, esquecer e que a autora non descoida na súa investigación. Este esbozo sobre o proceso migratorio remata coa análise aos protagonistas, moitas veces xente anónima que Érica nesta ocasión lle pon voz e nome. Está realizada a través da pescuda en arquivos para os primeiros momentos do proceso migratorio e con entrevistas persoais no caso de recentes viaxes, tanto de partida como de regreso.
Santa Comba e a emigración a Brasil
Xa é clásica a referencia ao concello coruñés de Santa Comba como exemplo paradigmático de emigración ao Brasil. Neste ensaio ofrécesenos unha panorámica do proceso construíndo as cadeas afectivas e económicas que os xallenses estableceron á hora de desenvolver a súa vida na outra beira do Atlántico grazas a un importante traballo de campo e de relación directa cos emigrantes retornados que aínda gardaban memoria da súa experiencia vital.
A diferenza do acontecido noutros destinos da emigración galaica, sobre todo Arxentina, Brasil, Uruguai ou Cuba, os nosos compatriotas non deixan unha pegada étnica de fácil visibilidade no Brasil. Están mesturados coa emigración española, aínda que esta non é tan destacada como a de Portugal e Italia, “a emigración galega foi a máis significativa entre a comunidade española de Río de Xaneiro e os españois ocuparon o terceiro lugar como estranxeiros en Brasil”. Os galegos son o terceiro grupo, numericamente, dos que arribaron ás costas do país sudamericano, pero as institucións mutualistas e de relación social que estableceron teñen o nome de “español”. Así, o Hospital Espanhol convértese nun referente para a investigación de Sarmiento da Silva xa que maioritariamente está composto por galegos e, sen embargo, o nome ten unha clara referencia estatal: “Nesta institución aparecen máis de douscentos galegos entre os anos 1859 e 1879, outro indicio de que xa existía unha colonia en Río de Xaneiro anterior a 1890”. Como reflicte a historiografía clásica sobre a emigración, isto non acontece por exemplo noutros países, onde as publicacións e as institucións reciben nomes como Galicia, El Galaico, Irmandade Galega, Alborada ou El Gallego. Máis abraiante aínda é a escasa presenza de sociedades microterritoriais que reproduzan o ámbito parroquial galego no Brasil e que, por outra banda, son tan abundantes noutras latitudes americanas.
“Galegos” no Brasil
“Galegos” eran denominados os emigrantes peninsulares a Brasil, non só os españois, a importancia numérica en determinados traballos facía que a sociedade receptora denominara deste xeito tamén aos portugueses. Como acontecía tradicionalmente, esta palabra “era empregada dunha forma pexorativa para alcumar aos portugueses cando se quería insultalos”. Isto non só propiciou a creación dun estereotipo cara os emigrantes provenientes de Galicia —estudado por Núñez Seixas, autor tamén do limiar do libro—, senón que acabou denominando a toda a emigración española o que dificulta enormemente distinguir a procedencia xeográfica peninsular de moitos dos que arribaron ao Brasil.
A formación laboral dos galegos á hora da partida, maioritariamente labregos, e como se labran un futuro no sector terciario da economía brasileira tamén é posto en valor por este traballo. Así mesmo, hai referencias moi interesantes ás relacións persoais como a integración na sociedade receptora, a sindicalización ou o sexo, “Nos barrios e nas rúas do centro instaláronse emigrantes galegos que buscaban medrar economicamente detrás dos mostradores dos bares”.
Este traballo ven a complementar aos existentes sobre as outras repúblicas sudamericanas receptoras de emigrantes galegos desde finais do século XIX. A editorial xalleira TresCtres confirma, deste xeito, o seu compromiso coa recente historia galega e descúbrenos un Brasil descoñecido, agora máis preto.