Os moitos emigrantes galegos, coas súas historias individuais, contribuíron a que fose xustamente a emigración galega -como acontece en moitas outras latitudes- a máis significativa entre a comunidade española de Río de Xaneiro, na que o conxunto dos españois ocupa o terceiro lugar como estranxeiros en Brasil, despois dos portugueses e italianos. Esas historias anónimas só poden ser reconstruídas dentro dun conxunto de factores que van desde a saída da terra natal até a chegada e a vida desas persoas na sociedade receptora. Mais semella que a presenza deses emigrantes non foi suficiente para merecer un estudo histórico detallado. Estiveron e están en Río de Xaneiro, pero non aparecen, están ausentes dos traballos académicos, dos libros, e que quixer saber a súa historia como continxente migratorio ten que buscar información en textos que abordan a emigración desde unha perspectiva xeral.
Este volume corrixe esa situación, pois nel analízanse as datas e as causas da marcha -e do regreso, cando o houbo-, así como os lugares de orixe, a formación profesional, a ocupación, as idades, o sexo ou a integración dos emigrantes galegos na cidade de Río. E todo iso sobre a base dun rigoroso estudo documental e da realización de entrevistas persoais, o que nos mostra a cara máis humana e persoal, con nomes concretos, do fenómeno migratorio.
[Contracapa do libro]