Nesta publicación inclúense dúas obras premiadas.
"Binomio de Newton", gañadora do Premio Max no 2003, e "García", Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal.
17 / 7 / 2006
Inma López Silva. Santiago.
Baía Edicións, que semella ir apostando paseniño pola edición de textos dramáticos, ofrécenos ultimamente a obra dun autor de primeira liña, Cándido Pazó, quen conta cunha das traxectorias máis solventes no panorama teatral galego, coma director de escena e coma escritor.
A de Cándido Pazó é unha literatura dramática que afonda nas entreteas do ser humano, coas súas contradicións, carencias, medos e paixóns, sen evitar as reflexións sobre o propio teatro cunha vocación intertextual e metateatral que converte os seus textos, se cadra, en máis interesantes. As dúas obras que se editan neste volume, “Binomio de Newton” e “García”, encerran en si mesmas, sendo aparentemente diferentes, todas as características da obra de Pazó, considerándoa coma proxecto estético, indisociábel da súa faceta escénica. Tanto “Binomio de Newton” coma “García” foron antes espectáculos. Pazó, polo tanto, non é un autor que escriba teatro coma exercicio literario, senón que nos ofrece obras que zumegan escenario, que se amosan coma unha proposta textual orientada, ante todo, a ser representada. Ámbolos dous textos, porén, desenvolven argumentos aparentemente diferentes. “Binomio de Newton” desenvolve o encontro entre un mozo e un adulto nun momento determinante: o rapaz está a piques de suicidarse perante unha urbanización que resulta ser, tamén, o desencadeante dos medos e as dúbidas do home.
“García”, pola súa banda, está na liña dun teatro de vocación histórica que xa cultivara Pazó en “Raíñas de pedra”, empregando os personaxes e os acontecementos do pasado coma motivo para afondar na psicoloxía humana. Utilizando o dato histórico do encerro do único rei da Galicia que foi reino, Don García, a obra explora unha reflexión sobre a liberdade e sobre as entreteas do éxito, desde un punto de vista ficticio, pero verosímil, un punto de vista que, ademais, foxe da lectura sempre identitario-nacionalista que a literatura galega última vén dando sobre este personaxe. É verdade que as dúas obras teñen unha feitura diferente, especialmente na situación espazo temporal (contemporáneo vs. histórico, espazo aberto vs. espazo fechado).
O factor da palabra
Tanto en Binomio coma en García o diálogo é o factor que constrúe a realidade, mesmo a través do equívoco ou o conflito que crea a propia linguaxe. A linguaxe, en definitiva, é o vehículo que canaliza o absurdo que a miúdo domina as vidas así coma o “accidente”, ese factor que dá lugar ao encontro, ao comezo do diálogo, á propia historia. Pazó vencéllase, así, ao teatro da palabra, esas pezas que se desenvolven a través do falar por falar, pois, como di Amedio, un dos personaxes de Binomio, “É no único que nos distinguimos do resto dos animais, en que falamos”. Así, atopámonos con textos desenvolvidos a través do diálogo en sentido estrito, isto é, como interacción comunicativa de dous personaxes, aludindo a un xénero teatral concreto, o ñaque. Neste punto, con todo, non debemos esquecer a condición escénica pola que naceron os textos: un teatro deficitario coma o galego e as compañías modestas (que son maioría) non sempre poden permitirse elencos de moreas de actores. Dous ou tres son o termo medio que converte os textos teatrais en accesíbeis, e de aí que os dous personaxes destas obras de Pazó non deban ser considerados tanto desde un punto de vista estético, coma desde unha perspectiva técnica ou material.
Malia as aparencias, “Binomio de Newton” e “García” tratan un tema semellante: as relacións familiares e a súa pegada na forma de ser, abordándoas a través de certa narratividade que lle outorga importancia ao pasado, á infancia coma espazo ao que recorrer sempre e coma lugar para o xogo (coma o propio teatro), de xeito que se constrúe unha narratividade que permite que a tensión discorra in crescendo. Á súa maneira, de certo, as dúas obras falan dalgunha forma de condena: nun caso é o suicidio e no outro o presidio, pero en certa maneira esas fórmulas para a condena conducen as reflexións cara á noción de liberdade e cara ao paso do tempo. Porén, en Binomio a liberdade é unha opción de vida, mentres que en García, a liberdade se amosa coma posibilidade crítica, coma a opción case que aloucada polo mundo ao revés: o rei destronado opta conscientemente polo presidio, como síntoma de dignidade, de loucura ou como fórmula do autor para respectar a verdade histórica, xa que sabemos que o rei García morreu na cadea e nunca foi liberado.
O manexo dramático do tempo é, sen dúbida, unha das grandes habilidades de Cándido Pazó coma autor. En xeral, nos seus textos tempo da historia e tempo real coinciden, de xeito que consegue romper o realismo a través de momentos de suspensión temporal, que se resolven de xeito excelente mediante o monólogo. Esa ausencia de tempo é tamén o elemento que serve para vencellar as historias crúas de Pazó coa aura heroica dos personaxes históricos, eses mesmos aos que Pazó, como facía Cunqueiro, ispe de toda mítica para afondar no lado máis humano, ese que converte as vidas en traxedias, ou en comedias, ou simplemente en teatro. É grazas a esa desmitificación que Pazó se permite destruír o sentido heroico das xeracións que fixeron a transición en “Binomio de Newton”, pero, sobre todo, é a desmitificación dun rei fundamental na simboloxía identitaria galega a través dun proceso de animalización. É así que se vencella o ser humano á maior das súas conquistas, a liberdade, mesmo cando esta beirea perigosamente a loucura. Esa é probabelmente a lección de Shakespeare que aprenderon ben os dramaturgos coma Cándido Pazó: a lucidez dos tolos é a que permite que se escriban historias coma a de Hamlet, coma a de Inés de Castro, coma a do rei García.