Nesta obra reúnense traballos dispersos e de diversa natureza e temática. Hai prólogos, artigos ou capítulos de libros selectivos, conferencias, etc. Teñen en común a vocación culturalista e o afán de erudición tan característicos do gran narrador mindoniense.
22 / 5 / 2006
María Liñeira. OxfordTómolle prestado unha vez máis o concepto a Manuel O’Rivas, poeta, nun intento, condenado ao fracaso, por describir as esencias do universo de Álvaro Cunqueiro. Nada me agrada máis, persoal e profesionalmente, que a publicación dunha nova colectánea da súa obra dispersa. Nun estudado movemento de baile Sotelo Blanco Edicións celebra o seu vinte e cinco aniversario (1980-2005), ao mesmo tempo que se fan vinte e cinco anos da morte do mindoniense (1981-2006), editando unha antoloxía de título tal, “Universo Cunqueiro”. Prologado por Fernando Ónega, este libro é unha pequena viaxe pola experiencia intelectual de toda unha vida. Os once textos recollidos son de moi diversa natureza: a introdución a unha edición da Odisea, tres conferencias, dous artigos publicados en Los Cuadernos del Norte, outros dous publicados en Grial, un que viu a luz na revista Escorial, e o capítulo de Cunqueiro do libro colectivo Paisaxe e cultura. Ensaios. O abano temporal que abarca vai dende a convulsa e confusa década dos corenta ata o ano da súa morte. Agás os artigos publicados na Revista Galega de Cultura e a conferencia “O galego nas súas maxias”, que estaban inicialmente en galego, os demais foron traducidos dende o castelán por Concha Martínez Mayo e Maricarme García Ares.
“Pasen, señoras e señores, e vexan”
A sección áurea é “o número secreto que garda a proporción / entre os segmentos”, a fórmula exacta que relaciona entre si motivos e te(i)mas. Para aqueles que coñecen e degustan a Cunqueiro este libro ofrécelles a posibilidade de asistir unha vez máis ao espectáculo que “esa álxebra que só se contaxia / coa luz do pan” nos ofrece. A querenza por uns temas concretos e o seu uso para todos os xéneros dos que o mindoniense dispuxo evidéncianse nestes textos. O retorno de Ulises, antes poema e novela, enceta a antoloxía nunha lúcida análise da Odisea. A Italia medieval, como non!, paira por “Sobre Giovanni Boccaccio da Certaldo” e “Personaxes de Dante no Camiño de Santiago”, que combina ademais a paixón xacobea do mindoniense. Rosalía de Castro, figura omnipresente no imaxinario do autor, transcéndese a si mesma, “se é que (...) é literatura”, en representación dos galegos e da soidade do ser humano, en “Sobre Rosalía de Castro” e “Máis que negras sombras”. Un orixinalísimo texto, “Parentes de don Ramón por parte das estrelas”, presenta ao Cunqueiro interesado polos Zodíacos e fai un percorrido por algúns importantes Escorpións, coma Valle-Inclán, Villiers de l’Isle Adam, Poe e Dostoievski, entre outros. O escritor xenio é analizado en “As mil caras de Shakespeare”, onde se repasan as cuestións máis polémicas sobre o autor inglés; e na parte final analízase o seu signo zodiacal, o Touro. A literatura de tema artúrico aparece en “Fazaña e viaxe do Santo Graal”, onde se describen os supostos acochos do cáliz, incluíndo o Cebreiro de Galicia, por suposto. Outras cuestións non literarias preocuparon intensamente a Cunqueiro. En “O galego nas súas maxias” explora a relación que os galegos temos coas crenzas sobrenaturais e en “A paisaxe na concepción poética” a que temos coa terra natal. No artigo “Sobre anxos e demos” temos o privilexio de ler un xermolo do que puido chegar a ser o proxecto, tan longamente acariñado, do dicionario de anxos.
Semella ás veces, seméllalles a algúns, que todas as ideas, as reflexións sobre os “Naipes de Cunqueiro” (“¿Como fixo, don Álvaro, para inventar Bretaña?”) están xa sobre a mesa. Moito se ten dito, é certo, sobre todo no ano do señor de mil novecentos noventa e un; pero aínda máis se ha de dicir, porque o volume da súa obra aínda dispersa daría para cubrir Ponteareas en alfombras florais de Corpus Christi. Nas páxinas dos xornais e revistas hai material abondo, sobre todo en castelán, é claro, para publicar unha nova antoloxía poética, outra de semblanzas, e se cadra aínda unha de contos; pero sobre todo hai para seguir tirando do prelo obra xornalística. Dinme as miñas contas da vella que xa viron a luz máis de vinte colectáneas deste tipo e eu, humildemente, creo que hai material para outras tantas. Traballos teóricos coma os de Anxo Tarrío, González-Millán, Rexina R. Vega, e o recentísimo de Manuel Forcadela van debullando as claves da súa sección áurea, e son imprescindíbeis, é claro; pero que felicidade é saber que aínda hai textos de Cunqueiro que non coñecemos, e como xa foi dito, nunca se ten a sensación de estar rascando o fondo do caixón.