Puntuación: 2.1/5 (123 votos)
Universo Cunqueiro é unha obra na que se reúnen unha serie de traballos dispersos de Álvaro Cunqueiro de diversa natureza e temática, compostos polo escritor mindoniense durante un período que vai desde 1941 ata 1986. Nuns casos trátase de textos escritos: prólogos, artigos ou capítulos de libros selectivos, e noutros de conferencias, é dicir, de textos orais. Uns e outros teñen en común a vocación culturalista e o afán de erudición tan característicos do gran narrador de mediados de século.
Para os textos en castelán recorreuse á tradución deste ó galego; este labor foi levado a cabo por Concha Martínez Mayo e Maricarme García Ares, mentres que para os textos en galego procurouse ser o máis fiel á lingua cunqueiriana, especialmente no que ó léxico se refire.
Do prólogo da obra, que leva por título "O Cunqueiro máis sabio", encargouse Fernando Ónega e nas súas palabras este libro trátase do "Cunqueiro menos coñecido: o Álvaro Cunqueiro que en cada páxina desta obra nos dá unha lección de sabedoría e capacidade de recuperación da historia, dos seus mitos e ata das súas supersiticións"
¿Como chamar a este Cunqueiro? En parte é o mesmo xornalista dos seus artigos, pero só en parte, pois nesta obra supérase xa que ten asomos de cronista do seu tempo e pegadas de historiador. É un Cunqueiro novo pois é un crítico literario pero aquí mergúllase máis na psicoloxía do personaxe que na súa forma de expresión. Este sorprendente Cunqueiro podería definirse coma unha mestura de sociólogo e antropólogo, situado nesa fronteira onde empeza a maxia e remata o realismo do século que lle tocou vivir.
[Presentación editorial]