Estudo da actividade laboral e sindical desenvolvida polos inmigrantes hispano-galaicos, fundamentalmente mariñeiros e fogoneiros, en New York durante o primeiro terzo do século XX. A actividade desenvolvida por estes obreiros nun período destacado de inmigración nos Estados Unidos queda aquí perfectamente reflectida enfrontándose ó tema migratorio desde outra perspectiva.
2 / 5 / 2006
Gustavo Hervella García. Santiago
Nesta nova achega de Bieito Alonso á emigración galega en Nova York, amósasenos unha perspectiva diferente dentro da multiplicidade de miradas que este fenómeno ten. Agora é o movemento obreiro o que adquire un protagonismo interesante na súa pescuda, en concreto o protagonizado polos traballadores dos barcos, mariñeiros e fogoneiros, que actuaban baixo a ideoloxía anarquista. Presta especial atención a aqueles feitos e nomes que adquiriron notoriedade pola súa presencia en mitins, folgas ou como asinantes de artigos na prensa da época, circunscribindo o seu estudo ao primeiro tercio do século, período destacado de inmigración nos Estados Unidos.
A presencia de anarquistas e en xeral de obreiros inmigrantes organizados en USA foi relativamente recente, sobre todo se o comparamos co que acontecía noutros países de emigración como Arxentina ou Cuba. A chegada de españois e sobre todo galegos, activou parte da loita obreira na sociedade americana. A través da lectura deste tipo de traballos sabemos que non sempre a ideoloxía libertaria era construída alén mar; son moitos os inmigrantes que chegaron a Nova York xa cunha conciencia de clase evidente. Bieito Alonso ofrece nomes, como o do catalán Pedro Esteve, chegado en 1892, ou os dos galegos Xan da Graña, Andrés Balsa ou Manuel Rey. Todos eles participaron nas folgas e movementos de protesta acaecidos nesta cidade desde principios do século XX así como na edición de xornais e panfletos de caracter eminentemente obreiro. Sinalamos este feito porque, na emigración de Cuba, Arxentina ou Uruguai sobresaen as publicacións de carácter étnico, cousa que non sucede entre os galegos neoiorquinos. Aquí, e seguindo a estela libertaria, os traballadores non teñen patria, evidencia que deixa constantemente reflectida o autor mediante a reprodución de escritos persoais, discursos ou artigos dos protagonistas. Por establecer unha comparación coa emigración ácrata ao Río da Prata, na década dos vinte en Bos Aires aparece un xornal anarquista escrito en galego “Tempos Novos”, mentres que isto non sucede nunca en Norteamérica.
División racial
A identidade é un dos elementos conductores do texto. Analízase pormenorizadamente este concepto e a importancia que tivo entre os recén chegados a Estados Unidos. Así, as diferencias raciais eran procedementos diferenciadores de primeira orde, e si os irlandeses marcaban límites cos europeos do sur, estes farán o mesmo cos traballadores negros. Esta división racial foi aproveitada polas compañías e incluso fomentada, xa que así a loita polos dereitos dos obreiros era máis feble. Xunto a identidade, Alonso incide en conceptos como etnicidade, aculturización e americanización, e a través deles vai explicando dun xeito ameno e claro como foi o proceso de integración na sociedade receptora por parte dos obreiros galegos.
Ao tratar de traballadores non cualificados como eran os fogoneiros e os mariñeiros e dunha ideoloxía como a anarquista, temida e preocupante para as elites occidentais deses anos, as conclusións que se poden tirar deste estudo son aplicables a un segmento moi concreto do movemento obreiro, o libertario. Moitos, certamente, adquiriron esta ideoloxía e formáronse como líderes anarco-sindicalistas na emigración, aínda que outros chegaron a América xa ideoloxizados. Lembremos que o movemento anarquista en Coruña era moi importante, e son moitos os que embarcan desde esta cidade en busca de novos horizontes. Como afirmou Gonzalo Allegue respecto á emigración galega a Bos Aires, “ Porque como decían los argentinos, llega un vasco y se va a una iglesia: llega un gallego, busca a otro y abre un sindicato”. Esta afirmación tamén pode ser válida para moitos dos recén chegados a Nova York.
A importancia da cultura
Interesante é reflexionar un instante sobre as cabeceiras xornalísticas libertarias. Por unha parte, a importancia que se lle daba á lectura deste tipo de xornais entre os propios obreiros, xa que aínda que se tratase dunha publicación de poucas páxinas ou de efémera duración era mantida por unha cantidade importante de subscritores. Por outra, destacan os títulos que teñen: “Brazo y cerebro”, “Cultura Obrera” “El Despertar” ou “Cultura Proletaria”; referidos sempre á emancipación do obreiro e a importancia outorgada á súa formación como persoa. É evidente a importancia que os anarquistas lle outorgaban á cultura, como ben sinala Bieito Alonso: “O pequeno enxame de Centros de Estudios Sociais e Ateneos, todos eles de influencia ácrata, que se estenderon pola costa Leste dos Estados Unidos foi unha boa mostra desa preocupación case visceral pola cultura.”
O carácter internacionalista que impregnou a loita dos galegos anarquistas de USA fixo que moitas veces establecesen relacións destacadas con agrupacións residentes en Galicia e, do mesmo xeito, facíanse eco dos acontecementos que tiñan como protagonista ao movemento ácrata en España como foi o asasinato de Francisco Ferrer y Guardia creando en 1910 a “Francisco Ferrer Association” sobresaíndo neste feito o galego Jaime Vidal.
Trátase, xa que logo, dun interesante traballo que cingue as dúas liñas máis destacadas dos estudos de historia social: o movemento obreiro e a emigración, que si ben xa foi experimentado noutras ocasións na historiografía galega tendo como escenarios Bos Aires, A Habana ou Montevideo, é máis excepcional para o caso estadounidense. Trátase dun modo diferente de enfrontarse ó tema migratorio, desde outra perspectiva e atendendo a outros condicionantes xeográficos e económicos xa que os inmigrantes galegos que recalaban en Estados Unidos mantiñan ao chegar unhas relacións sociais diferentes a aqueles que arribaban ao Prata ou ao Caribe. Nin toda a emigración nin o proceso de inserción social era igual, como moi ben se desprende deste estudo de Bieito Alonso.