culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Apetencias culinarias contra os tambores de guerra

Agora que se escoitan os tambores de guerra entre Oriente e Occidente, entre os malos malísimos musulmáns e os bos boísimos cristiáns, é o momento idóneo para falarmos de gastronomía. Exactamente, imos falar de pescudas culinarias, de viaxes polo padal que evocan outras paisaxes, do bafo do falafel, da cor do cus cus, da textura da carne de cordeiro, do riso do fulful bhar no nariz. Probar novos sabores ten un aquel de misticismo. Non só supón deixarse seducir por aromas e tactos difere+ntes, senón abrir as portas a novas culturas. Habería que convidar ós señores Aznar, Blair e Bush (ós que ferve o sangue do asalto) a un bo prato de maqlouba. A ver se acougan.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Jorge Guitián, con quen comparto o pracer da cociña (iso que el é moito máis atrevido ca min na confección de manxares), acábame de facer un empréstimo marabilloso que só os amantes do lume creador aprezamos na súa verdadeira dimensión: os libros de receitas. Decidimos comezar pola árabe e para iso ofreceume unha interesante variedade culinaria: africana (tunecina ou marroquino) e asiática (Oriente Medio, fundamentalmente). Eu, que son demasiado táctil, comecei como non polo libro de portada máis atractiva e iso levoume a entrar no mundo árabe da man de Salah Jamal.



Salah Jamal é un médico palestino que vive en Barcelona e decidiu achegar os segredos da súa cociña ós lectores do Estado Español. Para isto recorre non só á descrición de receitas (que por certo, abondo lle custou recadar sendo como é a cociña árabe asunto feminino) senón que as recobre dunha envoltura de anécdotas que converte a lectura nunha viaxe entretida pola xeografía física e humana de Oriente Próximo. Considero que o máis agradecido desta obra reside, xa non na claridade na elaboración dos pratos, senón nos seus comentarios retranqueiros, como este referido ás propiedades fértiles do arroz: “os árabes e os hindúes ocupan os primeiros postos entre os países do mundo en materia de fecundidade, e seguirán ocupándoos ata que McDonald´s medie” (p.56). A crítica á globalización económica, ós tópicos sobre os distintos pobos, á uniformización cultural e á guerra de relixións están na base desta obra, do mesmo xeito que o fulful bahr, o burghul ou o say están na base de toda cociña árabe. Co arrecendo dos kebab, a tabboule, o falafel ou o hommos bailando no medio e medio da cova bucal resulta doado imaxinar o paso dos comerciantes no deserto, o valor da auga, os significados do te ou o sentido de certas prácticas rituais arredor da comida. Tamén parece absurda esa crenza estendida da sobriedade das mulleres árabes (motivada por prexuízos relixiosos) cando o seu xogo de especias ten moito de xogo sensual.... e sexual. Na lectura do libro de Salah Jamal a seducción da pementa moída, do loureiro, do aceite, do comiño ou da canela penetra polo nariz (certo, fai estarricar) e lévanos por roteiros de alén do Mediterráneo.



Compartir os manxares



Pero é certo que hai que atravesar as verdades dos libros de cociña e atreverse co cara a cara. Un dos grandes luxos da comida céntrase no propio rito de tomar os alimentos. En todas as sociedades exercen prácticas de gran valor cultural que non podemos, nin debemos obviar. Por exemplo, na fartura nun xantar árabe apousa unha das claves da súa alimentación e, se esquecemos calquera dos protocolos, todo o valor da elaboración do producto queda reducido a cinza. Cando comemos penetra en nós non só o arrecendo dos manxares senón a esencia da persoa coa que compartimos o rito alimenticio. E velaí un dos grandes praceres culinarios. Existen moitos libros de antropoloxía, pero tamén de literatura centrados no mundo da cociña (entre os famosísimos Isabel Allende, Cunqueiro, Laura Esquivel ou, dende o aspecto da traxedia o bulímico “Diario de Brigget Jones”). Con eles podemos viaxar nestes tempos de economía agónica (alomenos a de Jorge e a miña) polo curioso mundo interior das papilas gustativas.



Primitivismo pantagruélico



Marta dinos que somos uns sibaritas. Non llo digades pero eu creo que somos totalmente primitivos, persoas seducidas polos praceres máis físicos nesta sociedade de loita encarnizada por defender os seus valores intelectuais e espirituais. Neste aspecto, cómpre aferrarse ós sentidos para evitar as tentacións do intanxible. Cómpre agarrarse ós rostros das persoas doutras latitudes que coñecemos, ás súas palabras e ós seus risos para non caer no “pecado” de enxuizar outros pobos baixo as nosas leis occidentais que, coma nun rodopío, rodan unha e outra vez arredor de nós mesmos como única verdade posible.



Cada semana, Yeni e a miña irmá exercen unha práctica que deberían emular tódolos líderes políticos mundiais: intercambian coñecementos e degustacións culinarias con dous amigos sirios cos que comparten pupitre na facultade de Farmacia. A relativización das verdades resulta unha práctica indispensable para calquera persoa. Imaxinen a Aznar e a Bush sentados nunha alfombra ó carón de Sadam, todos eles arredor dunha bandexa de al uzi. Seguramente outro galo cantaría no poleiro dos parlamentos de papel. Namentres, sentimos con pavor o son dos tambores de guerra. E choramos a nosa impotencia cun libro de cociña árabe nas mans.



BIBLIOGRAFÍA:



SALAH JAML: Aroma árabe. Recetas y relatos




“El mar nuestro de cada día es una alcantarilla desde el Miño hasta Valdoviño, la alcantarilla del Prestige. Es la costa del delito, salpicada de negro aquí y aquí y allá”. “La Voz de Galicia” (especial Prestige)




Nunca Máis

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org