culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Voyeur

Non vou mentir. Vou dicir só a verdade, a literaria, a ficcional e máis a tanxible. As dúas caras da mesma moeda que ti tan ben alternas nese xogo máxico de dedos.Como nos xogos dos trileiros, sempre hai alguén que engana e alguén que se deixa enganar. As rúas non serían iguais sen ese xogo infantil en que desvelamos as cartas. Hai unha muller que serve de cebo e nós picamos. Acontécenos exactamente igual nos bares. Se está baleiro quizais signifique que o viño non valla un peso así que é mellor meterse na taberna máis concorrida. Sinto que ao falar de ti inmediatamente escriba a palabra taberna. Xa ves, ao mellor coñecémonos mellor do que parece. Do que aparentamos.

Agardando as lagarteiras
9 / 8 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Son un voyeur na túa vida, na mentira que me contas de ti mesma, na parte máis estupenda que me deixas espreitar. Confésoche que me gustas máis cando mentes. Como cando Anxos Sumai nos contaba unha historia e todos pensabamos que era unha fantástica ficción e un día, de casualidade, descobres que aquilo sucedeu. E quedas con cara de pampa, ilusionada de crer unha verdade como se fose ficción cando adoitas facelo ao revés. Crer a ficción como verdade absoluta. Gústasme cando mentes e nos embebedas dunha realidade parella, sen límites e con tanta malicia. Gústasme cando es mala, e rabuda, e pinchas no ollo, e sorrís, e criticas, e blasfemas con tanta elegancia. Gústasme aí pero fóra do patio de veciñas. Fóra dese patio en que ecoan as voces do soto ao faiado nunha espiral violenta, aí onde sae o peor de ti. Prefírote na fiestra aberta ao mundo, ao descampado do ignoto, berrando mentiras como se fosen verdades. Verdades coma se fosen mentiras. Non me gustas cando te agochas nin cando te disfrazas. Gústame verte radiante e orgullosa, sen alcumes que embacen a túa palabra. Gústasme cando non es unha covarde. E dis, e falas, con esa malicia tan intelixente que só fere aos ignorantes. Gústasme cando constrúes dende a crítica. Cando amarras o vento. Cando te enfadas. Cando abres os ollos nos textos. E odio que te beban os odios e as manías. Non sabes canto o odio.

Son un voyeur na túa vida, na mentira que me contas de ti mesma. De todonada a astuasbalas. De diasestranhos a orballo. Das crónicasprusianas a bretemas. De casatlantica a canciondonaufrago. De cabrafanada a oollodavaca. De sihomesi a paleon. De tantas e tantas fiestras coas que quito as lagañas a primeira hora, logo de ver a cantidade de sucesos que emborranchan os medios de comunicación. Abúrreme a súa condescendencia, a súa previsibilidade, a súa monotonía. Se din os teóricos que os medios de comunicación constrúen a realidade, dende logo non constrúen a miña. Por iso devezo por espertar contigo e tomarche o café cada mañá comentando as novas do día. Para saber de ti. Para saber as películas que me recomendas, e os libros, e os actos de sociais que perdín por pescar palabras. Namorei de ti moito antes da campaña electoral pero supoño que foi aí onde me roubaches para sempre. E gústame por riba de todas as cousas, ese optimismo, ese refacho de aire do mar para terra dentro, esas verdades como puños que se converten en mentiras e esas mentiras que se converten en verdades.

Porque na rede, aí onde naces á velocidade da vertixe de unha fiestra por segundo, capturo maragotas e sargos. Reis –que Estevo Creus chama por aló pola fin do mundo Doncelas- e meros. Salmonetes e ollomoles. E como me saben. Como me alumean o padal. Pero nas redes ás veces sobe algún escarapote, eses bechos feos como abismos, de cornos trogloditas e ollada atravesada que só viven para botar veleno. Non me valen para máis, nin para os gatos que miañan no tellado das dúbidas. E derrubo os seus corpos esgazados polos tramallos na area da praia por ver se algunha gaivota os leva. Para non encontrar os seus cadáveres putrefactos na beiramar. Pero iso non implica que non siga botando a rede para capturarte. E supoño que iso fai a túa captura tan apetecible, ao saber que calquera día podo perderme e volver atoparme. Vestirte de palabras e espirte de mentiras. Vestirte de mentiras e espirte de miserias. Gústasme máis polo que agochas. Polo que non sei de ti e deixas entrever. Sen máis adxectivos cós xustos e necesarios. Por iso, gústasme máis cando mentes.

Son un voyeur na túa vida. No que dis e no que calas. E dirasme, con razón, a que vén esta mísera declaración que nin di nin mente. Nin agocha nin amosa. Devólvoche dende a humilde condición da que espreita, unhas palabras de agradecemento pola túa xenerosidade. Porque nunca che escribo. Nunca discuto. Nunca valoro. Nunca aplaudo no teu ventre de enlaces. Porque prefiro dicircho aos ollos. Porque, maragota ou escarapote, é necesario que esteas aí. Para botar unha presa de verdades e mentiras. As que me gustan e as que non. Tanto ten. O caso é que existas e poida rabuñar as lagañas contigo e descubrir pensamentos que aínda non apareceran en min e olladas que me ispen, e silencios que me matan e risos que descoñecía.

Non tomes a mal o meu silencio habitual. E, non obstante, hoxe se non o digo rebento: ¡ghuapa!

Aínda que prefira moumealo ao devolverche un vaso de licor café. A calquera dos milleiros de bloggers que abrides fiestras ao mundo. Aos que me gustades e aos que non.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org