culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

F(e)RIDA

Sei que preguntaches por min na Casa Azul, cando Eva foi buscarte, alá en Coyoacán, a quince horas desta chuvia voraz. Non fun verte e talvez por iso impediches as fotos, para que nada da túa alma fuxira da Casa onde prometín visitarte hai xa tantas memorias. Non houbo imaxes dos teus recunchos para non estragar as palabras que quedaron enganchadas das lámpadas e dos tapetes das cómodas. As cartas de Alejandro Gómez Arias, o traxe de tehuana, as palabras a Diego, o soño de Trostky, os revelados do teu pai, o catolicismo que matou á túa nai. Eva foi atopando moreas de sílabas soltas na cama e espalladas polas alfombras e quixo reconstruírmas pero quedaron, como bonecas rotas, feridas pola distancia. O océano matáralles a alma. Pero entón apareciches ti na miña casa, tan impredicible como sempre, tan transgresora como nunca.

Agardando as lagarteiras
22 / 9 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
E como gocei ao verte, mesturada nese enxame de alguéns e non alguéns que se congregaron ante a estrea da túa obra. Gocei ao verte, indiferente ás mostras de admiración e desprezo, rodeada da túa propia aureola de divindade. Porque ti, Frida, non necesitas palabras de cariño e moito menos de compaixón. Compaixón séntela ti por quen olla con rabia de non chegar a comprender todos os cavorcos dunha alma en vela. E ríaste, a pesar da dor do corsé de ferro, a pesar da poliomielite que te deixou tolleita, a pesar da coitelada dos celos e da non fecundidade. Ti ríaste dos que nos abandonamos ante a túa obra con ese desdén teu de superioridade tan humilde.

E atopeite nas fotografías, sempre seria, sempre desafiante, como querendo roubarlle á alma un só segundo de eternidade. Atopeite nos marcos desangrados, na muller que olla rodeada dos bechos que nunca serán fillos, atravesada por unha espiña de ferro, nos trazos case infantís dunha letra pequena que esborrancha o teu diario. Atopeite no culto aos mortos, no loito da túa nai, nos celos polas infidelidades, na devoción por Diego, no amor xuvenil a Alex, no traxe de tehuana e tamén no disfraz masculino. Atopeite, Frida, no berro iracundo dun parto non nato. Na dor que desangra a esterilidade. Na vontade de permanecer. Non hai renuncia ao teu propio corpo. Non hai negación da dor, nin fuxida, nin resignación, nin sequera lamento. Existe unha aseveración dramática, unha afirmación compulsiva dun corpo doente. Como se compartindo, amosando orgullosa o que te esgaza puideses universalizar algo tan íntimo. E soubéchelo facer, nun tempo onde os corpos fermosos –case coma agora- eran os únicos soportes –case coma agora-
de visibilizar á muller –case coma agora.

E se o accidental rebentase a túa feminidade para negarte

Esa foi a túa transgresión e a túa denuncia. Un canto feminino á fealdade das feridas, ao noxo do sangue, ao repouso do enfermo nunha cama de hospital. Visibilizaches a vida a través das cores. Fixéchelo para enfrontarte a ela, á dor que te atravesaba coma se o ferrancho do camión que te perforou nunca saíse do teu corpo. Coma se a coitelada da traxedia fixese anacos unha e outra vez a túa pelve. Coma se o accidental rebentase a túa feminidade para negarte. Pero non te rendiches. Non pousaches o pincel para sumirte no desconsolo da vida cando ti precisamente necesitabas contar e cantar a vida. Porque soubeches recrearte a través da man, soubeches entenderte e eternizarte con trazos de óleo e sangue. Quixeches facer da humillación unha afirmación e non espertar compaixóns baratas de quen ti sempre consideraches máis pobre ca ti. A pesar da súa fermosura. A pesar da súa falsa aparencia de burguesía acomodada e permanentemente feliz. Porque sabías que a paixón exacerbada ten un prezo e quixeches pagalo. Talvez porque, doutra maneira, nunca terías sido feliz. E unha ten a sensación de que, malia a aparente incongruencia ante tanto sangue e tanta traxedia física, non hai maior exaltación da vida que un rostro acorado pola dor física e sentimental. Claro que, para iso, fai falla coñecerte.

E viñéchesmo contar aquí, nun día poallento e gris, de farolas acesas e chan especular cando eu sempre soñei atoparte na Casa Azul. E prometérache viaxar a Coyoacán, á esquina da rúa Londres e Allende, na antiga facenda do Carmen, alí onde abriches e pechaches os ollos por primeira e derradeira vez. Xurárache render culto aos exvotos, judas de carrizo e papel encolado, xoguetes de feira, mobles de ocote e oyamel, mortes de xeso, de arame, de cartón, de azucre, de papel de China, papeis recortados, petates, sarapes, huaraches, flores de papel e de cera, tocados, matracas, piñatas e máscaras; fotografías de seres queridos, armarios e repisas con figuras prehispánicas. Dixérache que me pararía na cociña para contemplar a súa decoración con barro verde de Oaxaca e artesanía de Metepec e tamén no comedor con vaixela de Guanajuato, vidrio soprado de Tlaquepaque e naturezas mortas. E que buscaría o meu rostro no espello da túa cama. E que poría o dedo para tapar a ferida que se desangra na transfusión de “As dúas Fridas”.

Pero tiveches presa por estender a túa fascinación fóra de México D.F., nunha aseveración innegable de que es ti quen segue a gobernar a túa vida e a túa obra. De que es ti quen se mofa de todas as palabras de cortesía e saúdos politicamente correctos desde o día que chegaches. De que es ti quen bebe un tequila e vixía as coqueterías de Diego do outro lado da sala. De que es ti quen lles rende culto aos mortos e gotea auga bendita sobre os vivos. De que segues a ser ti a seducción irresistible que atrae como a luz ás avelaíñas na escuridade do putrefacto. Ese universo que ti fixeches fermoso poñéndolle trazos imborrables á dor que esgaza.

Pero, insisto Frida, irei buscarte á Casa Azul, a esa habitación na que quedou a moza tehuana que nunca quixo viaxar á Europa, a indíxena que non se disfraza de home para unha viaxe transatlántica.

Eu irei buscarte.

FRIDA KAHLO: Fundación Caixa Galicia. Ata o 20 de xaneiro

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org