culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Ascenso sen piolets ata os altos cumios da cotidianeidade

Unai Elorriaga atrévese sen campamento base nin piolets neste seu ascenso cara o cordal do monte do día a día dun ancián. "Un tranvía cara a SP", Premio Nacional de Literatura de 2002 que vén de ser traducido ó galego por Ramón Loureiro para a editorial Galaxia, ofrécenos a oportunidade de afrontarmos unha escalada na que descoñecemos, de antemán, se temos o permiso da montaña. Dubido bastante que o propio autor tivera este permiso previo, dada a gran dificultade creativa que presenta esta novela. E, malia todo, Elorriaga non só sae airoso do reto senón coa bandeira espetada no cumio como símbolo do seu triunfo.O seu oitomil persoal suponnos gabear con palabras, imaxes sorprendentes e recursos abraiantes ata o cimo imposible do máis achegado do ser humán. Cando os homes volven ser nenos.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
No Nepal, os alpinistas adoitan realizar unha cerimonia ritual por medio da cal solicitan permiso á Nai Terra para iniciar unha escalada. Cómpre escoitar á montaña e entender a ollada sabia dun sherpa, ademais dunhas facultades físicas e unha preparación extraordinaria antes dun ascenso. O diálogo co cumio, unha promesa, unha oración, supón un trance inescusable no que non sempre (case nunca) hai palabras de aloumiño senón severos toques de atención do ser humano para consigo mesmo. Pór o corpo e a mente nos mesmos límites de supervivencia convértese así nun xogo tan arriscado coma seductor e non hai quen nos explique ós simples mortais os porqués da vocación dos alpinistas. Sen embargo, sospeito que Unai Elorriaga (como bo vasco, terra de grandes escaladores) si coñece moitos destes porqués ou, polo contrario, non se atrevería con esta historia. "Un tranvía cara a SP" é a conversa dun alpinista coa montaña antes de ser ascendida O autor aventúrase con sinestesias e xogos léxicos sorprendentes na súa andaina vertixinosa pola mente dun ancián. Hei de recoñecer que é unha subida extremadamente arriscada na que, por momentos abanea a esixible coherencia demandada por todo lector medio. Mais, e de novo sorprendentemente, consegue saír victorioso. Unha ten a sensación cando sobe ó tranvía de Elorriaga de asistir a unha aposta do autor consigo mesmo na que nin el mesmo confía nas súas escasas garantías de triunfo. Como se afrontase cada parágrafo con vertixe e respecto. Como cada pegada na neve arriba dos seis mil metros.




A realidade e a ficción en Lucas




Asistimos en "Un tranvía cara a SP" ó proceso dexenerativo de Lucas, un ancián fantástico cun punto de inocencia amarga. Ser testemuñas da súa crecente demencia sabe a bile porque somos conscientes do camiño sen volta atrás que vén de iniciar. Ata se converter nun párvulo. Ata retornar á esencia máis pura do ser humano. Ata volver a nacer. Xunto a Lucas temos a outros personaxes que comparten a súa existencia abraiados e mesmo resignados ante a súa falta de lóxica. Pero a tenra melancolía de Lucas, a súa sobriedade e as súas ganas de vivir fannos enguedellar realidade e ficción ata chegarmos a dubidar dos lindeiros do mal chamado "real" como antónimo de imaxinario. ¿É menos real Rosa, a súa muller defunta, por estar morta ou, en troques, segue a ser a súa subida ó tranvía máis importante para Lucas que calquera outra visión? ¿Resulta menos transcendental no seu cotío don Rodrigo, a couza, có anaco de chocolate polo que devece cada serán? A relación de Lucas e María, a súa irmá, cun okupa de hábitos profundamente familiares, supón o establecemento de lazos afectivos consistentes na súa aparente frouxeza.



Escalada de lume e neve




A escalada de Elorriaga cara ós hábitos cotiáns non pode deixarnos impasibles. Ou escalas ou non. Ou sentes a vertixe da subida ó cumio ou quedas no campamento base observando polos anteollos a aventura de outros. Ou te atreves sen piolets no escarpado xeo do Shisha Pangma (un dos catorce oitomiles, tal vez non o máis difícil pero si o máis emotivo para Lucas) ou te aferras a cada palabra na procura dunha lóxica de lector pasivo. Debo recoñecer que nesta novela resulta extremadamente doada a demanda de osíxeno. Como din amolados os verdadeiros alpinistas, empregar osíxeno nas subidas equivale a sementar de bombonas o monte, malgastar a montaña, vender comercialmente a subida, ferir a pureza dos oitomil..., algo que na literatura poderimos traducir en lectores arrimistas de palabras mastigadas. A opción contraria reside en subir literariamente a obras como "Un tranvía cara a SP", sentir o bafo do aire xélido da incoherencia, espetar no ventre estalactitas de diálogos aparentemente inconexos, resistir ás avalanchas da rutina narrativa e escalar ata o máis deslabazado para, dende o outeiro enxergar o horizonte branco e reconstruír, por fin, o relato.




Ademais, é preciso non esquecer que o maior risco nos ascensos a calquera dos catorce oitomil consiste, xunto cos accidentes e imprudencias, nos edemas pulmonares e cerebrais. En ambos os casos, os alpinistas aínda non atoparon mellor medida a esta consecuencia da falta de osíxeno que o inmediato descenso. No libro de Elorriaga tampouco hai antídoto. Cómpre arriscarse ou renunciar a tempo. De non ser así, as palabras de Lucas seguirannos a través do noso cotío sen descanso. A súa maxia, case infantil, ben paga a pena o esforzo na escalada a un oitomil sen piolets. Ata conseguir volvernos máis consecuentes, máis lóxicos, máis nenos.



A imperceptible solidez dos diálogos



A fortaleza deste ascenso ás neves reside, sen dúbida, na súa potencia descritiva e na imperceptible solidez dos diálogos. Unai Elorriaga escala narrativamente sen piolets: "E aínda que a alma de María era máis dura que un óso de ñu, desfíxose nese momento e licuouse. E podíase ver a alma de María dispersándose polo chan da cociña e saíndo a cachoadas pola fiestra e baixando as escaleiras, a cachoadas tamén. María decidiu que tiña que reorganizar a súa alma antes de que acabase de espallarse. Saíu, pois, á rúa, e comprou media ducia de pasteis e unha botella de sidra, e comeu e bebeu, uns na sala e outros na cociña. E para cando rematou, a alma de María volvía ser un óso de ñu ou, polo menos, de moucho común" (p.122).




¿Só eu sinto Peta Zetas na lingua? Bolboretas no estómago. Formigas nos pés, carunchos simpáticos como don Rodrigo na boca do peito.





Confeso que, para min, abonda ese parágrafo para merecer o Premio Nacional de Literatura. Aínda que, tamén hai que salientar, non sei ata qué punto as gabanzas deben ser para o traductor ó galego, Ramón Loureiro, que, dende logo, fai un traballo impecable.





"A diferencia de las tres primeras mareas, el fuel que mana de los depósitos repartirá sus ataques durante semanas o incluso meses debido a la distancia existente entre las manchas" (La Voz de Galicia, 5/01/03)




NUNCA MÁIS




REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:


ELORRIAGA, UNAI: "Un tranvía cara a SP", Vigo: Galaxia, 2002. Traducción de Ramón Loureiro.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org