culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Don don din

O pasado 28 de decembro, nomeado día dos Santos Inocentes, asistiamos na Coruña ó Velorio do Mar, un acto de denuncia organizado pola Plataforma Nunca Máis de marcado carácter fúnebre-festivo (malia a evidente contradicción que isto entraña). Máis de vinte mil persoas botamos fóra a ira polo asasinato do noso mar e esixiamos responsabilidades. Sen sabelo, tanxiamos as campás a morto por un home que finou, non só pola pena, senón pola Historia. Don don din. Esta é a miña sentida homenaxe a Man, o alemán de Camelle que nos matou, un pouco máis se se pode, a todos nós nestes días aciagos. De novo, e admitindo que xa van moitas licencias, ídesme desculpar a primeira persoa. Don don din.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Don don din. Don don din. Don don din. Hai persoas que non distinguen o son das campás a defunto. Don don din. Don don din. Don don din. Tocan a morto. É un home. Choran os cans e cheira a cera queimada. O pendón da Estadea reloce enarborado contra o vento. Trae o Nordés dous golpes fortes e un feble. Jesús, o enterrador da miña parroquia, debe ser un artista porque non hai dúbida cando el tanxe a campá de ferro. Ou iso, ou debo ter escoitado demasiados repiques fúnebres como para recoñecer o sexo do defunto, eu, que carezo absolutamente de oído musical. O sábado 28 sentín tamén as badaladas que ganduxaban na nosa memoria colectiva, a morte do noso mar. E esta frase que, por reiterada algúns consideran metafórica, deixou de ser símbolo para se converter, no corpo de Man, nas bágoas físicas polo home de carne e óso que se nos marchaba, un cacho da alma que nos fuxiu para sempre. Sen sabelo, no vía crucis da Coruña levabamos o cadaleito do alemán de Camelle nos seus últimos pasos cara ó abismo. A Negra Sombra dos gaiteiros foi o seu réquiem máis sentido porque, para a memoria, o pasamento da costa galega tomou nome de Man.



O inferno de Camelle




Confeso que non coñecía persoalmente a Manfred Gnadinger. O pasado novembro amencimos co seu rostro eslamiado nas portadas dos medios de comunicación e soubemos que non había marcha atrás no camiño sen retorno da traxedia anunciada. Camelle era un litoral literalmente arrasado pola lambida mortal da marea negra. Apestaba (e segue a apestar) a varios, moitos metros de distancia do peirao. O xofre coábase polos poros da pel ata calar as máis profundas entrañas e alí, onda o soño feito pedra de Man, a paisaxe pouco se diferenciaba dun pozo petrolífero. A penas media ducia de persoas agochadas baixo máscaras antigás tentaban aspirar cunha bomba de succión aquela viscosidade impregnada nas penas. As formas gaudianas do antigo paraíso e museo de Man (o instalador de soños, como lle chamou Séchu Sende) escintilaban macabramente cos cuspes de chapapote. O petróleo non respectou o cartel de “prohibido pasar” e tatuou todas e cada unha das xoias ornamentais, pétreas e vexetais, do anacoreta.



Lembro o terror do meu propio rostro coma se o vise.



Ó zorregar unha pedra a aquelas pozas negras, quedou suspendida na densidade do veleno. No canto de desaparecer, ficou alí espreitante, ollándonos de fite con sorna e afianzando a súa vontade de non fuxir nin da mirada nin do pensamento. Pensei daquela no difícil que ía ser borrar a pegada da morte daquel recuncho con apelido xermánico e espírito rebelde. Non sabía cánto. Hai un carrete de fotos que non quero revelar por temor a que os ácidos e o cuarto escuro consigan sacar á luz á paisaxe dramática da miña alma.



O tiro de bala do Prestige




O día do enterro de Man volvín a Camelle. Supoño que foi unha casualidade do destino que quixo tropezar comigo a ardora do silencio. O ceo chúmbeo palpaba coas súas xemas húmidas o lombo e o corazón e nós recollemos o noso material de limpeza e anticontaminación atordados polas ausencias. Foi a nosa única plegaria por quen acababa de morrer pola tristura e, cómpre dicilo, pola Historia. Quen matou a Man non foi unha catástrofe natural. Foron o desatino, a indiferencia, a neglixencia e falta de dignidade. Non houbo autopsia. Para qué. Man dixera que se non morría, mataríase polo que lle acababan de facer. Que máis dá a exactitude do proceso físico de parada dos seus órganos vitais. Foi o tiro de bala do Prestige o que botou o rizón do seu ánimo nas profundidades mariñas. O corazón detívoselle para non ter que sufrir a coita da alma de salitre, cons e algas, aberta en sucos polo buque pirata. A dor do océano bravo que el escolleu como lugar onde permanecer para sempre dende o xa afastado 1961 foi tamén o andazo que o levou. E nós ficamos, coas guerlas tinguidas de fuel, apegados ó seu cadaleito coma se ollásemos nel o noso propio eu.



Reira



A praia de Reira, ó pé mesmo do Cabo Vilán, é unha zona de pura beleza atlántica que estes días permanece cuberta dun manto de fuel. O faro choraba luz á hora do enterro e as aspas dos muíños de vento tanxían sen descanso coas súas bracexadas iracundas no aire. Don don din. Don don din. Don don din. Non chovía na praia pero si no corazón. E o mar, que daquela continuaba co seu devalo, mandou ondadas negras como último adeus ó seu amante finado. Un voluntario catalán enzoufado en petróleo preguntou quen era exactamente Man. Non souben qué dicirlle. Mirei para os tombos bravos e grises que batían contra os cons ós seus pés e sinaleillos co dedo. Non me atrevín, ou non souben, sinalarlle o roteiro do roibén do meu corazón, o de moitos galegos (por non extrapolar un sentimento puro a todos aqueles que levan moito tempo amosando a súa indiferencia con tódolos problemas deste país). Supoño que el enxergou na escuma salferida de fuel o noso rostro canso e indefinido porque a súa ollada foi un pésame e o seu “este lugar es precioso” o único desexo de feliz ano posible.




De novo Gabo ventoume a miseria (podería facelo tamén con “Crónica de una muerte anunciada”) co seu “Relato de un náufrago”: “Nada de eso era falso hasta cierto punto. En todo momento traté de defenderme. Siempre encontré un recurso para soabrevivir, un punto de apoyo, por insignificante que fuera, para seguir esperando. Pero al sexto día ya no esperaba nada. Yo era un muerto en la balsa”.




Don don din.



Don din din.



Don don din.



Don din din.



Tanxen a morto. É un home. É unha muller. Somos todos os galegos e galegas ós que Man levou consigo un pouco máis.




Sinto comezar o ano cun réquiem pero máis sinto outras moitas cousas.




Dende acó o meu desexo para que o 2003 sexa un ano máis limpo, máis libre e máis feliz para todos e todas. Nunca máis.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org