culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O Prestige, Freda e a emigración

A catástrofe do Prestige segue a enzoufarnos o pensamento e máis as expectativas de futuro. As palabras non poden superar a magna traxedia deste silencio unánime no que se agocha moita rabia contida, moita desesperanza e moitas bágoas. As promesas dos políticos só xeran odio namentres as claudicacións dos mariñeiros espétanse no corazón. Emigrar ou morrer. Como Dani. Como Freda.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Dani era un rapaz afouto e simpático cunha chiscadela de tenrura sempre pendurada dos ollos. El non andaba ó mar pero as nulas expectativas laborais obrigárono a escapar do Val (Narón) e buscar un emprego nas Canarias. Dani morreu hai dúas semanas nun accidente de tráfico cando ía traballar de carpinteiro a unha obra en Forteventura. Tiña vintesete anos. A morte agardouno alí onde soñou labrar un futuro económico que a terra lle negou. Dime ti como se afronta unha traxedia persoal así. Dime ti como se atura a voz dun mariñeiro de Laxe ou de Malpica ou de Muxía que acepta resignado que a única saída para a súa familia é a emigración. Dime ti que facemos con este maldito país no que ninguén asume responsabilidades e parece que isto do Prestige é unha desgracia divina motivada polo azar dos deuses e non a culpa de despropósitos de cargos con nome e apelidos.



As imaxes non deixan lugar a dúbidas. Xeran desconsolo, mágoa e ira. Comeremos petróleo asimilado nas cadeas tróficas durante anos. Veremos as penas cubertas de fuel durante décadas (aínda hoxe nos espreitan as pegadas mortais do Mar Exeo). Esculcaremos na ollada dos mariñeiros toda a miseria dunhas axudas anunciadas a bombo e pratos na hecatombe e reducidas a migallas unha vez que pase o efecto dos flashes periodísticos. De que nos vale que nos medios de comunicación nos digan que as praias están perfectamente limpas "gracias ós voluntarios" (¿quererían dicir ecoloxistas?) se, coma o cancro, a marea negra arrasa por dentro e non deixa máis espacio cá morte do ecosistema. Coma se unha lingua de lava incandescente varrese as colleitas. Coma o napalm, os herbicidas, o veleno. Entón, certo, só nos queda emigrar. Como se fixo toda a vida.


A actualidade de Curros Enríquez


Escoitamos nitidamente a Curros Enríquez: “No se comprende que un territorio tan feraz, tan abundantemente dotado por la naturaleza de todos los elementos necesarios a la existencia, carezca de medios para explotarlos y haya de ver un día y otro emigrar a sus hijos en un espantoso éxodo que recuerda la expulsión de los judíos por aquellos bárbaros decretos de los reyes de la Casa de Austria. No es que el gallego posea el instinto emigrativo de ciertas aves... es que en realidad no puede vivir en su tierra pues esta se niega a sustentarle y le hace elegir entre la miseria y la muerte, ante la fuga o la servidumbre...” (“La Tierra Gallega”, Cuba, 11/IV/1894). Arrepía ver a actualidade destas palabras de hai máis dun século. E a miseria continúa aquí. Por iso emigrou Dani. Por iso emigrarán as víctimas do Prestige. Por iso emigraron os protagonistas de Freda.



“Freda” é o título dunha noveliña ilustrada de Kike Benlloch e Alberto Vázquez publicada por Edicións de Ponent na súa colección SolySombra que podemos atopar estes días nas librerías. A experiencia dos autores no audiovisual e na banda deseñada permite que a forza da mensaxe recaia tanto nos diálogos coma nesas imaxes mudas que comunican ata o fondo do corazón. Resulta unha xoia narrativa e visual na que agroman as miserias máis íntimas dos éxodos económicos. Os exilios políticos aparecen na nosa memoria histórica como grandes traxedias persoais. Sen embargo, non o son menos as correntes migratorias, eses fenómenos de masas do século XX que dividiron familias, frustraron soños e, tamén, pagaron as leiras e as escolas nas que aquí se traballaba. Nunca seremos abondo conscientes do prezo desta entrega humana.

“Freda” quere ser unha ollada contra o esquecemento. O guión de Benlloch e Vázquez cóntanos a vida de Manu, un neno galego que marchou cos seus pais a unha cidade europea, unha cidade na que viviu o drama de non sentirse de ningún sitio. O rapaz atopa fóra o amor e o pan pero non consegue unha identidade propia que lle permita aferrarse a algo sen botar de menos o outro. Sempre de ningún sitio. Sempre botando de menos algo que non ocorreu. Sempre un estraño. Un apátrida.



Eles teñen razón. A vida, ás veces, é unha “strada chiusa”, unha estrada cortada.




Un bico, Dani.





BIBLIOGRAFÍA:



Benlloch, Kike e Vázquez, Alberto: “Freda”, Valencia: Edicións de Ponent, colección SolySombra (2002)

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org