culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

París ben vale unha misa

O pasado martes volvemos a París. Os acordeóns arrolaban o noso paseo polo Sena e fixeron que me sentira cansa. Talvez máis cansa do que nunca estivera. Non cho dixen, claro, porque París ben vale unha misa e eu tiña tantas ganas de regresar que obviei aquela incómoda sensación de vaído. Non lembraba a maior parte das cousas, supoño que porque a nosa entrada anterior fora ben distinta. Non obstante, o arrecendo non mudara. Os cheiros da cidade nunca cambian na memoria e aquel olor a pólvora queimada e cascallos enferruxados quedaron na miña pel como quedou o agridoce sabor do triunfo.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Iamos na columna Dronne, na nove, cando liberamos París, o 24 de agosto de 1944 cabo de Luis Royo, Manuel Fernández e tantos outros. Eu sorría e ti chorabas. O cheiro das flores daquel verán tardío non nos deixaba ver o concello. Charles de Gaulle berrou "¡París aldraxado, París esnaquizado, París martirizado, pero París liberado! ¡Liberado por si mesmo!". E entón, ti e mais eu, vimos por fin a Casa do Concello. O martes, en París recuperei ese olor pegañento a pólvora e verán póstumo.

A Bos Aires viaxamos o martes. Ti comías unha pizza inmensa e eu deleitábame cun xeado de tona e chocolate. A avenida 9 de julio fitábanos un tanto desconcertada. O corralito cinguía o cinto dos arxentinos pero ti e mais eu eramos apátridas. Por iso comíamos. Quizais para encher o oco rosa chicle que cada día se facía máis abismal no noso estómago.

Estivemos o martes en Ortigueira e boteite de menos. Botei de menos como rías entón e como os pés se che escapaban tralo son do violín. Desta volta ti ris menos e o violín só acerta con sons melancólicos. Pero ese mesmo día viaxamos a Moeche e a fervenza de luz que fai arder o castelo asaltado polos irmandiños redimiunos. Sóubeno pola lapa de lume que incendiaba as túas meniñas. Tamén eu me sentín libre. Daquela, ateime ao teu corpo.

O martes o aire acondicionado pareceume excesivo.O malecón de La Habana envolvéranos co seu bafo de besta cansa e a súa ollada lunar e perdemos a cordura. En La Zorra y el Cuervo adoitan abusar do aire frío, ti advertírasmo, e eu esquecino namentres engulía daiquiri tras daiquiri inducida polo Hemingway que nos agardaba en Cojímar. Foi unha noite estraña e só lembro aquel pianista que nos daba as costas namentres un contrabaixo voaba bañado en suor cara ao escenario. Nin sequera escoitei cando me dixeches que sentías morriña de La Habana antes de ter marchado dela. Ou talvez non o dixeches e o pensei eu. No Capitolio, o salón dos pasos perdidos consumiunos a derradeira vontade e souben que habíamos regresar.

En Zarautz advertiches que non querías coller ondas. Foi o martes e a beiramar era un universo de tribos estrañas que se disputaban tombos e ti sentícheste fóra de lugar. Eu mergullei na auga e bailei sete danzas con sete veos encarnados en parafina. Ti mirabas dende a beira e sei que non me vías. Só mirabas onde acaba o azul. Nunca o encontramos no Cantábrico.

O martes aquela taberna minúscula da Serra da Estrela petou cos cotenos na túa mirada. Eu pedira un café e ti un chá. Setenta céntimos foi a nosa contribución a aquel trofeo que nos ollaba exhausto e provocador dende o alto da artesa. Fixécheslle un feo ao non o mirares e as estelas de xeo que perforan o glaciar cobráronche un alto prezo polo teu desdén. Na lagoa de Viriato, o tempo detívose e desprezounos para sempre.

O martes estivemos en París, Bos Aires, Ortigueira, Moeche, La Habana, Zarautz e na Serra da Estrela. Ti mirábasme e eu sorría desmedidamente porque sabía que o noso tempo se acababa aquela noite. E estaba cansa, como agora, de inventarche poesías que nunca souben que escribía. O acordeón de Pedro Pascual, o violín de Quim Farinha e o contrabaixo de Quim González devolvéronnos ao único mundo que temos por noso. Talabarte fixo da súa música un percorrido veloz de notas extraviadas e nós fuximos de Cuba a Arxentina pasando por Macedonia, Francia, Galicia, Rumanía, Portugal e Euskadi. O ritmo raptounos como ás sabinas e devolveunos á Casa das Crechas no corazón da cidade vella, esta que nos ofrece como redención un só vaso de cervexa negra. Un só grolo da misericordia de Orfeo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org