culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Agardando

As lagarteiras mudan a camisa esta tempada. Non o fan a inicios de verán como sería de prever, pero xa se sabe que isto do cambio climático afecta aos réptiles literarios tamén. Mudamos a camisa completa, deixando a pel en cachos ciscada polas silveiras desta ribeira cibernética. Mudamos para revestirnos de escamas novas, que son as mesmas porque teñen as mesmas células literarias e son diferentes porque pretenden percorrer cavorcos distintos. A mesma epiderme non vale para ser arrastrada por terreos de tan diversa rugosidade. Por iso queremos mudala. Queremos ciscar a camisa vella para ollar a realidade coa nosa mesma mirada atravesada. As lagarteiras serán distintas. Porén, serán as mesmas. E cada quince días atoparémonos no mesmo lugar logo dun percorrido vagaroso polas lindes da literatura e a realidade. Tan absurdo. Tan real. Porque é setembro. Porque regresamos.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
As lagarteiras recuncan cada setembro, ás veces anticipadas, outras adurmiñadas cara a outubro dependendo do capricho da lúa. Noutras ocasións, sorprenden en marzo, sobresaltadas pola luz do marzal e deixan o corpo revolto coa súa desaqueloutrada visita. A súa cita anual guiada por astros quere ás veces ser canción de berce nada máis e outras inquédannos abrazadas a unha reivindicación perpetua. Foxen do calendario, atadas ao seu propio ciclo vital e non sempre dan explicacións. A literatura tampouco fornece explicacións. Talvez por iso a amamos. Talvez por iso a odiamos.

Desta volta, as lagarteiras chegan extenuadas dun camiño que durante máis de dous anos nos levou por títulos e circunstancias. Eliseo contoume que nalgún lugar do mundo gardan como reliquia un frasco co último suspiro de San Xosé. En Meirás temos un óso de San Vicente, noutros lugares de culto teñen dentes, pelo, corpos incorruptos de santos e santas, milleiros de estelas da cruz de Cristo, mesmo a cabeza de San Xoán Bautista neno e a cabeza de San Xoán Bautista adulto. Pero o do suspiro non o escoitara nunca e pareceume fascinante. Cando eu miro o bote de suspiros das lagarteiras non se me ocorrería dicir que é unha parvada así que non me vou meter co pobriño de San Xosé. Abondo fixo con botar o estertor derradeiro en presenza de alguén que permanecía ao carón do seu leito co único desexo de apreixar ese aire último. As lagarteiras son aquelas que agardan un alento, un só alento, o primixenio ou o derradeiro, da literatura para poderen existir. Por iso agora, ao mudaren de camisa, apreixan murmurios novos. Non queren deterse nos títulos senón iren alenmar, alén das propias palabras e dos propios argumentos para ficaren espidiñas diante dos personaxes e mais os espazos. Algúns deses alentos enfrascados falan da Habana de Hemingway, Alejo Carpentier e Silvio Rodríguez; da Habana porticada e da que olla as auras a ceo aberto; da do Malecón e das fiestras engaioladas. Outros alentos falan de Roma, de Barcelona, da Coruña, de Berlín ou de Orán. Algúns fican atrapados nos encontros esporádicos de certos persoeiros que non quero desvelar porque talvez se esfumen antes de quedaren convertidos en negriñas. Coa literatura nunca se saben. Outros personaxes, máis tanxibles pero probablemente menos reais, tamén aparecerán neste desfile esperpéntico de olores, texturas e sentimentos para configuraren unha sorte de bestiario onde os animais representados ofrécennos as súas tripas abertas e o seu corazón mecánico para gozo dos que espreitan.

As lagarteiras mudan a camisa pero continúan tecendo os días como Penélope, sabendo que cada noite os destecerán ao irmos e virmos atrapados nun batán que maza impasiblemente. Nunca nos devolve tal e como eramos. E velaquí, se cadra, o único xogo posible coas lagarteiras. Esta viaxe que continuamos con roupa de estrea –probablemente reciclada- fiará sorpresas e experimentos literarios convosco, agardo, como testemuñas. Haberá días en que atinemos e outros en que non. Coñecémonos de vello e sobran as desculpas previas porque os textos, a fin de contas, teñen que defendérense por si mesmos. Nós, arrolados por unha curiosidade inmensa, agardamos tamén as sorpresas que nos queira ofrecer esta sección, todos e cada un dos textos que nacen nela a fío desfiado das súas propias mareas. Porque para nós cada texto é –e debe ser- unha onda tan igual e tan distinta da anterior que paga a pena observar de vagar este mar de creación que nunca nos deixa indiferentes. Mudamos a camisa para continuar ollando o mundo con esta mirada atravesada, case oblicua. Mudamos a pel neste outono tan frío e continuamos coas pálpebras descosidas ao pé da literatura. Continuamos agardando. Agardando as lagarteiras.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org