culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Sherezade na rede

Hai libros que, de non existir, habería que escribilos. Esta frase non é miña, como tantas outras, senón que lla tomei emprestada a un home –desculpade que non lembre o nome pero son así de despistada- da lonxa literaria de Moaña. El aprenderíalla a alguén e ese alguén a outro alguén porque a fin de contas iso é o que facemos todos, escribir vidas sen notas a rodapé coas referencias iniciais. Ao fío de Moaña e dun barco que atravesa a ría no medio do trebón de primavera, pero tamén das palabras emprestadas preséntovos hoxe “Por conto alleo” de Camilo Franco. Podería telo feito hai sete anos cando naceu en Vieiros ou hai xa un ano cando se publicou en papel, mais vou facelo hoxe. Porque esa luz desgarrada que bota un estertor a última hora do serán, atopoume o outro día por sorpresa no Xardín da melancolía da Granxa de San Ildefonso.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Agora que Roberto Ribao gaña o concurso de epitafios polo seu magnífico “fun, logo molestei” en Vieiros e que Anxos Sumai enlaza entregas de premios ata se converter nunha experta disertadora, volvemos aos xogos de palabras de Camilo Franco. Eses que nunca foron tales. El aceptou o reto de contar na rede hai xa sete anos –estes que parecen un universo no tempo cibernético- historias miúdas. Miúdas na extensión e intensas en contido. Cincuenta (e unha) historias para non durmir. Para non durmir o autor, que as creou nunha noite, e para o espertar dos lectores navegantes que cada mañá abriamos os ollos de www.vieiros.com con anacos de vida, ás veces turbia, outras delirante, nesa fiestra ao mundo. E nesa fiestra ao mundo aparecía por primeira vez literatura en galego da man dun creador que xoga coas palabras co atrevemento necesario. Para desritualizalas. Para darlles sentido, ese que perden en tanto discurso institucional perfecto nas formas e absurdo no fondo. Os navegantes regaláronlle as palabras coas que o escritor teceu un mapa semántico rico e provocador. Dúas palabras por noite, foi a única promesa de amor dos cibernautas. A correspondencia do amado, unha historia para non fenecer. E, como nas mil e unha noites, o creador mantívose vivo na rede a partir da forza magnética das súas historias. Sherezade reconvertida en Franco. E a oralidade reconvertida en bits.

“Por conto alleo” é a perfecta demostración de que a inspiración non é só cuestión de musas nin de ananos que besbellan á orella senón de oficio. Para escribir fai falla esa patada no cu que te empurre a inventar pero, e sobre todo, sangrar os dedos no teclado para facer dunha simple frase un acto de creación. Hai quen se agocha no halo bohemio das noites de whiskie sen soda e quen enche días de axenda en actos públicos que lle demostren o grandísimo creador ou creadora que é. Hai outras persoas que escriben e matan arañas no letargo de cotío e outras que se disfrazan para non ver as lagañas do propio corpo. Logo, hai quen escribe e crea. Porque si. Porque é unha necesidade que nace das vísceras e se entromete no quefacer diario sen pedir permiso. E non hai quen o deteña. E hai que escribir para non morrer. De desidia, de cansazo ou de saturación. Pero morrer.

Dixen que había libros que, de non existir, habería que crealos. Tamén os creadores e creadoras. E Camilo Franco é un escritor imprescindible neste pequeno ámbito retorto que temos por hemisferio cultural. Porque se atreve a desritualizar, a darlle as voltas aos conceptos, a romper frases e enlazar significados, a inventar e burlarse dos paradigmas sacros. El, a diferencia de outros, non o fai burdamente senón con esa fina ironía que molesta. A que fai sorrir pero tamén pensar. E xa sabemos que non se nos paga para pensar nesta sociedade de máquinas parlantes que reproducen perversamente sons dictados. Resulta imprescindible, cada vez máis, xogar con esta lingua que se nos escapa. Darlle vida, non sei se nos últimos estertores ou no abrente dunha nova época, pero darlle vida. Para este tempo que nace non valen os antigos suxeito-verbo-predicado. Nin os mesmos suxeitos. Nin os mesmos verbos. Nin os mesmos predicados. Fai falla crer na lingua non só como ámbito de recepción en que un mísero grupo de lectores nos reciba senón como lingua de creación, esa lingua que nace da xente, do noso redor, das historias que engulimos na rúa e se converten en literatura. Non unha lingua momificada para textos escritos.

E, como Sherezade, como Camilo Franco nesas cincuenta noites con cadanseus días, habemos crear como se nos fora a vida niso. Con toda a forza, pero tamén coa mesma revulsiva esperanza de quen rompe as palabras e os sintagmas para revivilos dun pasado anquilosado que xa non vale para defender o futuro. Escribir coa rabia e co orgullo do propio porque, efectivamente, váisenos a vida niso. Váisenos a vida da lingua, o noso ben máis prezado, esa coa que nos dicimos ¿como che vai? e contestamos pois tirando, un pouco melancólica hoxe. Cousas da vida. ¿E na lonxa literaria de Moaña? ¿como che foi? Ben, dixéronme que este libro, de non existir, habería que escribilo.

Rosa Aneiros [correo]


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org