culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Carta a S.S.

Existen historias que son como espirais que circulan en sentido contrario. Que navegan do centro aos arrabaldes e conforman unha serpe retorta de símbolos e signos. “Orixe” é unha desas novelas que non ten principio nin final. Acaso o final sexa o principio e a singradura polas palabras sexa só unha ilusión óptica de lectura. Do que cremos ter lido e, se cadra, soñamos. Porque “Orixe” lévanos ao exterior de todo, ao máis fondo da alma colectiva. Onde deixamos de ser eu para sermos nós.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Ola Séchu,

I have a dream. Tiñamos que artellar o recital da vindeira semana, xa o sei, pero non se pode atender a todo, dixera o outro. Aproveito para escribir agora que non teño vagar ningún, probablemente porque sexa o momento do día en que máis tempo teña. Cando a cabeza está tan ateigada de pensamentos que son capaz de mergullarme abaixo deles e deixar que crucen veloces por riba da propia consciencia. De cando en vez, caladiña, espreito o magnífico espectáculo de ver as cavilacións estoupar nalgunha colisión non premeditada. Como os fogos de artificio nas verbenas do verán. Coas débedas pendentes sen aínda cumprir –tanto ten, se non foran estas habían ser outras- remítoche por carta algunhas consideracións arredor de “Orixe”. Porque sei que probablemente nunca saquemos vagar para falarmos con calma da novela. Porque teremos mil outras cousas das que falar. Porque, aínda que cho diga, esqueceralo ao minuto e me preguntarás se podo ir a un recital a Ribadeo a vindeira semana, o mesmo día que quedei contigo para presentarmos “Orixe” en Fene. E non haberá maneira de falarche de “Orixe”. Aínda que nunca xamais deixemos de falar de literatura. Do que nós entendemos como literatura.

Aínda que non o creas, lembro perfectamente a primeira vez que te escoitei. Daquela ti eras moi vello, moitísimo máis vello e eu era máis nova, infinitamente máis nova. Foi nun recital na Igrexa da Universidade –non me preguntes máis porque non o acordo- e só sei que chovía. Que chovía moito. Eu gabeei como puiden para o coro e alí escoitei a poesía que rompía os muros do centro de culto para estenderse polas rúas da cidade. Entre a choiva. Como un só poema. Só te acordo a ti e máis a Manuel Outeiriño. En realidade, só lembro as vosas voces porque non cheguei a vervos e ata hai pouco Séchu Sende era unha voz que rebentaba un altar.

A noite en que te coñecín persoalmente, o día que che puxen rostro, foi moito máis cruel e tamén chovía. Vaia se chovía. Chovían mares de chapapote e no peche de Burla Negra en Laxe alguén tentaba dar corpo a unha páxina web que se nos escapaba pola magnitude dos acontecementos. Novembro de 2002 e un barco esgazaba na costa para abafarnos co seu alento pestilente. E ti escribías, falabas de Manuel Antonio, de Xurxo Souto, de Manolo Rivas, da Coca e da Maruxaina, entusiasmouche a Maruxaina .Cada palabra unha dúbida, cada palabra, un interrogante e agora pregúntome como lograches concluír unha historia de case duascentas páxinas. Se Mario Negro ten que vencer á dor da vertixe que lle abanea o mundo todo, ti tiveches que vencer o peso da dúbida por cada historia. Por cada parágrafo. E esa é unha vitoria en que só os que coñecemos as tribulacións da escrita podemos aprezar. Logo daquel encontro en Laxe viñeron outros en que as armas de construción masiva das palabras nos converteron en heroes dun tempo imperfecto. Daquel tempo en que soubemos soñar e, sobre todo, compartilo.

De todos eses momentos, quedo coa cadea humana dos rapaces na costa organizada por Area negra. Ese ADN que nos ha transformar a todos e polo que “Orixe” sabe ser cerne e sabe ser futuro. Débesme mil e unha cañas polas veces en que, ante mil e unha cañas, me rosmaches pola novela que non conseguías acabar e que non che acababa de gustar. E mil e unha serán poucas polo resultado final. Ti xa o sabes.

Das ducias de cousas que podería dicir sobre o libro e non vou dicir quedo só con unha idea. En cada páxina do libro fun descubrindo moitas das pegadas vitais que motivaron esa literatura. Fun encontrando as túas palabras nas manifestacións, os discursos no local da Burla, os espectáculos que nos sorprenderon, as persoas que brillaron, as que se escureceron e aquelas imaxes que se nos quedaron gravadas na retina neste ano e medio de desvelos e concentracións nas cidades. Os días en que devolvemos a cultura aos seus lexítimos propietarios. Atopei as noites de grafitti, as aberturas de comportas, o mel esparexido polo lastrado e os traxes brancos de apicultores cos que sementamos as prazas e os areais. Atopei o nacemento da muller que cambiaba as cousas de sitio nun palco da festa en Piloño e como medraba nunha partida de brisca e como arredaba os mexilóns e como abrazaba as sardiñas asadas de xuño. Atopeite a ti e atopeinos a todos. Porque “Orixe” é unha memoria colectiva dun soño que tivemos e do que non nos queremos desprender. E o final da novela non pode ser máis optimista, agasallouche o resumo Martín Luther King: I am happy to join with you today in what will go down in history as the greatest demonstration for freedom in the history of our nation.

Non fomos os primeiros que soñamos. Nin seremos os últimos.

E sempre nos quedará o futuro.

Polo de pronto, a vindeira semana poñeremos os traxes de apicultores en Pontevedra.


Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org