culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Cuba

Hoxe non vou falar de ningún libro porque non me apetece. E diredes, para iso estás aí, non para outra cousa e supoño que debería ter o pudor de non escribir hoxe. Non obstante, vou falar de literatura e, probablemente de mellor literatura que outras veces. Porque non toda a literatura cabe nos libros. Non habería árbores no mundo para tanta creatividade. Para tanto soño. E a min acábaseme de pechar un dos libros máis bonitos que lin nunca. Que probablemente lea nunca.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Desculparédesme hoxe a entrada brusca no ámbito persoal. E diredes, como se nunca escribises con referencias propias e te deixases engaiolar pola pura subxectividade. Non é certo. Pero hoxe quero falar do estritamente privado. Porque llelo debo.

Sempre vos fun ben espelida. Non é que o diga eu, senón que as referencias que me chegaron de min mesma son as dunha nena revella e sen refixeiro, máis cómoda nas patadas aos balóns ca nos zapatos de charón. Non obstante, sempre houbo algo de min que lidou máis na cabeza ca no corpo e supoño que por iso, e por consello da miña nai, acabei envolta en palabras. Palabras grandes, pequenas, teimudas, valentes, trapalleiras, arroutadas e mesmo algunha delgadiña como o vento. Palabras. Nunca desbotei ningunha porque nunca sabes cando a vas necesitar. Cando van ser imprescindibles para a túa vida.

Os eternos veráns de Taraza, cando a luz nos permitía estar ata as dez da noite fóra da casa, dividíanse claramente en dous tempos. O tempo da tarde, de tres a nove da noite, estaba destinado á praia. Non había máis e nunca xamais nos aburrimos. Talvez por iso garde ese tempo de area e auga como algo tan precioso e talvez por iso nunca me cheguen as horas miudiñas en Aguieira para collerlle o pulso ao estío. Porque seis horas na praia non chegan a nada. Ou, polo menos a min, non me chegan a nada. Nin para empezar. O outro tempo, o da mañá é do que vou falar hoxe. A mañá era longa e suave entre carreiras na bicicleta ata a tenda, facer as camas na casa do meu padriño e ler, primeiro a Enid Blyton e despois a Agatha Christie, debaixo da manta militar onda a guindeira vella. A guindeira vella, que xa a tiramos para facer dous regos máis longos e evitar a seca da árbore, estaba ao abeiro do columbio e da figueira da casa. Todas as casas teñen unha árbore de seu á que a familia rende preitesía e pola que garda un fervor profundo. A nosa é unha figueira, vella como a noite dos tempos da que todos esvaramos algunha vez e que nos deixou cicatrices tan fondas como saudosas. Din que as figueiras son falsas pero tamén as persoas o son e non deixamos de as querer por medo a que nos rompa unha póla debaixo dos pés e esfolemos o lombo enriba da uralita do pío. Abaixo da figueira, todas as mañás e todas as tardes, dende primavera a outono, escarranchaba o meu padriño para ver pasar os días.

-Rosita, ¿que queres ser cando sexas grande?

-Pensionista, como o meu padriño.

De pensionista a periodista hai a penas unhas letras de diferencia e eu sigo conservando esa maneira de ver a vida do xubilado que conta historias para vivilas de novo. O meu padriño, xa volo contei unha chea de veces, estivo emigrado en Cuba durante varias décadas. Marchou no ano vinte e regresou definitivamente no cincuenta pero sempre lle quedou aquela escravitude polo traballo dos emigrados e aquela maneira de ollar. Aquela maneira de contar. Outro día contareivos que Nancy me trouxo este inverno noticias súas dende A Habana, pero esa é outra historia. O caso é que o meu padriño relataba con todo gusto polo detalle a súa vida na illa. Ás veces era eu soa a que escoitaba e preguntaba pola pesa de café, polo ultramarinos do tío Emilio ou polos trasatlánticos que enxergaba dende o Malecón. Outras veces, víñase o tío Edelmiro tamén e a ambos os dous brillábannos as meniñas ao sentir o arrecendo do café acabado de tostar dende as palabras do meu padriño. O tío Edelmiro é do tempo do meu avó pero el, no canto de emigrar, tivo que ir para África e logo para a fronte de Asturias. Namentres un vía o despegue económico dos anos trinta na illa caribeña, o outro sufría unha guerra civil que, como para a grande parte do país, non ía consigo. Supoño que por iso, porque nin o tío Edelmiro nin eu miraramos máis mundo ca o de Taraza, nos gustaban tanto as historias da Habana. Cuba foi, para nós os dous, o máis parecido ao paraíso.

O curioso trío de dous homes vellos sentados en cadansúa cadeira e unha nena arrolada polo campeiro abaixo da figueira esgazou coa morte do meu padriño. Eu saín estudar fóra e o tío Edelmiro continuou a se sentar na eira para ver pasar o tempo. Cos anos e cos golpes do desgaste progresivo, el acabou perdendo a cabeza. A demencia senil comeulle o sentido todo. Ás veces, mantiñamos conversas de loucos, cada un falando do noso sen saber en que mundo se movía o outro. El falaba dos fideos, esas cordas que se lle ataban no estómago, dos cestos de vimbio que lle faltaban por facer e da présa por ir buscar súa nai ao muíño. Non obstante, chegou un día en que os dous coincidimos no mesmo punto inhóspito da tolemia. Nun recuncho insospeitado. El deu en falar de Cuba, de cando el estivera aló, da pesa de café, do ultramarinos do tío Emilio ou dos trasatlánticos que enxergaba dende o Malecón. Ninguén o convenceu nunca de que aquela non era a súa memoria senón a emprestada polo meu padriño. Que el nunca estivera en Cuba, que só vira a guerra de África e logo a guerra civil e que todo o que relataba procedía dos contos que el lle escoitara ao seu veciño. El abaneaba a cabeza con sorna, ríase polo baixo da pretendida cordura das fillas, e seguía a detallar o arrecendo do café acabado de tostar.

Por iso, cando todos dicían meu pobre, como perdeu a cabeza eu sempre calei a boca. Porque sabía que dicía a verdade. Que el, coma min, estivo efectivamente na Habana, que el sentiu o cheiro do café, a morriña dos barcos que parten do Malecón e que el aforrou canto puido para volver.

O tío Edelmiro morreu a semana pasada e con el marchou a miña última literatura. O derradeiro libro daqueles veráns interminables na sombra da figueira de Taraza.

E eu fico agardando. Agardo a que me digades miña pobre, como perdeu a cabeza, cando o tempo me faga feble e vos conte que eu estiven na Habana, que sentín o cheiro do café, a morriña dos barcos que parten do Malecón e que aforrei canto puiden para volver.

Hai disto cincuenta anos.

Na súa memoria

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org