culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Con rancor

Sen sangue pero con tanta violencia. Regresa Alessandro Baricco logo das viaxes por “Terras de cristal”, “City”, “Océano mar”, “Novecento” ou “Seda” cara ao interior do ser humano. Regresa sen nada, coas mans baleiras e as palabras sentenciadas con dozura para que non doan. E, no fondo, feren tanto. “Sen sangue” quere ser unha reflexión sobre a capacidade de destrucción do odio e sobre a relación verdugo-vítima. Quere espertar contradiccións. Haberá para quen o consiga. Eu boto de menos moitas palabras. E moitos silencios.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Alessandro Baricco optou por non dar nomes, nin a máis mínima pista sobre a localización física da súa historia. Empregou nomenclaturas latinas para os seus protagonistas e mesmo para algún topónimo simplemente por unha cuestión de “musicalidade”, segundo as súas propias palabras, e xa sabemos que para Baricco onde hai música, hai literatura. Non obstante, o empeño de configurar unha historia xenérica, válida para todo tipo de horror non logra atravesar, ao meu modesto ver, o frío cristal da indiferencia. Pensa Baricco que falándonos dun lugar común, de nomes comúns, de fríos comúns será máis doado entender a dor común. Non o creo. Como se do detalle, do próximo, do concreto non puidésemos extrapolar sentimentos comúns a distintos puntos do planeta. A distintas persoas de diferentes etnias e condicións. As correntes eléctricas que deambulan a ritmo insospeitado polo meu cerebro acaban de traerme a Jon Sistiaga. O correspondente de Telecinco na guerra de Iraq ou de Bosnia –entre outros moitos conflitos que cubriu na última década- vén de presentar ’Ninguna guerra se parece a otra’ (Plaza & Janés) na que asegura non trabar a lingua e render unha modesta homenaxe a José Couso, asesinado durante a cobertura da guerra por un obús norteamericano. O título de Sistiaga dío todo e non creo que se refira unicamente ao traballo informativo en diferentes frontes senón á propia situación dos distintos focos en conflito. Non é igual unha guerra civil na vella Europa como foi o aínda latente conflito dos Balcáns que unha loita entre hutus e tutsis en Ruanda ou Burundi. Non é igual unha batalla da guerrilla na selva colombiana que as tropas occidentais invadindo Iraq ou un disparo da mafia en Nápoles. Non é igual e, no fondo, os sentimentos son tan parecidos.

Creo que por iso non me acaba de convencer o libro de Baricco, porque no seu desexo de asepsia borrou as pegadas que humanizan a violencia. E iso logra distanciarnos das feridas ata o punto da máis pura indiferencia. Somos conscientes do exercicio literario e iso afástanos da literatura. Racha coa única maxia posible. Acugúlanse na mente as imaxes dos informativos coa súa crueldade e baixeza e nós buscamos algo máis, esa ollada do rancor, do odio que atravesa como unha lanza o peito, esa que non aparece. Non dá aparecido.

A primeira parte de “Sen sangue” é a descrición dunha vinganza, unha masacre turbia realizada co máis frío dos sangues posibles: o rancor. A segunda parte lévanos a un episodio acontecido cincuenta anos despois da matanza onde os protagonistas se enfrontan ao vivido. O final, que non vos vou contar, resulta, efectivamente, sorprendente pero ao meu parecer desaborido e non chega, nin con moito, á altura sensitiva doutros textos de Baricco. Ao mellor é que o lin nun lugar equivocado ou nun momento equivocado. Perdoádeme, a min tamén, a asepsia pero eu soñei encontrar un retrato psicolóxico do que exerce a violencia e do que a sofre. Agardaba unha explicación ás flores nunha vía de tren en Madrid, aos membros amputados en Serra Leona, ás foxas comúns de Bosnia, aos paseados da nosa guerra civil, ao sangue no lastrado siciliano, ao gas letal en Rusia, a un muro en Gaza e Cisxordania. Agardaba comprender e sigo sen entender nada. O horror dos informativos xa o vexo todos os días. Eu quería que Baricco me falase do horror dende dentro e sei que o intentou, madia leva, pero en min non o logrou. Talvez foi esa imaxe da nena acribillada en Nápoles. Talvez a foto do corpo abrasado dun americano zarandeado por iraquíes. Talvez o medo, iso foi o que non me deixou entender.

Que o día internacional da literatura infantil nos permita seguir soñando. Como se nunca existise unha maldita guerra. Como se nunca houbese bos e malos. Só persoas.

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org