culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

& Cabo Verde

São Vicente, São Antao, Santa Luzia, São Nicolau, Bravo, Fogo, Sal, São Filipe, Boa Vista, Malo e São Tiago son once illas depositadas como bágoas secas de Deus na ribeira do Atlántico norte africano. Corsino António Fortes naceu en Mindelo, illa de São Vicente, nese Cabo Verde exhausto dun pasado magoado pola suor de escravos e a falta de chuvia. Este autor escribe nos seus poemas cánticos que imploran a auga chegada do ceo que salve a economía pero tamén a cultura que redima ao pobo. “A cabeça calva de Deus” recolle toda a súa poética nun volume de lombos tan amarelos como a seca que maldice periodicamente o seu país.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Corsino é un home alto e esvelto de aspecto severo e acenos elegantes. A súa presenza, que transmite a seriedade de quen pon toda a vida nunha balanza, impón onde queira que apareza. A pegada de quen pasou da militancia activa na P.A.I.G.C. (Partido Africanista para a Independencia de Guinea e Cabo Verde) á diplomacia internacional deixa un sabor a alta cultura nas estanzas. O auditorio cala para sentir a voz tépeda e firme dun ilhote que atravesou o mar para cantar a súa terra e devolverlles a voz durante tanto tempo silenciada. Non obstante, Corsino medra nas distancias curtas. As súas historias sangrantes dos milicianos en Angola, de machadas e selva mesta, provocan mesmo a náusea. Claro que el, quen viu tanto sangue e tanta miseria nas loitas pola independencia africana, é vexetariano, talvez para non lembrar o cheiro da carne morta. E Corsino fala e fala con gargalladas estridentes da cultura africana pola que el devece e que se dedicou a enxalzar neste que chamamos primeiro mundo. “A cabeça calva de Deus”, editado en 2004 por Dom Quixote, é un volume que recompila a súa obra poética reunida en tres títulos, Pão&fonema, Árbore&Tambor e Pedras de sol&Substância.

Os 4.030 quilómetros cadrados que ocupan as illas caboverdianas sobre o océano Atlántico teñen exclusivamente 20 quilómetros cadrados de regadío. É por isto que o valor da choiva que nutre os cultivos e da palabra que libera aos homes son dous núcleos significativos na obra de Corsino Fortes. Dous universos semánticos que sofren unha evolución nos seus poemarios: do pão á árbore e do fonema ao tambor. Corsino xoga nos seus versos cos espacios e os símbolos, nunha ruptura narrativa dos conceptos, coa vangarda como bandeira. Gusta especialmente de + e de &, deixando así de manifesto o seu desexo de conxunción e nunca de división ou xustaposición. A súa poesía é para devorar sen descanso, deixándose embebedar pola maxia animista das culturas africanas, polo son dos tambores e os cánticos colectivos pero tamén pola forza do mar que os nutre (os servizos e a pesca son os únicos valores económicos representativos que explota Cabo Verde) e da terra seca e quente que os abraza.

A choiva é unha beizón que lles devolve a ilusión do futuro. “Hoje chovía a chuva que não chove” reza o canto segundo que prosegue:

Amor! Que chova
sal no salario de sábado
E mi fa sol
Da linfa dos músculos
Que hoje! O pobo
Chove no poboado a súa chuva de séculos
E a goela das ribeiras
incha-se de aplausos

Que a chuva
é
podium
na maratona das nossas artérias

Canta Corsino Fortes ao peixe e aos pescadores, á marea e á península, á sardiña e a treboada.

O remo é relâmpago no rosto da noite
Que queima
no espelho das vagas
Rugas de carvão aceso

Canta Corsino Fortes á illa, cárcere de sol e auga salgada, horizonte onde non pestanexa o continente, reducto e gaiola para un pobo liberado do imperio colonial.

E diz a ilha a cada letra do alfabeto que chove
Do olho da arte nasce o oasis do artesão

Pero, sobre todas as cousas, Corsino Fortes canta ao pobo caboverdiano, ás mulleres e homes que pelexan pola súa supervivencia económica e cultural nun espacio perdido no abismo de salitre salgado, unha artesa na que en salmoira sobreviven alentos e pensamentos.

Quando as mulheres arrastam o arquipélago para dentro da ilha
E levam a ilha para dentro do tempo
Adicionam espaço & arte
engenho& obra
E ficam cada vez mais ópera
no coração de cada hora

Corsino Fortes, un auténtico pracer literario para encontrarnos no Atlántico dende a ribeira de Cabo Verde. A súa botella ao mar devólvenos imaxes novas e outras tan semellantes que reconcilian ao home consigo mesmo lonxe de razas, culturas e barreiras económicas norte-sur, este-oeste. Algo tan necesario nestes días de voráxine profundamente homófoba.

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org