culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Silencio, resistimos

A ausencia de ruído adoita facilitar a comunicación. Só ás veces. De cando en vez é preferible o ruído para afogar o silencio, esa nada abismal na que mergullamos cando nos rompen a posibilidade de nos expresar. Cando escachan nun espello de azougue o noso desexo de ser. Na semana da muller traballadora (tan só unha máis para as que somos escépticas coas efemérides), a campaña electoral, o brutal e execrable atentado terrorista en Madrid e a morte da poeta Luísa Villalta veñen cubrir cun manto de desesperanza aos que cremos na vida por riba de todas as cousas. Como cría Luísa Villalta, baluarte do optimismo, das ganas de loitar e do desexo de crear.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
En "Ruído" (1995) Luísa Villalta manifestou unha das súas moitas inquedanzas vitais repensando os problemas de comunicación e tentando abrir a poesía en canal para construír un diálogo nítido entre o autor e o lector. O que é ruído non é música. Non ten nada que ver. O un destrúe a outra. E Luísa amaba a música dun xeito tan paixonal como intelectual, un amor procedente da mutua comprensión de quen sabe escoitar o latexo durmido dunha corda. Se algo era Luísa era comunicación. O seu rostro sempre amable, sempre cun sorriso que lle bailaba nos ollos, sempre cunha palabra de optimismo no cerne dos beizos, falaba por si só. Non necesitaba valerse das notas ou das letras para transmitir e por iso a súa ausencia deixa unha pegada tan fonda nas persoas que tivemos a fortuna de a coñecer.

Pero a morte sentenciou e dixo que lle era hora de marchar. Que non había tempo a ver publicado "En concreto", a súa declaración de amor madura á cidade alta, esa que lle valeu o último premio Espiral Maior e que se abraza en cada verso á Coruña cunha aperta de animal abafado. Que non había tempo a facer o camiño de Santiago con outros vinte creadores coa ong Acción contra a Fame a vindeira semana. Que non había tempo a pedir auga potable para todo o mundo nin de falar durante os tramos máis ásperos do roteiro con esa énfase súa que facía tan agradables as conversas. Que non había tempo a crear coa poeta e amiga Eva Veiga a constelación significativa desa marabillosa palabra creada ociar, lonxe da fría neg-ociar. Que non había tempo a ver finalizado o traballo "Papagaio", un poemario inédito que acompaña admirablemente as fotografías do barrio de prostitutas homónimo da Coruña realizadas pola tamén amiga Maribel Longueira. Que non había tempo a recitar eses poemas que se cravan como espadas coa denuncia da situación da muller oprimida, ese canto á liberdade feminina sintetizado na roupa colgada dos tendais da cidade. Que non había tempo a botarse á rúa o día da muller traballadora, nin de recitar na Fundación Torrente Ballester co proxecto “Alfombra voadora” e que teriamos que ser as demais quen puxesemos voz ao seu silencio. Que non había tempo. Que había presa por marchar. E nunca entenderemos por que a morte tivo tanto apuro por levala tan axiña cando restaban tantas cousas por dicirlle. Cando lle quedaban tantas cousas por contarnos.

Prolífica creación

Luísa Villalta foi unha prolífica creadora que nos forneceu títulos como "Música Reservada" (1991), "Ruído" (1995), "Rota ao interior do ollo" (1995), "Silencio, ensaiamos" (1992), "Teoría de xogos" (1997), "As chaves do tempo" (2001), "Concerto para un home só" (1989), "O representante" (1990), "O paseo das Esfinxes" (1991) e "As certezas de Ofelia" (1999), "O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral" (1992) ou "O outro lado da música, a poesía" (1999). Ela deixounos dito da súa poética en “Sobre un certo estado de conciencia”:

“En min este estado de conciencia fai ferver, por veces durante moito tempo, un magma informe que busca unha forma e, cando por fin a adopta, resulta unha forma que se podería ouvir: unha melodía, melodías contraponteadas, harmonías e disonancias (e non esquezamos que "ouvir" tamén está comprendido nos verbos "entender" e "sentir"). Destas melodías constrúo a miña "palabra melódica" que, penso, é toda poesía e, portanto, tamén a que eu fago. O estado de conciencia a que me refiro parte en min da interpretación musical. Non abonda con ler unha partitura, como non abonda desenvolver as pautas elementais para viver. A melodía que soa no violino xorde dun acto continuo da vontade (elexer uns movimentos, depurar a intención e os seus resultados). Exercicio da vontade que se obedece a si mesma para producir unha forma coherente e significativa. Desta mesma vontade nace a palabra, como van nacendo estas mesmas palabras, agora, que ben sei nunca abondarán como explicación daquilo (facer poesía?) que non se vai deixar explicar. Por suposto, nalgures permanecen os temas. Pero os temas son o máis impersoal do traballo poético. Os temas son moi poucos. A vida e a morte. Talvez só a vida (ou só a morte)”.

Non obstante, a voz propia e inconfundible de Luísa Villalta transcenderá. Quedarán as súas pegadas na rúa como canto ao civismo, os seus versos que devoran a cidade, o seu puño en alto pola liberación da patria e as notas do seu violino rompendo o silencio da morte. Quedará o seu ser:

“Os temas non son meus, son o mundo mesmo. E, á vez, o mundo mesmo son eu. O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega”.

Namentres, nós, resistímonos a perder o seu legado vital. Como nos resistimos a aceptar a brutalidade dun atentado terrorista que sacrifica a vida de centos de persoas en defensa dunha suposta ideoloxía política.

Como afirmamos a vida por riba de todas as cousas e transmitimos a nosa solidariedade con todas as vítimas.

Ficha de Luísa Villalta na Biblioteca Virtual Galega
Se queres participar nunha homenaxe a Luísa Villalta.
http://incomunidade.com.sapo.pt

Rosa Aneiros [correo]


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org