culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Dous novos abismos

A colección Abismos de Edicións Xerais de Galicia, editorial que neste ano celebra o seu XXV aniversario, vén de presentarnos un novo rostro, unha nova porta cara ao abismo da lectura. O redeseño da colección é contundente, cunha plasticidade que chama a ser engulida non só co sentido da vista senón tamén co sentido do tacto. Os novos títulos continúan coa liña marcada pola colección de publicación de creadores inéditos, ou practicamente inéditos, que traían aires de frescura ás nosas letras. Begoña Paz e Mario Regueira súmanse, con pé firme e decidido á literatura de noso por medio de relatos que van dos altos cumios aos máis profundos foxos do ser humano. Tan crueis como a vida mesma.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Coñeciamos a Begoña Paz polo seu relato publicado no libro Narradoras (Xerais, 2000). Esta nova entrega “A Ferida” consolida unha voz contundente que non presenta regañas para a dúbida. Relatos breves que camiñan polo difícil gume da sexualidade con trampas. As relacións sexuais e, tamén as relacións de xénero, constitúen un dos conflictos clave polos que deambulan estas incursións literarias cara ao fondo da incomodidade. A indiferencia resulta aquí algo imposible. Non obstante, o lector non pode evitar desexala para que non doa tanto. Para que non sexa tan cruel. Mirar para o outro lado convértese aquí nun exercicio defensivo de resultado sempre negativo. Begoña Paz atrae ás nosas pantasmas máis ocultas coa forza do imán das palabras que falan directamente, sen reviravoltas, das nosas máis íntimas miserias. A mentira, a claridade e, sobre todo, a desesperación absoluta por un destino cortado fan destes textos portas que conducen a onde nunca quereriamos ir. Coma no relato “Cara a ningures” cando, tras un encontro incómodo cunha paciente, conclúe a protagonista “alegreime de non levar o seu camiño”. Tamén nós, como receptores, nos alegramos de non levar o camiño de algúns personaxes.

Unha mentira: o namoro. Un abismo: o desexo. Unha incógnita: a felicidade. Estas respostas achegadas pola autora definen á perfección o volume “A Ferida”. Os nosos pavores máis íntimos a partir da verdade como coitelo que nos sangra o peteiro.

Se Begoña Paz parte da verdade máis cruel e visible, Mario Regueira condúcenos a un mundo máis misterioso, máis onírico, máis neboento. Utiliza, curiosamente, para isto as mesmas armas comunicativas que Begoña Paz. O uso reiterado das primeiras formas verbais que oscilan do singular ao plural para introducirnos de cheo no cerne da historia sería unha delas. A ruptura coa linguaxe sería outra, aínda que dun modo menos directo que no caso de “A ferida”. Os relatos de “Rebelión no inverno” xogan coa conciencia do lector e gozan truncando os finais aos que, coidadosamente, o autor nos conduciu burlando a nosa intelixencia lectora. A incomprensión resulta unha constante e, á vez, os personaxes aférranse a unha radical protesta do mundo que rodea a creador e creados. Dende as máis mudas palabras.

“¿Quen me pode discutir algo coma isto se todo é sombra?”, enuncia un personaxe e converte isto nunha sentencia que envolve o libro de comezo a fin. A rebelión preséntase así como única fuxida posible da ignorancia en que se sume o ser humano.

A contundencia do relato ten nestes novos creadores dous alicerces aos que agarrarse con forza. Sen ambaxes, con dous estilos literarios radicalmente distintos, Begoña Paz e Mario Regueira ofrecen aos lectores a posibilidade de recrear o mundo con novas palabras, unhas máis duras, outras máis evasivas, pero sempre coa realidade como punto de apoio. Sen el serían imposibles as feridas. Sen el serían imposibles as rebelións.


Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org