culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Esa vaca sagrada

Falar de Amélie Nothomb en Francia é xa referirse a unha das vacas sagradas da súa literatura. Con máis de cinco millóns de libros vendidos nunha traxectoria literaria que arrinca en 1992 e navega a unha velocidade de cruceiro de título por ano, esta autora nada en 1967 no Xapón conta co privilexio de ter como amantes a dous sectores non sempre conciliados: a crítica e os lectores. A editorial Galaxia acaba de publicar “Un nome de diccionario”, unha traducción feita por Dolores Vilavedra do título “Robert des noms propres”, a súa obra do ano 2002. A cruel e apaixonada vida de Plectrude, unha nena que pasa do anonimato a se converter no centro dun rodopío de consumada rebeldía, toma corpo nunha novela que se crava na pel cunha violencia inusitada. Como as poutas de xeo nas xemas dos dedos.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Amélie Nothomb, quen adoita vestir de negro e garda no seu rostro o misterio da cultura nipona e a disciplina da vida diplomática da súa infancia, é un personaxe das novelas da escritora nipona de orixe belga Amélie Nothomb. Non é un guiño nin tampouco unha espectadora muda que contempla extasiada o desenvolver dos acontecementos. Non. Amélie Nothomb entra sorpresivamente e ousa comentar e mesmo interrogar ós restantes personaxes sobre o seu futuro e as súas expectativas fóra das páxinas da novela de Amélie Nothomb. O xogo hidráulico do ser-autor é, no seu caso, especialmente estimulante porque afonda, con aparente inocencia, no abismo do ser-crear. Os dous planos da realidade fúndense nunha aperta irónica e, á vez, cruel. Aparece Amélie Nothomb nas últimas páxinas da novela “Un nome de diccionario” da que é autora Amélie Nothomb. Non é un caso único. En moitas (practicamente todas) as obras desta autora de orixe belga e pasado xaponés o pouso biográfico resulta determinante. Se todas as vidas son unha novela, a de Nothomb é unha novela anual que se repite en diferentes personaxes e episodios vitais coa maxia dunha pluma servera, mordaz, sarcástica e rebelde que se para no sabor das cousas pequenas. Por exemplo, a neve en “Le Savotage Amoureux”. Por exemplo o calcio en “Un nome de diccionario”. Por exemplo, a chamada dun cantil en “Métaphysique des tubes”.

Creo que unha das virtudes de Amélie Nothomb, como a protagonista homónima da afamada película francesa de Jean-Pierre Jeunet (Le Fabuleux destin d’Amélie Poulain), reside na súa honestidade. A veracidade do que lemos resulta mesmo dolorosa ó sermos perfectamente conscientes da voluptuosidade fantástica das súas historias. Unha fantasía que se cingue ós detalles irrisorios dunha vida en continuo punto de ebulición. A obsesión de Plectrude con ser bailarina da Ópera de París súmase compulsivamente á obsesión da súa nai adoptiva porque Plectrude sexa bailarina da Ópera de París. A anorexia crúzase nos seus camiños para afastalas inevitablemente, a elas, dúas mulleres consumidas polo desexo de fuxida e, á vez, recoñecemento, da sociedade. E así, como por arte de maxia, a novela.

Amélie Nothomb, quen non é especialmente amante das entrevistas periodísticas pero tivo que claudicar coa propia e glamurosa Elle, asegura que a súa escrita é froito dun esforzo noctámbulo de catro horas diarias de dedicación. Asegura que é a única disciplina que acepta na súa vida. Este traballo permítelle concluír tres ou catro obras ó ano, das que escolle só unha para a súa publicación. Isto non deixa de sorprender e crea, cando menos, certas dúbidas razoables. De ser verdade só empírica (e non verdade literaria) creo que unha das historias máis fascinantes que podería escribir Amélie Nothomb estaría basada na intrahistoria de todos eses escritos que nunca ven a luz. Os escritos da afamada autora nipona de orixe belga Amélie Nothomb.

Rosa Aneiros [correo]

Referencia bibliográfica:

Nothomb, Amélie: Un nome de diccionario, Vigo: Galaxia, 2002 (traducción de Dolores Vilavedra)

http://membres.lycos.fr/fenrir/nothomb.htm

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org