culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Carta para ti

Hoxe viñéchesme á memoria. Loce o sol en Santiago pero estou segura que ha chover. Aquí xa sabes que non hai seca fría de novembro, que nin sequera a choiva respecta ó San Martiño que nos cura a matanza. Lembreite hoxe, un ano despois, cunha querencia estraña e unha saudade extrema. Acordei daquela intemperie e acordeime de ti.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Santiago, 13 de novembro de 2003

Hai hoxe un ano. Exactamente un ano. Ti e máis eu ollabamos pola fiestra deste pazo de Raxoi, abraiadas pola treboada de auga que varría o Obradoiro. “Parecen as ondas do mar”, díxenche. Ti asentiches. Ambas as dúas sabiamos que tras as vagas de océano que anegaban o granito de terra dentro agochaba a ameaza. O que descoñeciamos entón era a magnitude da traxedia, esa que a penas intuíamos. Agora sabemos que era o propio Atlántico quen buscaba acubillo en Compostela, lonxe do asasino que arrolaba no seu berce. Días máis tarde e coas doas do rosario do desacougo arredor do pescozo refuxiámonos, nós tamén, terra dentro. Mondoñedo abrazounos na escuridade da invernía e tentou taparnos as feridas da dor. Pero chegaron as imaxes de televisión a aquela taberna do barrio dos muíños. E o fuel cuspiunos na cara. Ti non falaches, eu tampouco. Outra vez, pensaches, e eu corroborei coa miña ollada de mar abatido a tiros. Os días sucedéronse entre mentiras, cintas de vídeo, berros e silencios. Houbo tantos silencios. O silencio dos medios, o silencio da administración pero, sobre todo, o silencio dos rostros que se sucedían na rúa sen máis consolo ca un paraugas. Tentando protexernos da intemperie. Da auga do ceo e do veleno do océano. Protexernos. Ti non querías achegarte ó mar. “Proe”, dixeches, pero a distancia laiaba máis que a propia percepción sensitiva da catástrofe.

Lémbrote en Camelle, Man aínda non morrera, ó carón daquel museo de fuel convertido en plataforma petroleira. Cheiraba dende tantos quilómetros a distancia como abranguía a nosa ollada. Ti quixeches ver como as pedras quedaban suspendidas naquel manto viscoso; como ulía a dor; como sabía aquel mortal envite. Nos rostros da xente, o silencio.

Lémbrote na manifestación do 1 de decembro, enchoupada en auga salgada, esa que baixou dos ceos para compensar tantas bágoas. Os paraugas, as bandeiras, as consignas, os plásticos negros, os berros, as pancartas, a xente. Aí tomaches conciencia, quizais por primeira vez, da noción de pobo. Sentiches o orgullo do ser, da esperanza. Tanta xente, tantos gritos en Compostela e, no fondo, tanto silencio.

Lémbrote no Cabo Vilán, rodeada dos dous exércitos, o dos militares de caqui e o dos de mono branco. Chovía a chuzos, ti baixaches a ollada e comezaches a arrincar aquela peste. As ondas chegaban ás herbas pero non te amedrentou aquel mar salvaxe que berraba como nunca. “Está cabreado”, dixeches, “eu tamén o estaría”. Pediches a outro voluntario que che limpase os mocos e soubeches o que era a intemperie. Aquela intemperie que nos trouxo Xela Arias, tatuada no Cabo Vilán coa marea negra como única testemuña. As aspas de muíño tocaban a morto. Finara Man, era o loito consumado polo noso mar. Namentres, o silencio.


Lémbrote en Ardeleiro, no Rostro, en Mar de Fóra, en Nemiña, na Frouxeira, en Oia, en Reira, en Traba, en Barrañán, en Louro, en Muxía. Sentada nos coídos ou de xeonllos na praia apañabas o fuel coas mans en completo silencio. Houbo días en que enchías capachos en pouco máis dun cuarto de hora cando as mans enzoufadas se confundían nos colectores. Outros días, pola contra, percorrías os areais de xeonllos collendo minúsculas partículas que se confundían no xabre. Así, anicada, en procesión cristiá cara ó mar coas luvas como única ofrenda. Nunca protestaches, só xurabas polo baixo contra os responsables de todo aquilo. Non dixeches nada das molestias do traxe anticontaminación, nin das gafas que se empanaban, nin da máscara que caía, nin do traxe de augas que esgazaba, nin das botas varios números máis grandes cos teus pés. Nunca. Só dixeches Nunca máis para tapar o silencio que te engulía.


Lémbrote na manifestación das maletas na Coruña, no día dos Santos Inocentes no Orzán, na marea gaiteira de Compostela, na escuridade das luces apagadas daquel sábado de decembro, nos concertos expansivos, na gran cadea humana que uniu o litoral coa mocidade de Area Negra, nas concentracións de potas na rúa, na gran marea humana de Madrid do 23-F cando o mar chegou á Porta do sol cun único aturuxo en galego. Dixéchesme que che doían as pernas por aquela viaxe de nove horas en autobús. Dixeches que tiñas calor ou frío durante as lecturas de manifestos. Pero non te moviches. Nunca paraches de berrar Nunca Máis. Ocupaches horas e horas en escribir textos, en pintar cadros, en facer performances, en discutir en cafeterías perante a televisión, en compoñer cancións, en debuxar cómics, en elaborar guións. Poucas veces houbo pensamento fóra da marea negra. Sabíalo e asumíchelo. Non che quedou outra.

Pero lémbrote, sobre todo, cando o mar chegou ás portas da túa casa, alí, ó carón da ribeira da alma. Quixeches chorar pero xa non era tempo. Non era o Casón, nin o Polycomander, nin o Exeo. Era a túa propia casa chea de fuel.

Non choraches porque a dor eliminou a posibilidade de sentirte.

Aturaches insultos, intemperie, silencio, barbaridades, mentiras, frío, choiva, o cheiro penetrante do fuel que te perseguía ata a cama, berros, soidade, desidia, impotencia e xenreira. Aturaches coa única fe de sobrevivir a todo aquilo, coa esperanza de vivir un pesadelo longo e mesto e algún día espertar co mar batuxando no corpo espido a súa cantiga imposible. Tan núa como só te ofreces ó mar. Aturaches e aquí estás, viva e orgullosa como só pode estar quen afrontou a catástrofe con todos os medios, coa dignidade como bandeira e co corazón como única arma. Con toda esa violencia arrasándoche as praias da alma. E aquí estás, viva. Aquí estás ti Mónica, ti Anxos, ti Edith, ti Xulio, ti Miguel, ti Rosa, ti Jose, ti Xabi, ti Chus, ti Carlos, ti Anxo, ti Marta, ti Eduardo, ti Séchu, ti Manolo, ti Uxía, ti Suso, ti Xesús, ti María, ti Elena, ti Cris, ti Alberto, ti Jorge, ti Sebas, ti Bocixa, ti Antón, ti Paula, ti Víctor, ti Roberto, ti Ana, ti Silvia, ti Eva, ti Rodri, ti Pedro, ti Pablo, ti Ramón, ti Vicente, ti Verónica, ti Serxio, ti Rubén, ti Isa... tantos e tantos tis. Aquí estás, ti, Galicia, un ano despois. A Galicia que sempre soñamos ser. E eu agárdándote onde te agardei sempre, na ribeira.

Tan núa como só te ofreces ó mar.

NUNCA MÁIS

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org