culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Unha aperta por ti

Eduardo Galeano escribiu no ano 1995 un libro titulado “El fútbol a sol y a sombra”, no que fai unha homenaxe ó chamado deporte-rei “música do corpo e festa dos ollos” e denuncia, así mesmo, as estructuras de poder dun dos negocios máis lucrativos do mundo. Eu non sei que diría Eduardo Galeano sobre os dramáticos acontecementos que tiveron lugar o pasado martes, 7 de outubro, no estadio San Lázaro de Compostela. Ou da semana pasada en Oviedo, ou de practicamente todas as semanas no Bernabeu. Non sei como se fala da violencia gratuíta sen abrir as veas e condenar a todos os responsables en maior ou menor medida: os altos órganos deportivos, os grupos de seareiros, a policía, os afeccionados... en definitiva, toda a sociedade. Por iso hoxe vou falar de “El libro de los abrazos” de Galeano, para sumarme á súa denuncia desta sociedade contemporánea cínica, neoliberal, hipócrita e consumista. Para demandar a calor dunha aperta.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
“Arrínqueme, señora, as roupas e as dúbidas. Íspame, íspame” (A noite/2). Pequenas e diminutas historias, “pequenas, que non minimalistas” que diría Eduardo Galeano, onde conflúen as grandes temáticas que atravesan, coma un coitelo, a gorxa deste autor víctima do exilio e do posterior reencontro co seu país natal.”Non consigo durmir. Teño unha muller atravesada entre as pálpebras. Se puidese, diríalle que marche; pero teño unha muller atravesada na gorxa” (A noite/3). “El libro de los abrazos” foi publicado en 1989 e dende entón viviu numerosas reedicións. Pode considerarse, de feito, o libro máis popular do autor uruguaio. Non é o primeiro nin o último, senón un chanzo máis no labor creativo deste home que amorea versos, bicos, salaios e suspiros en a penas dúas frases. Suxeito-verbo-predicado. Suxeito-verbo. Verbo-predicado. Di Silvia, aquela que marcou o número 181 no lombo do libro cunha resolución friamente documentalista, que algunhas destas historias son “así, que te quedas con cara de idiota, tan bonitas...”. Da friaxe da catalogación á paixón do obxecto. A súa insistencia regaloume grandes momentos de literatura en pílulas pequenas: “ non o leas dunha vez. É algo que hai que beber en groliños pequenos”. Supoño que é o mellor consello que se lle pode dar a un futuro aprendiz de “El libro de los abrazos”. Grolos pequenos de palabras: grandes farturas de historias.

Da obra literaria de Galeano salienta a súa pegada xornalística. Da súa obra xornalística salienta a pegada literaria. Como nexo común a todas elas rebenta o lume da denuncia, a reivindicación do pouso indíxena de América Latina, a crítica ó capitalismo máis atroz e o canto da amizade. “Helena soñou que falaba por teléfono con Pilar e Antonio, e eran tantas as ganas de darlles unha aperta que conseguía traelos dende España polo tubo. Pilar e Antonio deslizábanse polo tobogán, e deixábanse caer tan campantes, na nosa casa de Montevideo”.

Un mundo de tenrura

O Eduardo Galeano que evidencia as nosas contradiccións en “Patas arriba. La escuela del mundo al revés” íspese de razón e énchese de tenrura en primeira persoa. Converter en literatura a propia vida é un exercicio de absoluta valentía. Galeano foxe do exhibicionismo, primeiro gran risco á hora de falar dun mesmo ou se conformar como personaxe dos propios relatos, e amosa no seu día a día a franqueza dun autor comprometido na obra-na vida (¿é o mesmo? Resulta preferible pensar que non porque ¡ai dalgúns autores!, ou tal vez que si, porque ¡ai dalgúns autores!). “Nos arrabaldes da Habana, chaman ó amigo mi tierra ou mi sangre. En Caracas, o amigo é mi pana ou mi llave: pana por panadería, a fonte do bo pan para a fame da alma; e llave por...
llave por llave –dime Mario Benedetti.
E cóntame que cando vivía en Bos Aires, nos tempos do terror, el levaba cinco chaves alleas no seu chaveiro: cinco chaves, de cinco casas, de cinco amigos: as chaves que o salvaron” (Celebración da amizade/1).

Hai apertas discretas e apertas extensas, tan extensas como para abranguer o océano que o trouxo a Barcelona nos difíciles tempos da dictadura e que o volveu levar no ano 1985 cando recuperou o seu Montevideo. O exilio, a desmemoria, a loita norte-sur (“Ó sur a represión. Ó norte, a depresión”, Mapamundi/2), a alienación, a arte, a cultura de terror, os soños, os risos... todo son apertiñas miúdas nas que se concentra a grandeza dunha alma. Di Galeano que un autor cando escribe abraza ós demais e este é un libro “sobre os vínculos cos demais, os nexos e a memoria que conservei, vínculos de amor, solidariedade. Este é un libro de moitos”. É un libro de tantos que mesmo cabemos os galegos. En “O río do Esquecemento” retrátanos como un pobo cargado de memoria, con dúas memorias e dúas patrias. A min tamén me gustaría vernos así, pero resulta moi difícil. En “Celebración do riso” debuxa a un emigrante de Pontevedra en Río de la Plata que reunía a moita xente ó seu redor para se rir coas súas historias tremendas.

“-O importante é rir –aprendeulle o seu pai– e rir xuntos”.

Pois iso, xuntos.

Cando a festa do fútbol é unha pelexa de energúmenos deixa de ser un deporte para se converter nunha vergoña. E os risos son bágoas.

NUNCA MÁIS

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org