culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Carta aberta a X. A.

Volve setembro, desta volta con máis azos ca nunca. A inestabilidade atmostérica, esta que anuncia un verán de San Miguel tórrido, non impide a vontade de recuperarmos as tarefas pendentes e iniciar a aventura doutras tan doces como amargas. Hoxe "Agardando as lagarteiras" abrolla con folgos inexplicables e unha sección de estrea titulada "Carta aberta a". Trátase dun periplo dende a creación na que unha autora conversa con outros escritores a través dos seus libros e cos lectores como público convidado. A literatura faise carne a través da creación e do intercambio, algo que Xerardo Agrafoxo ("O triángulo de Óscar Wilde", Laiovento 2003) coñece ben.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Os medios de comunicación ofrecen unha canle de expresión para os sen-voz, cada vez máis numerosos neste mundo globalizado de correntes de información tan densas como irregulares. É un mundo onde os fluxos comunicativos circulan febrís norte-norte, abusivos norte-sur e invisibles sur-norte. Non o digo eu. Díxoo McBride a finais da década dos setenta e, maldita sexa, as fendas aumentaron dende entón nos diversos mundos creados en escaleira a partir do seu PIB. Pero non só existen fendas entre estados por mor do seu peso económico senón que dentro dunha mesma área, fanse patentes notables diferencias no acceso ós medios de comunicación por cuestións políticas, sociais ou culturais. Por isto e para intentar salvar o insalvable papel dos medios como cronistas dunha sociedade, estes crearon diversas plataformas para dar voz ós sen-voz. Non falo do dereito de réplica, tan humillado e vilipendiado, senón das cartas abertas. Sempre agochadas nas discretas páxinas pares e reservadas a persoas que representan a colectivos ou particulares considerados de interese público polo xornal (¿?) , as cartas abertas permiten que nos acheguemos a opinións individuais sen as sempre cuestionables citas entre comiñas. O papel do emisor e o papel do receptor están perfectamente definidos e ambos os dous elementos son imprescindibles para a existencia desta modalidade expresiva que nos achega o arrecendo das misivas tradicionais nun tempo en que foxen polo poder demoledor do correo electrónico.

Os creadores como destinatarios
Nesta nova andaina de Agardando as lagarteiras daremos paso a unha serie de cartas abertas. Nelas é evidente que o emisor non varía pero si varía a concepción do receptor. Falaremos de literatura como estamos facendo dende o cerne pero mudaremos o enfoque. Nestas cartas o destinatario será o autor ou autora da obra coa que iniciaremos un diálogo que navega a través do público heteroxéneo que ofrece a rede. Se os creadores e creadoras fornecen ós lectores e lectoras os seus tesouros, nós temos o dereito de contestarlles cara a cara, texto a texto, metáfora a metáfora cos ollos abertos e o corazón na man. Fálase habitualmente dos roces entre escritores, de envexas e maquiavélicas estratexias que distan moito, baixo o meu parecer, da relación habitual entre homes e mulleres entregados ó pracer insuperable da escrita. Aqueles resultan posicionamentos estéticos definidos polos medios para crear o único que parece mover o xornalismo de hoxe: o morbo. Nunca se fala, sen embargo, de como nos influímos, como nos fuximos, como nos copiamos, como nos encontramos nas páxinas dos outros ou como nos buscamos ansiosamente sen atopar nin unha soa liña que poida levarnos a que ese autor ou autora que tanto admiramos teña unha soa única e maldita pegada de noso. Nunca se fala, en definitiva, de literatura. Sei tamén dos riscos destas cartas centrados no pouco ou ningún interese que estas poidan espertar no destinatario ou no público transversal pero serán, en todo caso, homenaxes sentidas á escrita.

Carta aberta a Xerardo Agrafoxo:

Sei que levas escrito máis de quince libros que afondan na nosa historia máis antiga. E tamén na máis recente. Dos petroglifos do Barbanza á guerra civil en Noia e Lousame. Seino porque mo explicas dende a lapela en que nun rostro serio que nunca vin encabeza un currículo de ampla sapiencia. Sen embargo sei que, malia navegar entusiastamente polos regueiros da memoria, gustas máis das viaxes físicas, esas que te levaron da India a Budapest, de América do Sur a Marrocos, de Francia a Florencia e dos campamentos ocupados de Tinduf a Portugal. Pero o periplo máis exótico de todos cantos ti, home de cabeza de billar e gargallada sincera en círculos pechados, abordaches é, sen dúbida, o da escrita de ficción. Ti, que es mestre e afervoado da veracidade dos datos históricos non puideches fuxir do meigallo da invención a partir do coñecido e iso faite, se cadra, máis veraz.

"O triángulo de Óscar Wilde" (Laiovento, 2003) é a túa estrea de sol rechamante e mosaico feminino na portada e sensualidade extrema no interior. Xogas cunha imaxe do autor irlandés para esconder as máis profundas complexidades dos sentimentos cando nos deixas, no alpendre do libro, unha declaración de intencións: O triángulo é a figura clave da xeografía sentimental. Coincido con Riveiro Coello en moitas das cousas que anuncia, coa confianza que dan as moitas horas de tertulia literaria en Boiro, no limiar do volume. El di que a literatura é acó un pretexto e mais un alimento. Eu chamaríalle orixe e fin, alfa e omega da túa incursión na escrita. Ackerman, Eliot, Woolf, Baudelaire, Proust e Conrad son algúns dos autores que che ofrecen pistas, pasarelas dende as cales chimpar ó océano indescifrable en que cada mariñeiro pesca palabras coas que construír o relato. Deles colles o máis sobranceiro e, dígoche a verdade, quixen empezar contigo esta sección de Cartas abertas porque "O triángulo de Óscar Wilde" simboliza a literatura que nos emprestamos e porque, igual que Virxinia Woolf eu tamén penso que a escrita comeza na lectura. Hai pouco fun ver "As horas", a premiada película en que mergullamos no angustioso universo Woolf e sorprendeume encontrar a Meryl Streep na cara da señora Dalloway, esa que tamén encontro no teu relato "Faro de St Ives". Pero estas, estas xa son outras lideiras.

"As bicicletas de San Gimignano"
Sei que acó nos entregas nove historias que poderían ser máis dunha ducia, que a proliferación de ficcións na túa obra é constante e que, unha vez coñecido, non queres abandonar o pracer da inventiva. Estas nove historias lévannos por Compostela, Taormina San Gimignano, Xenebra ou Provenza como espacios físicos e polos difíciles cavorcos do desexo. Porque se algo hai na obra é desexo. Sensualidade non premeditada e xogos caóticos co destino das relacións íntimas. Eu, que son lectora desexosa de alleos mundos que están dispostos a ser contados nunha lingua próxima, agradezo a túa vontade de universalidade e de divulgación, esa que, amigo Xerardo, se che escapa como bo mestre. Sen embargo eu quitaríalle algo a todas e cada unha destas historias. Quitaríalles ese pavor infernal que agochas por demostrar a túa propia literatura. A reiteración de citas e referencias literarias, musicais e fílmicas acaba, necesariamente camuflando o verdadeiro valor do teu talento literario. E non é necesario. Non fai falla. Cometes o erro que cometemos todos cando, inseguros, xustificamos os nosos textos a partir doutros autores de renome. E a literatura que se fai con anacos de todos acaba sendo nosa. Tan nosa. como do vento. Cando quites a máscara do pudor encontraremos a túa literatura espida e núa, sen xustificacións que nunca necesitaches para demostrar a túa valía literaria. Debo dicir que gustei particularmente do libro, ese no que teño escrito tantos apuntamentos das longas tardes de praia en Meirás e que ofreceu unha viaxe extraordinaria. Podes crer que me gustou porque nunca estragaría un espacio tan íntimo cunha obra que non me achegase unha satisfacción miúda. Confésoche, tamén que, me atopei a min mesma no libro. Non estou con Virginia Woolf nin con Proust senón no "agasallo" que me fixo un erro de maquetación ó situar o encabezado "Primavera de Praga" do meu "Corazóns amolecidos en salitre" (Laiovento, 2001) nas páxinas do teu "O fotógrafo holandés". É unha mágoa porque se estivese no relato "As bicicletas de San Gimignano" o acerto sería completo. Para min, é o relato máis marabilloso do libro.

Polo de agora, nada máis meu benquerido amigo de corazón de xabre e de alma mareira do Avilés de torres inacabadas. Agardo a túa nova entrega literaria. Que teña tanta vontade, tanta multiculturalidade, tanto corazón e, se cadra, menos roupa literaria aínda que iso, en relatos eróticos, dea para mal pensar.

Ata que a vida nos encontre de novo en Smara ou na alameda de Noia.

NUNCA MÁIS

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org