culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Onde o mundo é laranxa

A cor laranxa non tiña nome que a designase en ningunha das linguas europeas ata que o froito, a laranxa, chegou de terras asiáticas. Eu aprendinlle a Fran Alonso un cualificativo que me enfeitizou para referirme a esa cor: abutanada. “Era coloradiña como unha bombona de butano”... non hai quen teña dúbida de cómo era esa tonalidade. A cor laranxa serve nos últimos tempos para identificar, seica, unha opción sexual, os membros do colectivo de traballadores en precario, os consumidores dun determinado refresco e, tamén, as últimas entregas literarias de Xabier Queipo e Anxos Sumai.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Dúas revistas culturais galegas que acaban de saír do prelo, ambas as dúas novidosas polos cambios introducidos logo de moitos anos de fructífera traxectoria, ofrécennos seccións destinadas á creación literaria. Trátase da “Guía dos Libros Novos” e de “Grial”. Debemos felicitarnos por esta sorpresa. As entregas literarias de breve extensión presentan unha frescura e unha actualidade salientable, aspectos que fan moi atractiva tanto a resposta dos autores e autoras ó reto como a dos lectores de cara a novos rexistros. Nin Anxos Sumai nin Xabier Queipo, os autores dos que hoxe falaremos, son novatos nestas singraduras literarias. Percíbese que están cómodos no formato dos medios de comunicación, ás veces unha sente incluso que as esixencias impostas pola prensa (electrónica ou de papel) elevan o nivel creativo dos autores.



As présas, o número de matrices e os prazos de entrega crearon sen dúbida burbullas no cerebro acuoso da nosa fada da Arousa. Anxos Sumai estreou a súa sección “Hemisferio Oeste” na “Guía dos Libros Novos” cun título evocador: “Laranxas para Sherezade”. Non é que me guste como escribe Sumai porque destile aromas do mundo árabe. Tampouco é que me guste porque o sabor salgado da ría laie nas súas frases curtiñas e na música atronadora que escoita ata enxordarnos ó resto. E moitísimo menos me gusta porque as súas palabras logren reescribir o presente que vivimos e do que non somos conscientes ata que as súas crónicas o recollen, como unha boa mariscadora da ría (lombo eivado coma o barco da vella e pernas escarranchadas que fan pontes entre a terra e mailo mar) as nosas miserias cotiás. Non. Anxos Sumai gústame porque logrou un modo de contar/literaturizar tan de seu que sería recoñecible en calquera lugar do mundo. En “Laranxas para Sherezade” o ser de ás coa cor das nubes que preside a capela de Carril, no alto da ría de Arousa, fai do Hemisferio Oeste unha patria en que habitar polo único e todopoderoso engado da palabra. Cóntanos Anxos do seu avó, de planetas acedos partidos pola metade e de sultáns que sentan debaixo da figueira da casa paterna. Cóntanos do pasado e do presente, de mundos achegados e afastados, como tamén fai Queipo no relato que nos ofrece o último número da revista “Grial”.


Mestizaxe oriental de Queipo


Non sei o título exacto do seu relato con sabor oriental. Sabor a cítrico. Sabor a harakiri sanguento. Di algo das laranxas, algo así como “A cor laranxa”, non o sei. Debedes desculpar a miña efémera memoria pero se vos digo que a miúdo esquezo os nomes dos meus propios personaxes podedes entender que perda as nomenclaturas literarias dos demais. Esta entrega de Queipo non defraudará ós seus seguidores literarios. Arrecendo laranxa. Nin moitísimo menos. Está á altura das historias de “O ladrón de esperma”, “Malaria sentimental” ou “Papaventos” (por certo, fermosamente traducido ó portugués por “Bebendo o mar”). Tacto laranxa. O escritor compostelán, de oficio biólogo e con lugar de traballo en Bruxelas, demostra de novo a súa paixón pola ruptura dos xéneros, polas fendas no fío argumental e polo xogo intelixente coa lóxica narrativa. Cor laranxa. Tráenos unha vez máis o exotismo das temáticas abordadas, ese que tanto agradecemos no Angkor de “Malaria sentimental” ou nas longas praias do leste americano de “Papaventos”. Son laranxa. A propia inclusión de termos alleos á nosa lingua e á nosa cultura propician unha sensación de verosimilitude e interculturalidade propia e necesaria nos tempos que vivimos. Sabor laranxa. ¿Sabedes que a cor laranxa non tiña nome de seu ata que os froitos chegaron amoreados en caixas dacabalo dun océano de chumbo? Atravesaron o mundo para vir agasallarnos un cualificativo: laranxa. Non sabían que acó xa o posuïamos, que o concepto precedeu á nomenclatura na xeografía da nosa alma. Inventárao Anxos Sumai no seu Hemisferio Oeste cos froitos de Sherezade. Inventárao Xabier Queipo na súa singradura asiática por cores e sensacións de shushi e harakiris. Inventárao Fran Alonso nas ondas abutanadas que acubillaron a Alba. Inventárao María Lado coas laranxas da súa tía Xenoveva correndo polo chan do autobús no cabo do mundo. Inventárao Cunqueiro nas súas illas de Sinbad. Inventárao Carlos Negro en versos da man de Alí Baba. Inventárao Carlos Casares nas laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.



Ficamos coa boca aberta ante tal barco da vella de tinturas monocromáticas. “Pois se a noite que vén sigo con vida e a súa maxestade mo permite, contareivos o resto, que é moito máis abraiante aínda” – respóndenos Sherazade, sendo ben consciente do noso abraio. Haberá que agardar por ela, como polas lagarteiras, ata finais de agosto. Ou ata que decida aparecer para rogarnos un día máis de vida nos diarios da nosa mocidade primeira.


Guía dos libros novos

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org