culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Soños en Neverland

A carpa do País de Nunca Máis é un proxecto cultural promovido pola Plataforma Contra a Burla Negra. Este evento, que percorre a Galicia costeira de Culleredo a Pontevedra pasando por Lira, supón un punto de encontro rico e interdisciplinar que aglutina as máis diversas disciplinas artísticas do país. Da videocreación ó teatro; da música á escultura e da fotografía á performance, centos de creadores voluntarios ofrecen a súa ollada poliédrica sobre unha catástrofe que aínda sacode Galicia. “A lúa é unha rodalla de melón con sabor a fuel”.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Non podo agochar o meu amor por Lira. E por Carnota, e por Lariño, e por Louro, e por Caldebarcos, e polo Pindo, e por tantos lugares tatuados pola pegada dixital do Prestige. Non podo ocultar que os sinto, xa o dixen máis dunha vez, coma paisaxes da miña propia alma arrasada polo fuel e pola incomprensión. Non podo circular por esa sinuosa estrada de curvas, pedra e mar sen sentir un garañón galopando no medio e medio da gorxa. “Esa luz do mar que rompe na miña gorxa,/ co brillo deslumbrante das sardiñas, e que hoxe apreta/ e apreta e apreta e apreta nas cordas vocais/ unha maldición de piche onde afogou a ardora”. Coma quen chega a casa. Coma quen volve logo de miles de quilómetros de indiferencia por estradas que non levan a ningures e rotondas concéntricas que nos mergullan no máis fondo do individualismo. De nós mesmos. Da soidade do trebón na metade do mar. Nós e o universo. Sós. “Ese silencio denso son as voces do embalo,/ as voces coas que o vento mareiro trae, coma un asubío pastoso,/ os espíritos da úlcera do sal”.




Na súa segunda parada, a carpa do País de Nunca Máis, ese Neverland de fantasía e liberdade de Peter Pan, arribou en Lariño. Xusto ó pé do faro naquel recuncho de vento entre Fisterra e Corrubedo ó cabo das luces dos barquiños que navegan pola metade do océano creamos un espacio para a esperanza. “Mira, hai circo, dixérame o meu avó mirando a explanada da beiramar,/ ese lugar desde o que o berbés guicha a ría con devoción./ Eu xa o intuía porque estudiaba nun pupitre de auga gorda/ nunha escola fronte a lonxa da ribeira”. Miles de persoas quixeron que Lira non fose a fin do mundo e convertérona na capital subversiva do reino do mar. Bramou Neptuno dende a beiramar aínda luxada polo fuel un berro de ira e ducias de cabaliños de mar cabalgados por sereas de cola escintilante acompañaron o Nunca Máis que, como a brisa, as algas ou o salitre latexaron no fondo do peito. “A raiba inxéctalle as forzas do mar dos argazos”.



Sen espacio para a indiferencia



Non hai espacio para a indiferencia. “Mulemba, retorna desde o mar,/ non somos excedente de centro, que nos non existe,/ somos nós, habitantes do sal, cidadáns universais,/ aldeáns deste mar que nos entra, que nos entra e penetra/ membros dunha tribo respectable, emigrantes fronte ao mar maldito.”. Volvemos dende o azul cos pés negros, a pel aceitosa e bágoas de veleno no pelo. Fronte ó azul do mar, o azul da carpa sorrí cara ó futuro. “Mulemba, mira o peliqueiro que abre o seu estómago/ contra o mar, ese revulsivo, mulemba, atlántica galicia, / diminuta mamasunción que te recoñeces nas pernas de bambú/ nas túas mariscadoras, na sorte azul das bateas; agora/ ese negro manto de negra desolación fai que toda a auga/ das rías inunde o interior das horas e o tempo/ se estanque na gorxa coma unha lura amarrada ás poteiras”. Aínda queda mañá namentres fuximos dos pesadelos da invernía e soñamos un verán eterno de pés descalzos, corpos nus e olladas francas. Ten que existir o futuro. A carpa de Neverland espréitanos con malicia. Sabe que acubilla, como no seu día acubillou a carpa da confraría de mariñeiros de Lira destinada ós voluntarios, ducias, centos e miles de vontades. E, unha a unha, imos crendo nun futuro. Aínda queda país, que diría Anxos Sumai.



Percorridos pola superficie acuosa dos nosos medos. Territorios vacilantes para a indecisión. O océano escúlcanos con dúbidas. Resulta demasiado tarde para confiar cegamente en nós. “Mulemba,/ ese silencio denso son as voces do embalo,/ as voces que o vento mareiro trae, coma un asubío pastoso,/ do Pindo e do Areal de trece, do Roncudo e de Camelle/ de Muxía e da Punta Cabalo, da Boca do Río e do Cabo Prior,/ das Cantareiras e de Mougás, de Ons e de Lariño,/ da Punta Nariga e do Cabo Vilán, da luz da Robaleira/ e do faro de Silleiro que ouvea, iluminando o ceo negro”. Uxía Senlle recitou fragmentos deste poema de Fran Alonso titulado “Autocollage para un mar de piche” nunha noite estrelecida en Lariño na que moitos quixemos soñar un futuro. Insisto en que aínda queda país namentres existan proxectos como a carpa do País de Nunca Máis, namentres Neverland siga sendo posible da man de centos de persoas que crean (n)o futuro. “Mulemba,/ derramada pedramarrada, / centrifuga e nunca máis, solta amarras, navega mardefora, / velarízate, erotízate, rebélate connosco, pequeno país de sal./ Érguete coma as ondas para sentirnos respirar./ Hoxe, a lúa é unha rodalla con sabor a fuel,/ pero o animal que se debuxa nos seus beizos/ é a sombra dunha enorme balea que, para sempre,/ se subleva no mar”.



Aínda podedes ir esta última fin de semana de xuño a Pontevedra para soñar en Neverland. Para soñar o Nunca Máis.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org