culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O conto do gato chosco

O meu padriño só sabía contarme un conto dos que os nenos considerabamos contos. Cando eu lle pedía que me contase unha historia optaba por dúas variantes: ou os contos de Cuba ou o CONTO. O conto do meu padriño era así, grande, fermoso, farturento e saudoso. Era o único conto que tiña sentido na boca dun emigrante da fame. Era o único conto co que aínda lle vexo o rostro engurrado en contrapicado dende o colo das súas pernas reumáticas ó pé da lareira. Era, para min, o único conto. O noso CONTO, ese co que establecemos un pacto de amor e complicidade, chamabámolo “o do gato chosco” e con el quero festexar o Día Internacional do Libro Infantil. O día do meu padriño.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A todos os nenos e nenas do mundo



No segundo ano de párvulos fixéronme ler “o parruliño feo” e quedei bastante traumatizada. Eran uns libros horribles os daquela época, nada que ver coas xoias ilustradas que podemos adquirir hoxe en día. Sospeito, sen embargo, que o trauma non viña tanto polo propio libro físico senón pola historia que me acababan de narrar. Aquilo non tiña nada que ver cos contos do meu padriño, eses relatos fantásticos da Habana e de Nova York cos que crucei, a bordo das súas palabras, o Atlántico con a penas catro anos. Falábame o meu padriño das súas travesías solitarias de varios meses en barcos inmundos, de cómo foi á procura dos seus irmáns, de cómo o illou a guerra, das pesas de café e do ultramarinos da rúa Estrela. Con sete anos eu tiña o rueiro da Habana perfectamente establecido na miña cabeciña e case cheguei a saber camiñar pola cidade sen me perder. As viaxes da miña imaxinación resultaban absolutamente reais, anainadas polo cheiro dos puros, pola chegada dos barcos de emigrantes ó Malecón e polo medo ós tabeiróns e ós agoiros funestos das santeras. As miñas viaxes á Habana non teñen fotografías de recordo alén do rostro morriñento do meu avó cando me chamaba “mi mulatica” nas tardes de serán baixo a figueira.



O meu avó


Pero esas, esas son historias máis íntimas que establecemos en triángulo de complicidade o meu padriño, a miña nai e máis eu. Son os contos infantís que máis quero. Sen embargo, o único conto que o meu padriño dicía que sabía era o do “gato chosco”. Fascinábame velo escarranchado na cadeira da eira ou deitado na cama cos ataques de artrose coa mirada chorosa e lembro, polo miúdo, todos e cada un dos seus acenos e cadencias no relato. Gustáballe moito contárnolo, supoño que os nosos ollos de prato e as nosas preguntas para acelerar o ritmo da historia resultaban bos alicientes. Dicía o meu avó que había un rato no monte que andaba eslamiado e morto de fame polas corredoiras. Disque se lle vían as costelas porque o único que apañaba para encher o bandullo eran landras, noces e faragullas. Un día recibiu o aviso do seu curmán, un rato que vivía nunha casa grande para que lle fixese unha visita. Seica lle dixo que aquela era casa de fartura e que podía esquecer a fame para sempre. O rato de monte decidiu abandonar a súa terra ante tan suculenta proposta e marchou visitar ó curmán. Cando chegou á casa, o rato anfitrión, gordo como un pote, fíxolle unha visita polas dependencias da casa. Esta era a parte coa que máis gozaba o meu avó, un home grandón e comechón que devecía polo bo xantar. El relataba polo miúdo todas e cada unha das larpeiradas que tiñan na lareira e na artesa facendo que os cativos salivasemos ante tanta magnificencia.


-¿E había chourizos?


-Había


-¿E nocilla?


-Había


-¿E que máis?


-Había queixo de varios tipos, e costelas salgadas, e xamóns, e lacóns, e pantrigo, e centeo, e maínzo....



Aínda hoxe miro como lle alumeaban os ollos ante tanta fartura, a el que pasara tanta fame na infancia en Meirás antes de emigrar a América e que, daquela, se sentía privado de moitas larpeiradas por mor do ácido úrico. O rato gordo –continuaba–- advertiulle ó ratiño de monte que só había un inconveniente.



– -Na casa hai un gato grande, pero está chosco dun ollo así que o único que tes que facer, cada vez que o encontres, é pasar polo lado do ollo malo.



Disque o ratiño de monte colleu algo de medo pero confiou na boa vontade do parente e dispúxose a imitalo na captura de alimentos. Pasaron os días e o ratiño engordou considerablemente. Non lle perdera o medo ó gato pero baixou a garda e deixouse levar pola boa vida. Pola fartura. Sen embargo, unha tarde que o ratiño espreitaba dende o alpendre as carreiras do seu parente, viu como o gato o engulía cun rápido movemento de gadoupa. Foi visto e non visto. O meu avó imitaba o xesto do gato e facíanos cóxegas coma quen nos trababa na barriga. El dicía que o ratiño non o pensara nin un chisco e marchara doente para o monte. Daquela viña outro dos momentos máis emocionantes cando o meu avó anunciaba, con voz de colorincolorado, o fin do conto: “e dixo o ratiño: máis vale fraco no monte...” e nós berrabamos “...ca gordo no cu do gato”. Entón aplaudiamos estentoreamente antes de liscar coma chispas pola eira adiante. Este é o conto da fame, da morriña do fogar e dos perigos do mundo adiante. Este é o conto do meu padriño. O noso conto.



Rato de campo e rato de cidade



Kalandraka acaba de publicar o conto “Rato de campo e rato de cidade” escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Kiko Dasilva. Como xa dixen noutras ocasións, esta editorial de Pontevedra non publica "só" albums ilustrados senón pequenas grandes xoias literarias. Fascíname a textura case táctil deste relato e, tamén teño que recoñecer, gústame moito o conto. Pero, coma no caso do “parruliño feo” que lin en párvulos, non é o meu conto do rato de monte. A base tradicional pode ser semellante, pero non é o conto do meu padriño. Non ten os seus acenos, as súas pausas, os seus ollos chorosos, o seu sorriso sen dentes e o seu amor pola fartura. Fáltalle o gato chosco, a fachenda do rato gordo da casa, a miseria do rato fraco do monte e aquela descrición marabillosa dos alimentos da artesa. Fáltame o meu padriño.


Gustaríame que moitos avós do mundo puidesen, nun día coma hoxe, contar contos de fadas, trasnos e ratos de monte ós seus netos. Oxalá non tivesen, pola contra, que protexer o seus corpos miúdos dos tomahawk desa “guerra preventiva enfocada a obxectivos militares concretos”.



NUNCA MÁIS. NON Á GUERRA

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org