culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Agasallos para soñar

Os agasallos serven para ver como nos ven. Quen nos fai un regalo estanos definindo nese obxecto. Está espindo o que cre de nós, ou o que nós lle facemos crer sobre nosoutros mesmos. María do Cebreiro ten unha interesante reflexión sobre os espellos. As imaxes que cadaquén espalla de si mesmo polo mundo toman forma nos detalles que nun aniversario aparecen, como por arte de maxia, para alumear o día. Mesmo hai quen obsequia libros.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Gústanme os agasallos, aínda que me gusta bastante máis facelos que que mos fagan. Creo que a ninguén lle gusta que lle digan como é. Cando me fan un regalo sempre penso que carestías ou que cousas cren os amigos e os familiares que debo solucionar na miña vida. Este ano recibín regalos que me puxeron as pilas. Teño un amigo e unha amiga que me regalaron un caderno, un sacapuntas e máis uns minicontos. ¡Un caderno! É certo. Hai tempo que non escribo. Tal vez o Prestige anegoume todos os cadernos posibles neste tempo de incerteza e intemperie. Se os amigos cren que che poden regalar un caderno implica que poden pensar que iso che vai ser útil e ( aínda que xa é moito imaxinar), ó mellor lles gusta o que escribes.

A miña nai, que é moito máis moderna cós meus amigos, turrou cun cactus cereus porque disque paso moitas horas no ordenador e esa plantiña engule todo tipo de ondas malignas. Seica alguén llo dixo en clase de informática. Nunca se pode contradicir a unha nai. Se ela di que as come, comeraas. Outra grande amiga regaloume ¡outro caderno! Decididamente debo xuntar moitas letras para encher tantos desexos de que escriba. Como sei que me queren ben, sei tamén que non o consideran unha perda de tempo. Nunca me desexarían tal cousa. Esta amiga tamén me regalou unha fotografía para perder os ollos na súa penumbra. Uns amigos que me acompañan moitas horas ó día decidiron regalarme un pano para o pescozo (sei que saben que, ás veces, paso frío) e unhas herbiñas para cociñar (agora estou coas receitas asiáticas...).


Curiosamente, hai algo no que coincidiron: todos os libros que me regalaron son da mesma editorial. Realmente, é o billete do medio de transporte máis barato que me poden conseguir, a min, que devezo polas viaxes. Como agradecemento, quero escribirvos neste caderno electrónico sen ondas malignas gracias á miña nai sobre a editorial Kalandraka. Para que vexades canto me gustaron os libros que unha mañá ben fría de febreiro entraron na miña vida.


Kalandraka


"Un libro ilustrado é un poema onde non se deben percibir as costuras" dicía Maurice Sendak. Desta idea parte Kalandraka editora, unha empresa que naceu en Pontevedra o día 2 de abril de 1998, coincidindo o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. A súa pretensión era chegar a un público algo esquecido polo mercado editorial galego: os primeiros lectores. E lográrono a través duns libros nos que texto e imaxes se fundan nunha comunicación perfecta, libros cos que un cativo pode entender a historia mesmo antes de saber ler. A calidade estética e literaria de Kalandraka parece incuestionable. Só é necesario aproximarse a un pícaro para entender o porqué do éxito desta editorial que arriscou sen pudor cun concepto extraordinario da literatura: aprender a soñar. Eu sei dun rapaciño chamado Marcos de tres anos que fala do coelliño branco (Premio Nacional de Ilustración) coma se fose un amigo íntimo, tan real como o que lle fai rabear na gardería. Ese mesmo rapaz negouse a subir á bicicleta sen un casco protector porque, nun conto, unha ra caía do triciclo e esnafraba a cabeza. Ou doutros nenos que deixaron de chorar ó entrar na bañeira despois de ler “As porcas porquiñas”. Son consciente dalgunhas aprendizaxes que eu mesma saquei dalgúns contos infantís. Pero iso son verdades demasiado íntimas como para expoñelas aquí.


Supostos adultos


Os adultos (algo que, polo visto, outorga o número de anos e non a madurez mental) temos certo medo a achegármonos ós libros infantís. Eu creo que é porque nos revelan verdades demasiado francas para nós, eses seres que estamos tan acostumados ás reviravoltas, ás hipocrisías e ás dobres intencións. Fuximos dos andeis de infantil das librerías coma se nelas mirasemos o demo. Anxos e José regaláronme unha caixiña preciosa de Minilibros para soñar (n.2) no que aparece o conto de “O traxe novo do emperador”. Sen dúbida, ese texto metaforiza a relación dos adultos cos contos infantís. Non nos gustan as verdades, por moi evidentes que sexan. E os contos non falan nun idioma politicamente correcto: os contos berran.


Se vos atrevedes a achegarvos ós libros infantís recoméndovos as caixiñas máxicas de Kalandraka. Cada unha delas contén 7 historias de 7x7cm (número máxico, o favorito do meu irmán). Esas son as dimensións físicas duns relatos que nos levan a un mundo inabranguible de imaxinacións poderosas nas que a palabra e a ilustración constitúen un único billete para soñar. Non resulta difícil. Só hai que liberarse das cordas do real. Pero, ademais desta, Kalandraka ofrécenos outras oito coleccións: A biblioteca de Panteno, Sondeconto, Os contos do Trasno, Seteleguas, Demademora, Tiramillas, Maremar e Tras os Contos. Son todas claves para xogar cos propios prexuízos, para achegármonos ás historias de aquí e do mundo, unha fantástica maneira de romper.


Outro dos agasallos que recibín da editorial Kalandraka é a “Gramática da Fantasía. Introducción á arte de contar historias” de Gianni Rodari e traducido ó galego por Silvia Gaspar. Seredes vós quen xulguedes o que aprendín con esta obra.


Con respecto ós cadernos, vounos levar na matadora viaxe de autobús a Madrid. Quizais teña algo que contar.



Nunca Máis.



Gracias a todos e todas polos agasallos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org