culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

24. O tamaño importa (II)

O final twist ou o remate aberto

10 / 4 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Non é infrecuente facer unha crítica das narracións breves e identificalas coa posibilidade de ser esquecidas de contado, por contraposición ás novelas longas, onde o lector fica máis tempo “na historia”. Colíxese que esas novelas van deixar unha maior pegada na memoria. Esta teoría, co seu aquel racional, non deixa de ser cuestionábel. Cantas veces regresamos a reler “A metamorfose” de Kafka ou os contos de “Arraianos” de Méndez Ferrín. Seguirán a mesma sorte as novelas que levaron, por poñer un exemplo, o Premio da Crítica de Galicia nos últimos 10 anos? Podería alguén dos lectores numeralas sequera en orde cronolóxica? Nestas dúas entregas, nas cartas marcadas XXIII e XIV, que rematan un ano de colaboración na páxina do Consello da Cultura Galega, pretendo demostrar a vixencia e importancia da narración breve nunha sociedade como a galega cunha importante tradición de contadores de contos.

Unha das características dos contos máis loados da historia da literatura é o que se chama, “the final twist”, é dicir un final inesperado, onde a trama da narración leva, por mor dun xogo de palabras ou de espellos a un final totalmente distinto do que se esperaba. Hai miles de exemplos, pois poucos son os narradores que se resisten a esta técnica. Mais outra volta non é esta característica exclusiva das narracións curtas, pois algúns tipos de novelas de xénero, particularmente as “novelas negras”, a trama adoita conducir ao lector cara á solución dun enigma, onde se empregan todas as truculencias da imaxinación e da arte de narrar (a metamorfose) para que a solución non sexa precisamente a que esperaba o lector.

Tamén é doado nunha narración curta, onde se conta un suceso illado, ou onde se describe unha situación particular, o deixar o final aberto, é dicir, que non se sabe que aconteceu con esta ou aquela personaxe, nin cal é a solución, o remate final da historia. Mais esa é tamén a posibilidade explotada por narradores de longo alento, que nas súas novelas deixan o final en suspenso, para poder así retomar a historia onde a deixaran en futuras entregas narrativas. Hai exemplos a moreas, mais se cadra os máis evidentes son aqueles onde cada novela constitúe parte dun mosaico, dun fresco pictórico do que cada libro publicado non é en si mesmo máis que unha sección, unha parte. Sagas familiares ou históricas, onde se describen as vidas de varias xeracións, novelas de toda unha vida(1), triloxías verdadeiras ou falsas, constitúen, sempre segundo os editores, os valores máis sólidos, os que en definitiva van consagrar a un autor ou non.

Rebater con exemplos semella doado: Escoitariamos falar de Cortázar se non fose polos seus contos? Non chegaron dous relatos longos (dúas “novelas curtas”, se se prefire), para facer de Rulfo un dos escritores máis celebrados da narrativa do século XX? Pasarían Poe ou Lovecraft á historia da literatura se non tivesen escrito contos? Poderían citar algunha novela de Jorge Luís Borges?


Do marketing e outras historias desaforadas

Certo que o terreo breve é mais doado para os experimentos, é dicir para innovación formal, á que tanto xogaban os surrealistas, os membros de Oulipo(2), ou algúns dos nosos máis celebrados autores(3), mais teño por seguro que os editores non están pola labor das “probas”, dos experimentos. Non hai máis que ver como e a que textos se conceden os premios literarios, as máis das veces conservadores no que se refire ás formas (o do tema é outra cousa, pois axuda a vender que sexa polémico ou moderno). Non falo en exclusiva dos editores galegos, pois isto da edición deixou de ser un negocio pequeno para se converter, nos máis dos casos, no negocio dunha multinacional, onde o que prima non é a excelencia do produto, senón o gaño a curto prazo.

Coido que tras da preferencia pola literatura de “longo alento”, é dicir da novela en detrimento do relato breve ou da novela curta, do conto ou doutras experiencias co tamaño pequeno, hai unha manobra comercial. Non pode ser doutro xeito, senón non se entende que a publicidade nos medios se centre case exclusivamente nas novelas, que a prioridade nas mesas de novidades se lle dea ás novelas, que as presentacións de novelas teñan outro bombo e que as críticas de novelas se privilexien sobre calquera outra manifestación literaria.

Esta é unha historia desaforada como aquelas que narraba Bioy Casares, non tanto porque se pretenda uniformizar o mercado de lectores potenciais, o que xa é en si mesmo unha aberración; non só porque se condene aos escritores noveis a ter que se mover nuns rexistros de espazo determinados, o que é unha limitación excesiva á súa capacidade de expresión literaria, que levará aos máis a experimentar outras saídas á súa sensibilidade, senón porque constitúe unha castración individual e colectiva do xeito de narrar, ou sexa do xeito de entender o mundo.

A magnificación da novela (é canto máis “gorda”, mellor) como categoría literaria é un reflexo do pensamento único (neste caso literario) e unha limitación para os creadores (4), da que teremos que ver como nos zafamos para non afogar.


Corolario: homeopatía narrativa

Chegados a este punto, compre reflexionar ou tirar conclusións, que é o que o meu profesor de xeometría facía logo de propoñer unha hipótese e tratar de a demostrar. A miña hipótese é a da paridade de valor narrativo (artístico) independentemente do tamaño.

Tratei de mostrar que non hai características especiais no conto ou na narración breve que a afasten da novela, nin hai necesariamente unha categoría inferior na prosa de extensión limitada.

O do relato breve funciona como unha autovacina, en canto un experimenta unha serie deles, vai gañado en defensas contra os argumentos que os intentan situar nunha categoría secundaria, e nun momento dado, xa un se encontra inmune ás manobras de marketing ou ás recomendacións dos auto proclamados gurús, encontrando o seu lugar no mundo como lector (5).

Mesmo que non adoito aconsellar, neste caso me atrevería a dicir que experimenten coa narrativa breve, na nosa lingua ou noutras, que o sectarismo nunca foi medida de liberdade, que non se deixen levar polo que marque o abandeirado, que desconfíen das unanimidades e dos estándares, que procuren o seu propio camiño, que sexan libre pensadores e abertos ás experiencias. Se o son na arquitectura e na pintura, na música ou no teatro, no cinema ou na danza, por qué non selo coa literatura? Que o impide, o mercado? Como diría un bo amigo meu, portugués de nación e home de firmes conviccións, “o mercado, eu estoume marimbando niso”.

Xavier Queipo
Bruxelas, abril de 2008



1. Se cadra “A la recherche du temps perdu », sexa un caso paradigmático que acode de seguida á memoria.

2. Ouvrage de Literatture potentielle, do que foron membros Perec, Queneau, Calvino, etc e que adoitaba « xogar », ou se se prefire “experimentar”, coa linguaxe (palindromos, fitas de Moebius, textos que empregaban técnicas aleatorias, etc.).

3. Hai, por exemplo, no libro de Carlos Casares, “Os escuros soños de Clío », unha aposta interesante pola innovación formal; como tamén se dá en “Polaroid”, de Suso de Toro, ambos os dous escritores xa clásicos no sistema literario galego. Tamén hai experimentación abonda en toda a obra de Gonzalo Navaza, se cadra o noso autor máis “oulipienne”.

4. Eu como saberán algúns, tamén escribo novelas, e non me arrepinto de ningunha delas, mais valoro en igual medida os libros propios e alleos que non acadan esa categoría “áurea”.

5. Versión literaria do que recomendaba Carlos Castaneda no seu “Viaje a Ixtlán”

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org