culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

17. A importancia das primeiras liñas (punto de vista do lector)

Na escola aprendéranme que para escoller un libro dos andeis dunha biblioteca ou dunha libraría tería que rexeitar varios engados, a saber: a) a cuberta, que non necesariamente ten que ver co contido, que pode ser mesmo enganosa e que non fala do libro, senón que constitúe un atractivo comercial, como a publicidade, as listas de máis vendidos ou a presenza do libro na mesa de novidades; b) o que poña ou deixe de poñer na contracapa, pois adoita ser unha prosa pactada e sempre laudatoria, se cadra dá unha idea aproximada da temática, mais non vai máis alá; c) o que digan as críticas, pois poucas son as que se poden así chamar, argumentadas e sistemáticas, e abundan pola contra as que non pasan de nos contar o argumento para logo dar algunha estocada filolóxica ou abondar en prexuízos estilísticos, coma se a literatura non fose unha arte, que coñece os canons para xa mesmo transgredilos(1).

3 / 1 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Na escola aprendéranme, pola contra, que o importante é o “contrato” que o escritor establece co lector potencial, e que este contrato reside nas primeiras páxinas do libro. Certo que convén facer algunhas catas no interior, por ver se ese contrato se mantén ou se trataba só dunha miraxe, mais certo tamén, que se un libro non nos engaiola dende o inicio, mala cousa, pois a lectura farase aborrecida e contracorrente, e porén, pouco fluída.

Na miña experiencia de lector, teño interrompido a lectura en non poucas ocasións, non necesariamente por preguiza senón as máis das veces por desencanto, cando logo dunhas cantas páxinas a novela non me acababa de enganchar, por moi recomendada que estivese, por moitos premios que levase ou por moi clásica que ela fose. Os motivos dese desencanto poden ser varios, entre eles algúns de índole privada, particularmente cando as circunstancias da lectura non son as mellores e un non se consegue centrar no que está facendo –a lectura é un exercicio activo e require dun esforzo por parte do que le- por razóns internas –angueiras varias- ou externas –ambiente pouco propicio.

Tres exemplos ilustrativos

a) A narración coral
Cando un colle entre as súas mans un clásico como a “Odisea”(2) e le a “Invocación”, ábrese un mundo que incita a paixón do lector adiantándolle de que vai a narración que vai acometer: “Fálame, Musa, daquel home, o das mil estrataxemas, que tantísimo tempo andou errante, despois de saquea-la sagrada cidade de Troia. O que tantos pobos viu e, de moitos homes, os costumes coñeceu; o que tantas angustias pasou sobre os mares, ó tratar de salva-la súa vida e chegar á terra de volta cos compañeiros. Mais, aínda así, con todo o seu gran desexo, non conseguiu preserva-la súa xente da ruína.”

Non hai moito que dicir, o contrato cos lectores está claro, a narración do periplo dun heroe que percorre os mares coñecidos e ten unha morea de aventuras, e que por mor da súa teimosía non consegue salvar á súa xente. Iso fai que acorde o interese dos lectores por unha historia que se anuncia inzada de aventuras e de angustias, de malos pasos e futuro incerto. Quen pode resistir ao engado destas liñas? Quen pode non ter curiosidade por saber cales foron os lugares que o heroe visitou e os pobos con que entrou en contacto? Quen non terá interese por saber se logo dese periplo chegou á súa terra e que situación alí encontrou? Despois, cando un vai avanzando na lectura non hai decepción, o que se nos indicou ao inicio, o contrato de contar mil e unha aventuras, é fiel ao que acontece. A un pode gustarlle ou non, mais o contrato de Homero é sincero e leal: será un xeito de diálogo o que vai percorrer a trama, haberá preguntas múltiples e respostas ensarilladas coma as doas no fío dun colar.

b) O narrador en primeira persoa
Hai outro inicio de novela espectacular no caso de “Moby Dick”, de Herman Melville, que así comeza(3): “Tratem-me de Ismael. Há alguns anos –não interessa quantos exactamente-, achando-me com pouco ou nenhum dinheiro na bolsa, e sem qualquer interesse especial que me prendese à terra firme, sentí vontade de embarcar e de ver a parte aquática do mundo. É uma maneira que eu tenho de afastar a melancolia e de normalizar a circulação.”

Fálase aquí tamén de aventuras, mais neste caso o narrador traballa en primeira persoa e deixa moi claro que non importa o seu nome nin as datas precisas na que o narrado aconteceu, coma se o escritor quixese dalgún xeito evitar que se recoñecesen algúns nomes e situacións, coma se nos quixese dicir que a primeira persoa non é el propio, senón alguén creado pola súa fantasía. Coma se nos estivese avanzando que a mestura de realidade e ficción vai ser a tónica xeral do libro. Quen non encontra neste comezo misterioso a invitación a seguir o que Ismael lle vai contar? Quen non anticipa unha chea de aventuras marítimas, unha navegación tortuosa? Logo dun comezo puramente fantástico, a novela introduce unha morea de capítulos explicativos de historia natural, onde técnica descritiva e ciencia se mesturan, como tantas veces acontece noutros narradores interesados polo saber do seu tempo, como Jules Verne ou Robert L. Stevenson. Mais eses capítulos que bordean a digresión científica, non alteran a grandiosidade da obra e, son, de certo, mais unha característica da época na que se escribiron, onde as novelas se publicaban en “folletín”, nos diarios e o interese do autor era estendelas o máis posíbel, pois cobraba por palabra e diso vivía ou intentaba vivir. Constitúen as ancoraxes necesarias coa realidade nun relato que doutro sería pura ficción.

c) O narrador omnisciente
Pola súa banda, no inicio da súa novela “El General en su laberinto”(4), Gabriel García Márquez, escribe: “José Palacios, su servidor más antiguo, lo encontró flotando en las aguas depurativas de la bañera, desnudo y con los ojos abiertos, y creyó que se había ahogado. Sabía que ese era uno de sus muchos modos de meditar, pero el estado de éxtasis en que yacía a la deriva parecía de alguien que ya no era de este mundo. No se atrevió a acercarse, sino que lo llamó con voz sorda de acuerdo con la orden de despertarlo antes de las cinco para viajar con las primeras luces. El general emergió del hechizo, y vió en la penumbra los ojos de ardilla, la majestad impávida de su mayordomo de todos los días sosteniendo en la mano el pocillo con la infusión de amapolas con goma. El general se agarró sin fuerzas de las asas de la bañera, y surgió de entre las aguas medicinales con el ímpetu de un delfín que no era de esperar en un cuerpo tan desmedrado.
“Vamonós”, dijo. “Volando, que aquí no nos quiere nadie”.”

A cita é longa, mais aventura moi ben o que vai ser a novela, que relata dun xeito agónico, a través dun narrador omnisciente, os últimos días do xeneral Simón Bolívar, de como era home mirrado polos achaques (corpo tan desmedrado) mais forte de convicción (xurdiu das augas medicinais co ímpeto dun golfiño). Introduce tamén a figura de José Palacios, (o seu servidor máis antigo e mordomo de todos os días). Quen non descobre nestas primeiras liñas o engado do que será sen dúbida, por pouco que se coñeza ao autor, un relato marabilloso ou a biografía fantástica dun home que co seu ímpeto contradí o minguado do seu físico? Quen non ve, nesa afirmación extrema, nese “aquí no nos quiere nadie”, o que será o sino do protagonista? Quen non anticipa o rol fundamental que nesta historia vai ter José Palacios, mordomo de todos os días?

Corolario
Sexa cal sexa o tipo de narración –coral, en primeira ou terceira persoa- as primeiras liñas constitúen, sen dúbida, o fragmento máis crítico da novela, pois establecen as pautas do que esta vai ser. Serven de amocelo para prender o lector ou de axente disuasivo na continuación da lectura. Serven tamén de guía condutora que vai marcar o estilo, a categorización que o lector faga do narrado.

Non sempre acontece así –vénme a memoria “El Jarama”, de Rafael Sánchez Ferlosio, novela que comeza cunha descrición polo miúdo da xeografía física do río para avanzar, varias páxinas adiante, no que vai ser a trama da novela. Máis isto constitúe a excepción e non a norma, que é o que tratei de comentar anteriormente. Non hai que esquecer aquí, pois ven a conto, aquela máxima inglesa que di: “as normas están feitas para a orientación dos sabios e o seguimento dos tolos.”


Xavier Queipo
Vigo, Nadal do 2007

1.- Ensináronme tamén que o feito dun libro vir precedido dun premio non é necesariamente garantía de calidade (nin o contrario tampouco).
2.- Como non sei grego clásico, collo a cita da tradución ao galego que Evaristo de Sela fixo para o Consello da Cultura Galega en 1992 e da que gardo a escrita orixinal.
3.- Recollo a versión portuguesa por ser a máis próxima á nosa lingua, onde, ao meu coñecemento, o texto non está aínda traducido. A edición que teño comigo é de Joaquim L. Duarte Peixoto para as Publicações Europa-América, sen que se dea referencia ao ano de publicación.
4.- Teño diante a edición de Mondadori, de 1989.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org